A CIG da USC alerta da descapitalización da universidade e dos efectos “devastadores” do Plan de Equilibrio Orzamentario

Demanda da Xunta un Plan de Financiamento que permita salvar as universidades públicas en vez de salvar “concesionarias de autoestradas”

Representantes da CIG de PDI e PAS da Universidade de Santiago compareceron esta mañá en rolda de prensa para alertar das graves consecuencias que terán para a universidade e para Galiza os recortes contemplados no Plan de Equilibrio Orzamentario que vén de presentar o equipo de goberno desta institución. Un plan que definiron como “malo”, porque carga uns recortes que cualificaron como “durísimos” no persoal, sen avaliar os efectos que terá na docencia, na investigación e nos servizos, provocando a súa “descapitalización” e uns efectos “devastadores” para a prestación do servizo público universitario.

Nos últimos tres anos o financiamento da Universidade de Santiago reduciuse en 50 millóns de euros e a propia universidade aforrou uns 33 millóns con recortes que afectaron fundamentalmente ao persoal -que viu diminuír os seus salarios directamente nas nóminas, nas súas pagas extra e con sucesivas conxelacións salariais- e ás contratas.

Xunto a isto, a limitación do 10% na taxa de reposición de Persoal Docente e Investigador (PDI) provocou que entre 2010 e 2013 se pasara de 2.304 efectivos a 2.120. Unha diminución que se prevé que sexa aínda maior no Plan de Axuste Orzamentario presentado polo equipo de goberno da USC.

Así o denunciou a representante da CIG de PDI, Alba Nogueira, quen advertiu que a aplicación deste Plan vai supor que se recorte en máis de 200 efectivos máis o profesorado. “Pasaríase, segundo os cálculos da CIG, dos 2.304 que había en 2010 a entre 1.700 e 1.800 perdendo, polo tanto, un quinto do total do cadro de persoal docente e investigador en 5 ou 6 anos”.

Xunto a isto, sinalou que en persoal de capítulo VI, persoal contratado de investigación, o ano pasado había unhas 1.000 persoas e a execución do Plan fala de 600, o que suporía unha caída de 400 persoas a engadir á perda que xa houbo entre 2010 e 2013. “Sen os datos pechados, a nosa previsión é que arredor das tres cuartas partes deste persoal desaparece respecto de 2010”.

A perda de persoal, para Nogueira, “é sumamente lesiva” tendo en conta que para unha universidade o seu principal capital é o humano e “terá graves consecuencias nas propias titulacións”, advertiu. Por iso considerou un erro que desde a Xerencia da Universidade non se expliquen á sociedade os efectos que estes recortes teñen que “son devastadores para a prestación do servizo público universitario”.

De feito, malia terse anunciado o pasado venres, tras do Consello de Ministros que nos servizos públicos esenciais como Ensino a taxa de reposición pasará a ser do 50%, segundo a CIG da USC desde a Xerencia informouse de que, con independencia doutras decisións, a taxa de reposición de PDI nesta universidade será do 10% e de PAS do 0%.

Por iso demandou datos concretos sobre que titulacións “vai a haber que borrar do mapa porque non se vai contar co profesorado necesario para impartilas, cantos mestrados se van perder e que efectos vai ter na investigación”.

Subliñou que están descendendo o número de teses e está descendendo tamén a captación de recursos para investigación. “Canto menos persoal teñamos, menos financiamento imos ter porque imos captar menos recursos de investigación porque os indicadores do plan de financiamento tamén están ligados a iso: a cantas investigacións fagamos, a cantas teses se lean, cantos proxectos teñamos e é imposíbel facelo con ese descenso de persoal”.

Problema de financiamento

Ante esta situación considerou que o problema da USC é un problema de financiamento e denunciou que os axustes feitos até o de agora, a diferenza doutras administracións, non foron para “ir enxugando a débeda da USC senón que directamente a Xunta non os ingresa. Ou sexa, que os nosos recortes van para enxugar a débeda da Xunta, pero iso non reduce nun céntimo a débeda da USC”, afirmou.

Neste sentido, o representante da CIG de PAS, Alberte Pérez Viso, asegurou que “quen ten que determinar que universidade quere, para que a quere, para que formación e a quen vai dirixida é o poder político”. Fronte a isto denunciou que a Xunta “prefire facer esforzo para salvar concesionarias de autoestradas e non á universidade pública”.

Sinalou ademais que o mesmo que ocorre no caso do PDI ocorre co PAS, pero coa particularidade de que neste colectivo xa se leva todos estes anos sen cubrir as vacantes, o que ten provocado unha importante perda de persoal efectivo nos últimos 5 anos.

Porén, até o de agora non se producira unha amortización deste persoal. Conservábase a posibilidade de recuperalo no momento no que a universidade tivera capacidade financeira para facelo. “Agora iso cambia e todas as xubilacións que se produzan van ser amortizadas”, explicou.

O equipo de goberno da USC non deu datos concretos respecto de cantas prazas vai supor isto, nin sobre que servizos serán os máis afectados. En todo caso a CIG considera que a universidade si ten que coñecer eses datos, cando menos no persoal funcionario, ao que poden obrigar a se prexubilar, algo que non poden facer no caso de persoal laboral, porque non hai xubilación forzosa.

A súa preocupación a este respecto céntrase en como se van resolver problemas derivados desa falta de persoal, porque pode ocorrer que coincidan no tempo xubilacións nun mesmo servizo e, nese caso, pregúntanse, “déixase de prestar?”

O Plan contempla tamén, entre outras cousas, limitar a renovación de material bibliográfico, de medios e mesmo de mantemento de infraestruturas.

Prexuízo para Galiza

Ante esta situación a CIG da USC considera que é imprescindíbel que se exixa un Plan de Financiamento das universidades que teña en conta, no caso da de Santiago, os gastos en mantemento de edificios históricos, do arquivo e mesmo o gasto extra de salarios que supón ter un persoal cunha media de idade superior ao de outras universidades. Neste sentido, apuntaron que un 50% do persoal das universidades galegas ten máis de 50 anos e só o 15% ten menos de 40, porcentaxes que son aínda máis preocupantes na USC.

A este respecto, Alba Nogueira advertiu de que a medio prazo esta situación vai ser peor, non só porque seguirá a se incrementar a media de idade, senón tamén porque a maior produtividade científica do profesorado “non é cerca da xubilación”, o que fai pensar que canto maior sexa esa media de idade, menos proxectos haberá e, polo tanto, menos I+D para este país. “Non só hai un prexuízo para o alumnado, senón para Galiza, porque grande parte da investigación faise nas universidades públicas”.

Volver