A CIG conmemora este 25N denunciando que "descoidar a quen coida é violencia machista"
A secretaría das Mulleres da CIG convoca mobilizacións nas sete cidades e mais nas Pontes, Ribeira e Vilagarcía
A CIG centrará as reivindicacións deste 25 de Novembro, Día internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres, en denunciar que pese a que pandemia puxo de manifesto a importancia dos coidados, estes non foron nin están a ser obxecto dunha protección especial durante a crise sanitaria. "Dende a CIG levamos anos reclamando que se lle dean ás tarefas de coidados o valor real que teñen como traballos esenciais para a sociedade", explica a secretaria confederal das Mulleres da CIG, Margarida Corral, quen engade que por esta razón o lema escollido este ano é "Descoidar a quen coida é violencia machista".
Se o 8 de Marzo xirou entorno á necesidade de pór os coidados no centro das políticas públicas, "porque sen coidados non hai vida", unha semana despois "a emerxencia sanitaria confirmaba a actualidade desta reivindicación, ao evidenciarse a importancia fundamental do traballo doméstico e de coidados", mais tamén ao quedar as mulleres expostas de maneira desproporcionada ao virus, dado o seu papel predominante como coidadoras no ámbito familiar e como traballadoras nos sectores sanitario, sociosanitario, limpeza, comercio, empregadas do fogar etc.
"Seguen sen pórse en marcha permisos retribuídos para as persoas traballadoras que teñan que facerse cargo de persoas enfermas, en corentena ou que precisen de atención e coidados con carácter urxente"
Ademais, o peche dos colexios e centros asistenciais traduciuse nunha sobrecarga do traballo non remunerado -con especial incidencia nas familias monoparentais-, "deixando en evidencia que a corresponsabilidade dos homes non é tal". Como consecuencia, sinala Corral, "foron de xeito maioritario as traballadoras quen asumiron ou ben recortes nos seus salarios ao ter que reducir en parte ou totalmente a súa xornada para prestar estes coidados, ou ben duplas ou triplas xornadas ao adoptar o teletraballo como medida de conciliación". Mención aparte das traballadoras dos servizos esenciais ás que non se lles permite sequera facer uso dos mínimos dereitos de conciliación.
Pero oito meses despois de decretarse o estado de alarma, advirte a secretaria das Mulleres da CIG, seguen sen poñerse en marcha permisos retribuídos para aquelas persoas traballadoras que teñan que facerse cargo de persoas do entorno que están enfermas, en corentena ou precisen de atención e coidados con carácter urxente.
"O Goberno español e a Xunta non adoptaron medidas para mudar esta situación, nin sequera para alixeirar esa sobrecarga de traballo físico e psicolóxico que asumimos as mulleres. A pesar de ser o piar do sistema de coidados non fomos, nin somos, obxecto dunha protección especial, nin se puxeron en marcha políticas públicas para reducir a fenda de xénero, reforzar e revalorizar as profesións relacionadas cos coidados, nin se lexislou para garantir os dereitos de coidados das persoas", denuncia. E isto é así "porque foi o capital quen xestionou a crise sanitaria e quen ditou a resposta a esta".
Recoñecemento, revalorización e dignificación.
A CIG leva décadas esixindo o recoñecemento e a revalorización do sistema de coidados, instando a mellora das condicións laborais do persoal deste sector, demandando a creación dun Sistema Público Galego de Servizos de Atención ás Persoas, porque os recursos e os servizos sociais teñen que deixar de ser unha actividade residual, socialmente pouco valorizada e con condicións de traballo precarias, para pasar a ser considerado un servizo esencial para a cidadanía a prestar pola Administración galega en condicións de calidade asistencial para as persoas usuarias e con condicións de traballo dignas e estábeis para as persoas traballadoras.
