
A CIG denuncia a privatización da formación universitaria na rama sanitaria
As federacións de Saúde e Ensino manifestan a súa oposición á implantación de graos na universidade privada de Abanca que xa existen na pública
CIG-Saúde e CIG-Ensino, manifestaron esta mañá, en rolda de prensa, a súa firme oposición á implantación de graos universitarios no ámbito sanitario na Universidade Intercontinental da Empresa (UIE), a universidade privada de Abanca, que duplican ou compiten con titulacións xa ofertadas polo sistema público.
Manuel González Moreira, secretario nacional de CIG-Saúde, e Suso Bermello, secretario nacional de CIG-Ensino, denunciaron a “competencia desleal” promovida pola Xunta de Galicia, que favorece o negocio privado en detrimento da universidade pública, comprometendo a calidade da formación sanitaria e agravando a precarización laboral.
A UIE, en colaboración co grupo hospitalario privado HM Hospitais, planea impartir graos en Enfermaría, Biomedicina, Fisioterapia Médica e Deportiva, Podoloxía, Optometría e Fonoaudioloxía, e Xestión de Sistemas de Saúde, integrándoos na súa Facultade de Ciencia, Tecnoloxía e Xestión da Saúde, onde xa se ofrece Psicoloxía.
Por iso Moreira criticou que “esta universidade non busca responder a necesidades formativas, senón competir coas universidades públicas sen cumprir as mesmas esixencias de estrutura, persoal ou acreditación de calidade”. Segundo Moreira, aprovéitase a crecente demanda de profesionais sanitarios para “garantir man de obra barata” a través de prácticas precarias, formar perfís orientados á sanidade privada e xerar un excedente de profesionais que abarate os custos laborais.
Xunto a isto alertou do risco de formar xestores de sistemas sanitarios desde unha perspectiva privada, preguntándose “que clase de xestión farán da sanidade pública persoas formadas por unha empresa privada”. Cuestión respecto da que considerou que “non será moi diferente á dos xestores actuais do Partido Popular, que xestionan unha sanidade pública na que non cren”, cuestionou. Engadiu que a UIE “maquilla” as denominacións dos graos para evitar a duplicidade coas titulacións públicas, como Biomedicina, que só se imparte nunha universidade pública e outra privada, ou Xestión de Sistemas de Saúde, unha área de coñecemento propia de posgraos. “Estas titulacións non están consolidadas e deberían ser asumidas polas universidades públicas, non por unha entidade privada con ánimo de lucro”, afirmou.
Planificación das necesidades
O secretario nacional de CIG-Saúde lembrou que levan anos reclamando a planificación das necesidades de profesionais na sanidade pública e que se adapten as ofertas formativas a esas necesidades, tendo en conta o cambio nas necesidades de profesionais relacionadas coas novas formas de enfermar ou cos avances científicos que fan necesario adaptar o perfil formativo das persoas que se incorporen ao ámbito sanitario.
Apuntou que esta planificación de necesidades debe realizarse a través do Plan de Ordenación de Recursos Humanos do persoal da sanidade pública, tanto de Atención Primaria como Hospitalaria e afirmou que “este é o instrumento básico de planificación global que especifica os obxectivos que se pretenden conseguir en materia de persoal, así como as medidas necesarias para acadar tales obxectivos.
Moreira engadiu ademais que as necesidades formativas deben adaptarse ás novas formas de enfermar, como a cronicidade, e aos avances científicos, como a xenómica, que requiren perfís profesionais actualizados. “A planificación regrada é o camiño, e hai un marco legal para percorrelo. Non se pode deixar a formación sanitaria en mans de intereses privados que priorizan o lucro sobre a calidade e o ben común”, insistiu.
Subterfuxios para maquillar a duplicidade
Pola súa banda Bermello denunciou a utilización de subterfúxios, como cambiar a denominación das titulacións “para que pareza que estamos ofertando algo diferente, que non é o 100% igual”. Como exemplo puxo que se fala de Fisioterapia Médica e Deportiva, cando xa hai un grao de Fisioterapia na UDC ou de Optometría e Fonoaudioloxía, cando tamén hai un grao en Óptica e Optometría na USC.
Fronte a isto denunciou que titulacións como Biomedicina e Xestión de Sistemas de Saúde, son claramente titulacións de posgrao que poden ofertar perfectamente a universidade pública e que, se non o fai, é “porque non o permite o Goberno da Xunta, que te un control férreo sobre as titulacións que se imparten nas tres universidades públicas”. Un control que, afirmou, “non o exerce sobre a empresa dos seus amiguetes”.
Considerou que se está producindo unha “política de colegueo” na que Escotet “ten barra libre” e que isto está levando a un nivel máximo a dualización da universidade, á que é contraria a CIG, tale ecomo está regulada e que supón “un enorme problema, a día de hoxe, nos estudos superiores”.
Carácter segregador
Bermello denunciou tamén o aspecto segregador, xa que na propia web da Universidade Intercontinental da Empresa figura que un grao en Psicoloxía ten unha matrícula de 10.500 euros anuais, polo que o seu custo rondaría os 42.000 euros, en total. “Estamos falando xa dun proceso de americanización do ensino universitario galego, de que quen ten posibilidades económicas poderá acceder a esa universidade”, dixo, ben porque a pode pagar ou porque ten capacidade de endebedamento.
Xunto a isto manifestou o rexeitamento da CIG-Ensino a seguir engordando o “negocio de colegas” coa oferta universitaria privada que comezou con Abanca, incumprindo totalmente a lei do sistema universitario galego (por ter unha oferta redundante, non darlle relevancia ao noso idioma e non contar con estudos de doutoramento) e que agora se pretende estender a CESUGA, estendendo o ámbito das amizades perigosas á alcaldesa coruñesa, Ines Rey, e o PSOE coruñés.