A CIG critica que a Xunta non se mova para eliminar a taxa de reposición e na recuperación de dereitos

Orzamentos da Xunta de Galiza para o 2021

Por décimo ano consecutivo, os orzamentos da Xunta manteñen a negativa a pagarlle os meses de verán a todo o profesorado substituto que traballa durante cinco meses e medio ao logo do curso escolar, o que demostra o cinismo co que se comporta o goberno galego, recoñecendo un día o traballo do profesorado galego un día e negando un dereito ao colectivo máis precario ao seguinte.

Na Mesa Xeral de Empregados Públicos a Xunta presentou o apartado da Lei de Orzamentos que afecta ás retribucións de todo o persoal da administración pública galega. Non se produciu ningún tipo de negociación xa que o texto foi remitido por Función Pública ás nove da noite do día anterior, nunha nova demostración da incapacidade negociadora da Xunta. Na exposición feita pola Subdirectora Xeral de Orzamentos, sen achegar ningún soporte documental, só se indicou que a masa salarial no capitulo de persoal se elevaría nun baile de cifras entre o 6,93% e o 2,03 %, no que parece que finalmente o primeiro é global e o segundo dato se corresponde co gasto extraordinario pola Covid 19. O incremento global incluiría os fondos destinados a cubrir o incremento salarial do 0,9%, responder a acordos anteriores como a carreira profesional e os acordos en vigor.  Tamén se fixo referencia a un incremento de postos de traballo, que malia ser preguntada directamente pola CIG, non chegou a concretar. En todo caso, todo parece indicar que ese incremento sería exclusivamente accidental para afrontar a situación da covid-19, polo que non estamos diante duns orzamentos que busquen aumentar e consolidar os cadros de persoal.

 

Un dos elementos nos que a CIG centrou a súa intervención foi na necesidade de que a Xunta se involucre especialmente na eliminación da taxa de reposición. Hai un mandato do Parlamento Galego que a Xunta debe cumprir. Debe facer toda a presión política e institucional que faga falta. Consideramos que se debe establecer a non existencia de taxa de reposición co fin de rematar coas graves carencias de persoal da Xunta de Galiza.

Porén, a Xunta pretendeu descargar a responsabilidade de eliminar a taxa de reposición nas propias organizacións sindicais, chegando a afirmar que o goberno galego nada pode facer para eliminala e que  debemos ser as organizacións sindicais  as que “presionen ao goberno do Estado para que cambie esta norma básica”. Para a CIG esa afirmación constata un total abandono das súas funcións. Chama a atención que a Xunta poña un énfase especial en ir á contra do goberno español en determinadas temas e que, non obstante, non exerza coa mesma contundencia o seu papel institucional para reverter os límites que para o exercicio da súas competencias en materia de persoal lle marcan desde Madrid.

Para a CIG segue sendo necesario un plan para negociar a débeda salarial contraida pola Xunta de Galiza cos recortes salariais, especialmente no complemento específico ou equivalente en anos atrás, sendo a Xunta de Galiza unha das administracións que impuxo os maiores recortes en todo o estado entre os anos 2013 e 2017.

Tamén fixemos especial fincapé en estender a carreira profesional cos mesmos dereitos dende o 1 de xaneiro de 2019 a todo o persoal da administración xeral excluídos do acordo asinado por algúns sindicatos e a Consellaría de Facenda (persoal interino, laboral e do Consorcio Galego).

Mantivemos a necesidade de recuperación do Fondo de Acción Social, cuxa práctica anulación (reducida á axuda á discapacidade hoxe en día).

A CIG criticou que a Xunta siga a limitar a contratación de persoal interino e temporal a determinados ámbitos(educación, sanidade, servizos sociais…). Consideramos que se deben eliminar estas limitacións e que se poidan realizar contratacións de persoal temporal e interino sexa para postos vacantes, como para substitucións transitorias en todos os ámbitos da Xunta.

Un ano máis, e con este serán xa 10 orzamentos, a Xunta mantén bloqueado o pagamento do verán ao profesorado substituto que traballou cinco meses e medio segue anulado. É un dereito arrebatado no 2012 e que instamos a que se elimine dos orzamentos, porque nunca se debeu ter eliminado e porque nun momento como o actual parece un desprezo escoitar aos responsábeis da Xunta como agradecen o esforzo do profesorado e ao tempo como non se lexisla para que recuperen un dereito arrebatado quen está nunha situación máis precaria coa sucesión de contratos durante o curso.

 

Volver