A CIG denuncia os abusivos servizos mínimos propostos pola Xunta para a folga de mulleres do 8M

Nega o dereito á folga ao persoal das unitarias

A CIG denunciou esta mañá, na xuntanza celebrada para negociar os servizos mínimos para a folga de mulleres do vindeiro 8 de marzo, que a proposta presentada pola Xunta é, igual que a presentada o ano pasado, “abusiva”. A central sindical subliñou que só están chamadas á folga as mulleres  e exixiu que “aqueles servizos mínimos que teñan que ser decretados, sexan cubertos por homes sempre que sexa posíbel”.

Desde a CIG Ensino denunciamos que se negue o dereito á folga a todas as compañeiras que desempeñan o seu labor nas unitarias que non estean incluídas nun CRA, e seguimos sen entender por que non se traslada o que se permite para os equipos directivos dos centros de menos de seis unidades (Nos centros de menos de 6 unidades o/a director/a poderá ser substituído/a por un membro do equipo docente) a todos os centros do ensino, co cal se limita o dereito á folga das equipas directivas.

A secretaria de Organización da CIG, Susana Méndez, lembra que o decreto de servizos mínimos para a folga do 8M de 2018 foi anulado polos tribunais e afirma que “xa non é a primeira vez. Imos cansas de ver como decretos de servizos mínimos que desde a CIG consideramos abusivos tamén desde a xustiza se anulan por excesivos e por vulnerar o dereito de folga”.

Méndez agarda que desta volta non se decreten uns mínimos tan “sobredimensionados” e non se faga publicando o decreto “a menos de 20 horas antes do comezo da folga”, como ocorreu o ano pasado. Algo que na sentenza emitida se recolleu como “abuso da posición de autoridade da administración” por ter sido publicado con tan pouca antelación e unha semana despois de terse negociado “limitando o dereito a impugnalos e mesmo a acción do tribunal para ditar as medidas cautelares”.

A CIG denuncia ademais a pouca antelación coa que se remitiu a proposta da administración na que, en todo caso, reitera que se pretenden decretar uns servizos mínimos “fóra de lugar, excesivos e que parece que buscan impedir ás mulleres exercer o seu dereito de folga, cando menos nalgúns casos concretos”.

Máis servizos mínimos que en 2018

Susana Méndez incide no “curioso” que resulta que, con respecto aos mínimos decretados o ano pasado e anulados por abusivos pola xustiza, desta volta se recollan mesmo maiores efectivos en sectores e categorías que, ademais, son esencialmente desenvolvidas por mulleres. En concreto cita residencias de maiores ou centros de atención a dependentes, onde se aumentan efectivos de mínimos de cociña ou de camareiras/limpadoras, como no caso das Residencias de Maiores de Carballo, Oleiros ou Vimianzo, entre outros.

Servizos mínimos no ensino

Engadimos o que se inclúe no decreto de servizos mínimos publicado hoxe no DOG (Ligazón) e que tal e como dicimos no comezo da nova serán denunciados.

Centros docentes non universitarios de titularidade pública:

A dirección ou membro do equipo da dirección e un subalterno ou subalterna en cada centro escolar. Nos centros de menos de 6 unidades o/a director/a poderá ser substituído/a por un membro do equipo docente. En todo caso, quedará garantida a apertura e peche detodos os centros.

Unha persoa de cociña nos centros ordinarios con comedor escolar de xestión directa. Un encargado do cátering en cada un dos comedores de xestión indirecta.

1 auxiliar coidador/a en cada centro educativo que non sexa centro de educación especial e que neste curso teña asignado persoal desa categoría.

O 20 % do persoal de comedores, limpeza e subalternos nos centros residenciais docentes.

O 20 % do persoal de comedores, ATS, limpeza, coidadores e persoal médico dos centros de educación especial.

A designación nominal do persoal que deberá cubrir os distintos servizos relacionados neste punto será realizada pola dirección do centro respectivo e publicarase no taboleiro de anuncios do centro.

Centros de ensino privados e concertados:

Manteranse os servizos mínimos establecidos para os centros docentes públicos de ensino dependentes desta consellería.

Universidades galegas:

1 empregado/a da área de conserxaría por quenda de traballo en cada facultade, esco- la, centro de investigación e demais centros administrativos.

1 funcionario/a no rexistro oficial de cada campus.

1 empregado/a do persoal de secretaría do reitor, e dos/das vicerreitores/as dos campus onde non estea a sede reitoral.

 

Volver