A CIG considera unha manobra de dilación a posposición do proceso de modificación do réxime de clases pasivas

Continúan os ataques ao sistema público de pensións

Ante as informacións aparecidas nos medios de comunicacións relativos á retirada e/ou posposición do proceso da proposta de reforma do Réxime de Clases Pasivas presentada polo goberno, a CIG quere manifestar a súa desconfianza por estas manobras. A central considera que non estamos diante dunha retirada definitiva do documento, senón que asistimos a unha manobra de distración e que nun futuro inmediato se retomará a modificación das clases pasivas, tal e como ficou recollido no Acordo Social e Económico, asinado entre o goberno, a patronal e as organizacións sindicais CCOO e UGT.

Resulta evidente que a marxinalización deste o proceso da CIG, se teñen. A negociación desta reforma das clases pasivas estase realizando fóra do marco da Mesa Xeral das Administracións Públicas, único ámbito legal para a negociación e no que a CIG ten presenza como sindicato máis representativo, co único obxectivo de evitar obstáculos e oposición a acordos que suporán un retroceso na actual normativa aplicábel ás funcionarias e funcionarios públicos no tocante á súa xubilación. Por iso se negocia de costas aos traballadores  e traballadoras e se marxina a CIG por mantérmonos  firmes no combate contra o acordo para ampliar a idade de xubilación, suprimir a xubilación anticipada e reducir as contías das pensións futuras.

Así mesmo, dende a CIG-Ensino emprazamos a CCOO e UGT para  que cesen  no engano ao profesorado e que se comprometan a que non  asinaran  nin darán o beneplácito ningunha modificación do réxime de clases pasivas que supoña atrasar a idade de xubilación dos 65 anos aos 67; subir dos 35 aos 37 os anos de servizo para conseguir o 100% da pensión; ou que elimine a xubilación anticipada a partir dos 60 anos, tal e como estabelece a LOE con gratificación, ou con 30 anos de servizo segundo o Réxime de Clases Pasivas.

A CIG non vai consentir esta marxinación do proceso de negociación nin aceptar un empeoramento das condicións dos traballadores e traballadoras da administración. Por iso advirte que non baixará a garda e seguirá mobilizándose para garantir o actual sistema de pensións, as condicións recollidas no Réxime de Clases Pasivas  e  a xubilación anticipada

Volver