
A CIG denuncia que o Goberno do Estado salte a Mesa Xeral de Negociación do persoal empregado público e trate de negociar un novo acordo salarial cos sindicatos estatais no dialogo social
O sindicato maioritario na Galiza alerta das consecuencias de pactos pola porta de atrás que provocaron unha perda constante do poder adquisitivo no sector público
Onte, luns 24 de marzo, o Ministro de Función Pública tivo unha xuntanza cos sindicatos estatais para negociar un novo acordo salarial na administración pública, para os vindeiros anos. Unha práctica habitual nos últimos anos que tivo consecuencias moi negativas para os nosos salarios e dereitos. Os últimos acordos asinados por CSIF, CCOO e UXT que se negociaron fóra do ámbito legal de negociación deixáronos una perda de máis do 20% de poder adquisitivo e non foron capaces de derrogar a lexislación que nos impuxo os recortes na administración.
A Área Pública da CIG denuncia que o Goberno do Estado, coa complicidade dos sindicatos estatais, pretenda novamente alcanzar un acordo sen atender as nosas reivindicacións e dando por bo que continuemos perdendo poder adquisitivo.
Esta situación non é asumíbel e a CIG demanda que se estabeleza por lei unha cláusula de garantía salarial ligada ao IPC real que opere todos os anos, para que así o que suba o IPC o suban tamén os nosos salarios. Tamén é preciso chegar a acordos salariais plurianuais que nos permitan gañar poder adquisitivo, recuperando cando menos unha parte do que nos roubaron, e para o que neste 2025 propomos un 5% en liña co que subiron os salarios na ámbito privado.
Tampouco é asumíbel que ningunha persoa empregada pública cobre o salario mínimo interprofesional e a Mesa Xeral dos e das empregadas públicas, debera ser o ámbito para abordar esta situación que cada vez é máis habitual, sobre todo na administración Local.
En materia de xornada laboral xa é hora da redución da xornada laboral a 35 horas semanais en 2025 e avanzar cara ás 32 horas en 2026, coas necesarias adaptación a diferentes ámbitos como o ensino ao respecto da docencia directa. Tamén defendemos a eliminación da taxa de reposición, a creación de novas prazas, a actualización dos perfís laborais (perfís dixitais) e a regulación do teletraballo, para adaptarnos á realidade actual e garantir o emprego público e o servizo de calidade á cidadanía.
No que ten que ver coa xubilación opómonos ás reformas do goberno que pretenden eliminar a xubilación forzosa e prolongar a idade de xubilación voluntaria ata os 72 anos. Defendemos a recuperación da xubilación parcial aos 61 anos para todo o persoal empregado público así como a recuperación da xubilación anticipada no Réxime de Clases Pasivas, xunto co aumento dos seus haberes reguladores para equiparar os réximes.
Propoñemos, por último, crear un ámbito de negociación específico para Galiza que promova o uso e coñecemento da nosa lingua no acceso e provisión de postos, así como un complemento salarial por este motivo. Queremos avanzar cara a unha sociedade con plenos dereitos lingüísticos.