A CIG denuncia a discriminación da lingua galega na nova sede electrónica de MUFACE
O castelán aparece como única opción nunha nova web desprezando ás persoas usuarias de Galiza e outras nacións con lingua propia
MUFACE é a entidade que xestiona, entre outras, as prestacións sanitarias de todo o persoal encadrado no Réxime Especial do Funcionariado Civil do Esta-do, e no cal están incluído todo o profesorado galego coa excepción do persoal interino e outros vinculados ao réxime xeral. Igualmente está tamén incluído persoal de Correos, da Administración Central en Galiza e da propia Administración Autonómica. Estamos falando, por tanto, da negación dun dereito elemental para miles de persoas en Galiza, que se fai extensíbel tamén a outras linguas como o éuscaro ou o catalán nos seus respectivos países.
En resposta á nosa demanda, o Director Xeral de MUFACE asegurou que a versión “noutras linguas diferentes do castelán” se habilitaría en breve e que sería mediante unha tradución automática dos contidos orixinalmente redactados en castelán sen revisión posterior, como xa está actualmente a web xeral da mutualidade. Desde a CIG criticamos esta opción xa que somos conscientes dos innumerábeis erros que conteñen as web con traducións automáticas e instamos ao Ministerio de Facenda, do que depende MUFACE, a que publique todos os contidos con traducións oficiais.
Chama a atención que a única razón esgrimida por MUFACE para recorrer á tradución sen control é o gasto que suporía facer unha tradución oficial. Como CIG propuxémoslle á Dirección Xeral que fagan a proba de facer unha web orixinalmente en galego e con tradución automática en castelán. Estamos ben certos de que, neste caso, non habería razóns económicas que valesen para prestar un servizo cun mínimo de calidade.
Como CIG defendemos que o galego ten que ter o mesmo recoñecemento que o castelán nunha administración estatal xa que, do contrario, supón unha vulneración dos nosos dereitos lingüísticos. En todo caso, estaremos vixilantes de que a incorporación da nosa lingua, con todas as eivas expresadas, se faga canto antes, tal e como se comprometeu o máximo representante de MUFACE na reunión.
Tamén animamos a todas as persoas que fagan uso desta sede electrónica, ou doutras similares que conten con versión na nosa lingua, a que usen sempre a opción no noso idioma para así facer máis visíbel o galego en internet.