A CIG contra a violencia machista
Día Internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres
A CIG-Ensino quere denunciar que a violencia de xénero non se limita ás relacións de parella ou familiares, senón que tamén se orixina nas relacións sociais de xénero, tendo a súa expresión en todos os espazos da sociedade, entre eles o traballo. O ambiente de traballo debería ser un espazo libre de violencia, mais na práctica non o é, sendo en moitos casos, intimidatorio e irrespectuoso cara ás traballadoras. As discriminacións de clase e de xénero conforman un substrato no que as expresións de violencia se converten nun feito frecuente, ás veces cotián e mesmo inadvertido ou banalizado. E na nosa profesión esta situación acaba por transmitirse ao alumnado converténdoo, de maneira inconsciente, en aprendices dunha situación que queremos erradicar.
Por iso é preciso incorporar a perspectiva de xénero no exercicio da docencia e na avaliación de riscos e en todas as actuacións relacionadas coa saúde laboral, facendo especial fincapé na violencia de xénero.
- Exixir a implantación de protocolos de prevención e actuación fronte aos casos de violencia (ben sexa acoso sexual, moral ou calquera outro tipo de violencia), garantindo a protección e atención das vítimas.
- Considerar as vítimas de violencia de xénero como especialmente sensíbeis (ao abeiro do artigo 25 da LPRL) e, no caso das traballadoras, o acoso como accidente de traballo.
- Acadar que o traballo produtivo sexa compatíbel coa función reprodutiva, de xeito que non se negue ás mulleres o acceso ao emprego en idade fértil e se garanta o exercicio do seu traballo durante a maternidade.
- Que sinalemos e denunciemos os distintos tipos de violencia (física, psicolóxica, social, económica, sexual, simbólica, organizacional e estrutural) desde a súa primeira manifestación, comezando polas discriminacións e o maltrato no entorno da aula, cara á alumnas, os incumprimentos da lexislación, polos sistemas de traballo opresivos. Etc.
Mais non podemos obviar que non é doado denunciar este tipo de condutas, e mesmo que cando se denuncian, non prosperan, pola dificultade da proba. A dificultade de castigar e erradicar este tipo de violencia tamén vén dado pola falla de compromiso tanto do poder político, como das administracións (así temos que seguir denunciando a ausencia dun Plan de Igualdade de Trato e Oportunidades na Consellaría de Educación), como da propia xudicatura, que parecen esforzarse unicamente en buscar argumentos para restarlles credibilidade aos seus relatorios, en vez de contribuír na procura de probas para probar os feitos denunciados, por exemplo, pór en valor os informes do persoal médico forense, avaliacións psiquiátricas e/ou psicolóxicas das vítimas, etc. En definitiva, a realidade dista moito do que en xustiza tiña que ser.
No Ensino o Anteproxecto da LOMCE ten aspectos que inciden na desigualdade, pois non doutro xeito podemos avaliar que se pretenda por lei garantir o financiamento dos centros que segregan o alumnado por razón de xénero, centros que educan ás muller de maneira diferente, mantendo as ensinanzas dunha sociedade patriarcal que quere facer da muller unha persoa submisa que permaneza na invisibilidade, crear guetos por razón de xénero impedindo medrar na convivencia entre mozos e mozas. Manter este tipo de ensino só contribúe a perpetuar as desigualdades e, por tanto, a violencia contra as mulleres, unha das súas consecuencias fundamentais.
A conmemoración do 25 de novembro a nivel internacional ten a súa orixe como recoñecemento ás irmás Minerva, Patria e Mª Teresa Mirabal, coñecidas como “as bolboretas inesquecíbeis” (nome secreto de Minerva nas súas actividades clandestinas) que en 1960 foron violentamente asasinadas na República Dominicana polo seu activismo político, como militantes opositoras da ditadura. Estas tres mulleres convertéronse no máximo expoñente da resistencia popular e feminista.
Medio século despois, en Galiza seguen morrendo mulleres por mor da violencia de xénero. A pesar das denuncias, seguen a ser invisibilizadas, acosadas, maltratadas, perseguidas, sancionadas e mesmo despedidas por exercer o seu dereito a compatibilizar traballo e maternidade, por defender os seus dereitos sexuais e reprodutivos. Aínda hoxe son presionadas para que fiquen no fogar ao coidado das persoas dependentes, seguen a percibir menos salarios, teñen menos acceso a postos de dirección (moitas veces pola imposibilidade de conciliar coa vida familiar), máis temporalidade, contratos precarios, pensións moi baixas. Todas estas discriminacións se veñen a sumar ás condutas machistas que imperan nas relacións laborais. Son insultadas, illadas, mesmo polos compañeiros, dirixidos por mandos intermedios ao servizo do poder empresarial. Porque o lugar de traballo segue a ser aínda hoxe un espazo en que as mulleres sufrimos ataques, abusos ou ameazas que poñen en risco a nosa seguridade, o noso benestar e a nosa saúde. Por iso debemos actuar conxuntamente, mulleres e homes, tamén neste eido, para desenmascarar a eses monstros que non só existen nos contos, erradicar estes comportamentos e garantir, no presente e no futuro máis inmediato, o dereito a un traballo libre de violencia.
Materiais e recursos para traballar na aula nesta ligazón