A CIG consegue importantes avances no Plan de Igualdade de ESPROADE que melloran a conciliación, a saúde laboral e a estabilidade de 520 traballadores e traballadoras

Acordouse tamén un Protocolo específico contra o acoso, no que o sindicato nacionalista terá representación directa na comisión de seguimento.

Tras este paso importante a partir de agora cómpre que a empresa sente a negociar as melloras solicitadas polo persoal, entre outras concesións, da Escola Municipal de Música de Compostela no mes de xuño e que o levaron a convocar protestas. Se non hai avances no inicio de curso prevén novas mobilizacións.

A Confederación Intersindical Galega (CIG) vén de lograr un acordo relevante no marco da negociación do Plan de Igualdade da entidade ESPROADE, que inclúe medidas que van máis alá do estabelecido nos diferentes convenios dos servizos que executa esta empresa, nomeadamente o de ensino non regulado.  Estas medidas supoñen un salto cualitativo na defensa dos dereitos laborais, especialmente en materia de conciliación, saúde laboral, igualdade de oportunidades e loita contra as violencias no traballo. 

Despois dun ano de difíciles negociacións coa empresa que xestiona, entre outros servizos, a Escola Municipal de Música de Santiago ou a Escola de Música Municipal José Verea de Oroso, a CIG, que foi o único sindicato presente e proactivo en todas as reunións, e tamén o único que presentou unha batería de 46 medidas a implantar no Plan de igualdade, ademais dun Protocolo de acoso e unha revisión exhaustiva da diagnose da empresa -forzando que se realizara, entre outros, o rexistro retributivo e unha enquisa ao conxunto de traballadoras-, asinou esta semana o Plan de Igualdade. 

A CIG acadou que a empresa aceptara 37 das 46 medidas plantexadas e tamén o compromiso de que na metade do plan se negociarán outras medidas de conciliación para implantar antes da finalización do período de aplicación.

◊ Melloras na conciliación e corresponsabilidade 

As medidas acordadas permitirán as persoas traballadoras compaxinar mellor a súa vida laboral e persoal, destacando:

-Permiso retribuído para acompañamento a consultas médicas de crianzas e/ou familiares dependentes de primeiro grao.

- Ampliación da redución de xornada por garda legal ata os 14 anos.

- Permiso retribuído durante o período de adaptación escolar das fillas e fillos.

- Excedencias de ata 3 anos por coidado de familiares, sen esixir un período mínimo de duración.

- Permiso retribuído por causa de forza maior, en situacións familiares urxentes e e outras  imprevisíbeis.

- Adaptación de xornada sen redución de salario, sempre que o posto o permita, para atención a persoas dependentes ou necesidades persoais.

- Reserva do posto de traballo garantida durante toda a excedencia por coidado.

◊  Saúde laboral 

Outro dos piares do acordo é o compromiso coa saúde laboral dende unha perspectiva de xénero.

- Implantación dun protocolo de desconexión dixital.

- Avaliacións de riscos laborais físicos e psicosociais con enfoque de xénero.

◊ Violencia de xénero 

- As traballadoras vítimas de violencia de xénero poderán xustificar a súa situación por múltiples vías (denuncia, informe, atestado…)

- Todas as ausencias derivadas da situación de vítima serán consideradas xustificadas e remuneradas (trámites legais, custodia, traslados etc).

- Posibilidade de adaptación de xornada, cambio de centro e preferencia en mobilidade, sen prazo fixado, para vítimas de violencia de xénero.

- Formación específica en igualdade e violencia de xénero integrada no plan formativo anual.

- Realizar accións formativas dirixidas a mandos, mandos intermedios, persoal técnico e de xestión de equipos sobre prevención do acoso laboral, sexual e/ou por razón de sexo e discriminatorio.

◊ Melloras nas condicións de traballo 

Acordáronse tamén medidas que buscan combater a precariedade e mellorar a organización laboral:

- Promoción da contratación indefinida ou de longa duración para o persoal con contratos temporais.

- Preferencia na cobertura de vacantes a tempo completo para o persoal con contrato indefinido a tempo parcial.

- Terán preferencia para a contratación a tempo completo das persoas con contratos a tempo parcial, dentro do servizo ao que estean adscritas.

- Informe anual sobre a distribución horaria, incluídas horas extra e complementarias, para garantir transparencia e control.

◊ Formación 

Elaborarase anualmente un plan de formación negociado coa representación da CIG, atendendo ás necesidades detectadas nos centros:

- Facilitarase a formación necesaria para o desempeño do seu posto de traballo ao persoal que se incorpora tras un permiso ou excedencia relacionado coas responsabilidades de coidado, así como a mulleres vítimas de violencia de xénero que se viron obrigadas a optar pola suspensión da relación laboral con reserva do posto de traballo, especialmente cando estea próxima a súa recente incorporación

- Potenciarase a formación en igualdade de oportunidades, acoso sexual e por razón de sexo e violencia de xénero, ao conxunto da empresa, introducindo por exemplo de forma transversal módulos de igualdade en todos os cursos ofertados pola empresa.

- A formación será accesíbel para todo o persoal e fomentarase a participación das mulleres en accións que favorezan o seu acceso a postos de maior responsabilidade, especialmente naqueles nos que están infrarrepresentadas.

◊ Un protocolo integral contra o acoso, con participación da CIG 

Un dos grandes logros desta negociación foi a aprobación dun Protocolo para a prevención e actuación fronte ao acoso sexual, laboral, por razón de sexo, orientación sexual, identidade ou expresión de xénero, que inclúe tamén outras formas de violencia no traballo. 

Este protocolo baséase no modelo da CIG e, ademais, a central sindical terá presenza directa na Comisión instrutora dos casos, algo que consideramos esencial para garantir rigor, imparcialidade e protección efectiva das vítimas. 

Alén de todas estas medidas a implantar dende xa, a CIG-ENSINO conseguiu que se negocie, na metade da vixencia do Plan, outras medidas de conciliación como a ampliación dos permisos por maternidade/paternidade, os días de permiso por hospitalización ou o aumento do permiso por lactancia, entre outros.

A CIG ENSINO, coa defensa do persoal en ESPROADE

Desde a CIG valoramos este acordo como un paso decisivo na dignificación do emprego e na construción de contornas laborais máis xustas, igualitarias e seguras. A negociación foi posible grazas ao impulso das nosas afiliadas e afiliados e ao traballo da nosa representación sindical nos centros coordinado co equipo de igualdade da central. Seguiremos facendo seguimento para garantir o cumprimento efectivo destas medidas e impulsaremos novas melloras cando se reabra a negociación ao longo da vixencia do Plan.

Así mesmo, no conflito aberto entre o persoal da Escola Municipal de Música de Santiago e a empresa, que levou a que se suspenderan todas as actividades que non son estritamente docentes a finais deste curso, o sindicato agarda que se dean pasos para evitar mobilizacións contundentes no inicio do vindeiro curso. De non producirse melloras a respecto da actual situación de discriminación salarial, da parcialidade nos contratos e da inestabilidade laboral non descartan realizar unha folga indefinida en setembro.

Volver