
A CIG consegue que a Consellaría afronte e dea resposta aos problemas xurdidos nas oposicións.
Oposicións 2007. Novas sobre particpantes excluídos
INFORMACIÓN SOBRE A SITUACIÓN NO
PROCESO DE OPOSICIÓNS DOCENTES
DEBATIDO NA MESA SECTORIAL
Hoxe debateuse na Mesa Sectorial, a
instancias da CIG-Ensino, a
problemática que se está a producir nas oposicións docentes ao respecto da
exclusión das mesmas de moitos opositores/as polas programacións presentadas e
por actuacións diferentes e mesmo contraditorias dalgúns tribunais na corrección
das probas escritas e na exclusión dos participantes.
As demandas da CIG-Ensino na Mesa Sectorial foron as
seguintes:
1.
Que se consideren
e revisen todas as reclamacións presentadas e que se garanta o acceso á
realización das distintas probas para non conculcar o dereito dos participantes,
evitando así posíbeis consecuencias no conxunto do proceso do concurso
oposición. En todo caso, a CIG-Ensino incidiu na necesidade de
respectar a seguridade xurídica do proceso.
2.
Que se dean as
directrices oportunas aos tribunais para unificar criterios de avaliación e
exclusión.
3.
Que se explicite
que ningún dos excluídos ficarán fora das listas de contratación. Neste caso,
incidimos en que se aclarara que os que aparecen como “non presentados” na aplicación
informática da web da Consellaría non van decaer das
listas.
4.
Que os motivos
formais, cando non incumpran as normas da convocatoria, non deben dar lugar á
exclusión do proceso de oposición.
5.
Que a Consellaría
proporcione toda a información precisa aos participantes na
oposición.
6.
Que a Consellaría
inste aos tribunais a recepcionar todas as reclamacións que se lle
presenten.
Xa desde mediados da semana pasada a CIG-Ensino puxo en coñecemento da
Consellaría unha serie de actuacións incorrectas por parte dalgúns tribunais,
incidindo desde aquel momento na necesidade de que os tribunais actúen dun xeito
homoxéneo. Con respecto ás exclusións xa nos tiñamos dirixido á Administración
educativa por escrito, instándoa a que non se excluíran os afectados, polo ben
dos propios participantes mais
sobre todo, polas posíbeis consecuencias dos procesos xudiciais que se podan
levar adiante, e evitar que se teña que repetir o proceso.
Como CIG-Ensino fixemos fincapé na existencia de
actuacións diferentes por parte de distintos tribunais, mesmo dentro dunha mesma
especialidade, o que é especialmente grave. Dentro da maior gravidade entra,
desde o punto de vista da CIG-Ensino, o feito de que algúns
tribunais excluíran a participantes por cuestións valorativas sobre o contido
das programacións, extralimitándose nalgunhas decisións como excluír a algún
opositor da proba teórica por numerar con números romanos as follas, incluír
notas ao pé de páxina, escribir a dúas cores, etc.., cando non existían
instrucións previas ao respecto por parte do tribunal, ou mesmo que opositores
que foron excluídos apareceran nas listaxes de internet como non presentados (o
que daba a entender, erroneamente, que poderían ficar fóra das listaxes de
interinos se estaban nelas )
Como CIG-Ensino demandamos que se garanta
por parte da Consellaría, respectando a soberanía dos tribunais, que os
criterios de avaliación sexan idénticos entre os distintos tribunais, con
especial atención aos dunha mesma especialidade. Esiximos directrices claras,
explícitas e uniformes e laiámonos de que estas non se tivesen producido antes,
para evitar deste xeito a polémica e o malestar actual.
Como CIG-Ensino non nos parece axeitado que
participantes no proceso podan ficar excluídos por cuestións formais, no caso de
que estas non contraveñan as normas da convocatoria. Esas eivas formais
deberían, en todo caso, dar lugar a un suspenso, mais non a unha
exclusión.
A Consellaría argumentou que existe base
xurídica que sostén as actuacións dos tribunais con dúas sentenzas do Tribunal
Superior de Xustiza de Galiza, que aceptan a exclusión de dous opositores por
non cumprir os requisitos formais da programación.
A Consellaría, en resposta ás demandas da CIG-Ensino confirmou que ningún dos
participantes excluídos ficarán fóra das listaxes de
contratación.
Tamén aceptou a Consellaría a nosa demanda de
que non pode excluírse a ninguén por cuestións valorativas (por contidos da
programación).
Con respecto ás exclusións por eses motivos,
como por cuestión formais, comprometeuse a revisar todos os recursos de alzada
que se lle presenten e a dar resposta rápida naqueles casos que se estimen, para
así garantir a participación nas probas actualmente en marcha. Neste sentido,
desde a CIG-Ensino recomendamos a
todos os afectados (teñan xa presentado un recurso de alzado ou o vaian facer de
inmediato) que presenten o citado recurso no rexistro xeral da Consellaría de
Educación en San Caetano para axilizar a recepción do mesmo e a súa tramitación
por parte dos responsábeis da Consellaría (téñase en conta os reiterados
problemas cos rexistro de determinadas Delegacións
provincias).
O Secretario Xeral afirmou, así mesmo, que
darán instrucións aos tribunais, lembrándolles a obriga a recibir as
reclamacións que se lle presenten e a dar, na medida do posíbel, explicacións
aos afectados. Ao longo do día de hoxe xa puidemos comprobar como determinados
tribunais aceptaban algunhas reclamacións, permitindo que participantes
inicialmente excluídos puidesen seguir nas oposicións.
A Consellaría non se comprometeu, a pesar da
insistencia da CIG-Ensino a dar
instrucións xerais aos tribunais, baseándose na soberanía dos mesmos. Como CIG-Ensino insistimos en que os
tribunais teñen plena autonomía e soberanía para cualificar as distintas probas
da oposición mais non para interpretar a convocatoria, aspecto que só compete a
Administración convocante.