A este respecto, Margarida Corral sinal que o pasado ano por estas datas xa “denunciabamos que mercantilizar o traballo no fogar e o coidados de persoas dependentes, convertéronnos en empregos de segunda, desenvolvéndose en condicións de elevada precariedade laboral, convivindo desigualdades de xénero, de clase, raciais etc.”. Mais lonxe de reducirse, cada vez son máis as empresas que prestan este tipo de servizos, operando a través de institucións públicas, que en lugar de ofreceren directamente estas prestacións, privatízanas mediante subcontratas.
“E denunciábamos tamén que as traballadoras deste sector sofren temporalidade e salarios miserentos, son obrigadas a realizar tarefas para as cales non están contratadas, que non se lles facilitaba EPI’s (ou estes non son axeitados, ou son insuficientes), que sofren acoso nos domicilios ou que as concrecións horarias da xornada teñen variacións diarias que imposibilitan os seus dereitos de conciliación”, salienta.
A pandemia elevou os abusos.
Todos estes abusos incrementáronse durante a pandemia, ao considerar estes traballos esenciais e, por tanto, obrigando as traballadoras a incorporarse aos seus postos durante o confinamento do resto da poboación, sen garantir a protección da súa saúde e vulnerando os seus dereitos de coidado. “Un sobreesforzo e unha sobreexposición aos riscos que non foi compensada nin economica nin laboralmente”, critica.
"Os poderes públicos non adoptaron medidas sociosanitarias nin económicas con perspectiva feminista nin de clase. O capital foi o que xestionou a crise sanitaria e quen ditou a resposta a esta"
A central nacionalista leva preto de dous anos denunciando a complicidade da Xunta, dos concellos e das propias empresas concesionarias dos servizos de axuda no fogar, das residencias de terceira idade, dos centros de día, comedores escolares, dos traballos de limpeza e de asistencia no fogar, “mais tamén que as profesións feminizadas, como poden ser as dos sectores sociosanitarios, mesmo as que se desenvolven no sector público, carecen dunha valoración social e económica á altura da responsabilidade que teñen este tipo de actividades”.
Fronta esta visión, Corral anima a preguntarse que sería de nós sen as persoas que limpan, curan e coidan das persoas enfermas, das crianzas ou das persoas dependentes; que valor teñen para a sociedade este tipo de funcións cando se converten en profesións; que valor lles damos cando estes labores son realizados de balde, por persoas da nosa familia ou entorno máis próximo; ou se son ou non traballos esenciais para a comunidade.
"Lonxe quedan os aplausos ao persoal sanitario, ás xerocultoras, ou ás traballadoras dos supermercados. Os poderes públicos non adoptaron medidas sociosanitarias nin económicas con perspectiva feminista nin de clase. O capital foi o que xestionou a crise sanitaria e quen ditou a resposta a esta”, denuncia.
Mobilizacións o 25 de Novembro
Por todo isto, o próximo 25 de Novembro, a CIG ten convocadas as seguintes mobilizacións:
- A Coruña: ás 12h na Delegación do Goberno
- As Pontes: ás 12h na Praza do Hospital.
- Compostela: ás 12h no Complexo Administrativo de San Caetano.
- Ferrol: ás 12h no Edificio da Xunta.
- Lugo: ás 11h na Subdelegación do Goberno.
- Ourense: ás 12h na Subdelegación do Goberno.
- Pontevedra: ás 12h na Subdelegación do Goberno.
- Ribeira: ás 11:30h na Praza do Concello.
- Vigo: ás 12h no Edificio da Xunta
- Vilagarcía: ás 12h no Servizo Galego de Colocación
A CIG-Ensino pon a disposición do profesorado material didáctico para traballar o 25 N.
Presentamos unha batería de actividades que inclúen unha introdución teórica, uns obxectivos, os materiais necesarios e as instrucións precisas para levalas a cabo e están orientadas a diferentes etapas educativas.
Agardamos que estas secuencias didácticas sexan de proveito para tratar de axudar a reverter desde o ensino a situación social que estamos vivindo e que moitas veces se manifesta xa desde idades temperás entre o noso alumnado.