A CIG demanda á Xunta a aplicación xeral do permiso de 22 semanas por nacemento para o outro proxenitor tras a sentenza gañada polo sindicato

O sindicato maioritario na Xunta vén de remitirlle un escrito á Dirección Xeral de Persoal da Consellaría e a Función Pública para que apliquen a sentenza xa a todas as empregadas e empregados públicos, incluído o profesorado

O pasado seis de xuño de 2023 a Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza ditou unha sentenza, en resposta a un recurso promovido pola CIG, na que se se declara “o dereito do actor [un traballador do Consorcio Galego de Benestar e Servizos Sociais] a gozar dun permiso por nacemento de fillo de proxenitor non xestante de 22 semanas de duración, e non das 16 semanas recoñecidas na Lei de Emprego Público de Galiza, condenando a entidade demandada a estar e pasar por esta declaración e a que lle recoñeza o dereito a gozar das seis semanas non recoñecidas, con todos os efectos legal e regulamentariamente establecidos».

A fundamentación xurídica da sentenza ten como base os dereitos de conciliación e a corresponsabilidade e a garantía da igualdade de trato e de oportunidades entre mulleres e homes no emprego e a ocupación, estabelecendo idéntica duración para o permiso por nacemento da nai biolóxica que para o permiso derivado do nacemento para o proxenitor distinto da nai biolóxica, así como nas directivas europeas de aplicación.

A CIG leva anos defendendo a ampliación dos permisos por parto, tanto para a persoa xestante como para o outro proxenitor, co obxectivo de estender estes permisos até 52 semanas de duración, equiparándonos cos dereitos máis avanzados a nivel europeo nos coidados e conciliación da vida laboral e familiar.

Nesta liña a CIG xa propuxo en diferentes mesas de negociación, como primeiro paso, o aumento do permiso para outra persoa proxenitora até 22 semanas, co obxectivo de equiparar este co da nai biolóxica. Agora, a xustiza confirma que a nosa demanda sindical ten pleno amparo legal e constitúe claramente unha razón para que a administración galega, en virtude da citada sentenza, recoñeza este dereito a todos os empregados e empregadas públicas.

Por todo isto, desde a CIG demandamos á Consellaría de Educación presente na Mesa Sectorial unha proposta normativa para poder aplicar ao profesorado os cambios necesarios na orde de permisos para o persoal docente, recoñecendo a extensión a 22 semanas desde as 16 actuais para a persoa proxenitora diferente da nai biolóxica, evitando que persoas que terían dereito ás 22 semanas vexan limitado este dereito mentres non se faga efectivo o cambio do artigo 124 da Lei 2/2015 no sentido do que recolle a sentenza.

En paralelo, a Área Pública da CIG vén de demandar de Función Pública a aplicación xeral para todo o persoal da Xunta dese novo dereito recoñecido na sentenza, de acordo cos seguintes criterios:
  1. A modificación do artigo 124 da Lei 2/2015 no sentido do que recolle a sentenza, recoñecendo a extensión a 22 semanas desde as 16 actuais para a persoa proxenitora diferente da nai biolóxica en casos de nacemento, acollemento, garda con fins de adopción ou adopción dun fillo ou filla.
  2. A publicación, mentres non se faga efectivo ese cambio, das instrucións ou normas legais necesarias para que recoñeza ese dereito a todos os empregados e empregadas públicas da Xunta de Galiza.
  3. A negociación, no marco da Mesa Xeral, da extensión dos permisos para ambos proxenitores, dos permisos no camiño da proposta da CIG de ampliala, cando menos dun xeito progresivo, até as 52 semanas.

Volver