A CIG chama a intensificar a mobilización para frear a nova reforma das pensións que suporá unha baixada de até o 8% na súa contía

No Ensino, despois de que se declarara a extinguir o réxime de clases pasivas en 2010 e que o novo funcionariado de carreira e o persoal interino se xubilarán os 67 anos como norma xeral, esta reforma impedirá a incorporación de novo persoal docente.

Delegadas e delegados da CIG, xunto co colectivo de persoas pensionistas da central nacionalista, mobilizáronse este mércores nas sete cidades, así como en Vilagarcía, Ribeira e Lalín en rexeitamento á reforma das pensións que proxecta o goberno español. As concentracións insírense na campaña lanzada no mes de decembro pola CIG ante unha modificación do sistema público que ameaza con ampliar até os 30 anos o período para o cálculo das contías, o que suporá traballar máis tempo para cobrar menos e prexudicará sobre todo ás mulleres que son as que teñen contratos máis precarios, reducións de xornada, excedencias e interrupcións na súa vida laboral.

A pensión media galega, nos 980€

Nas protestas deste mércores, e nas asembleas celebradas previamente para abordar tamén a situación da negociación colectiva e a resposta fronte a carestía da vida e o empobrecemento da clase traballadora, advertiuse que a nova reforma das pensións, de aprobarse nos termos anunciados, suporía unha caída das contías futuras de entre o 6% e o 8%, como o propio Banco de España recoñece.

O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, explicou na concentración realizada diante do INSS de Ferrol, que a pensión media en Galiza é de 930€ mensuais, 70€ por debaixo do SMI, mentres que a  pensión media no Estado español está nos 1.089€. Por iso, avanzou que aprobar a reforma que planea o Goberno de PSOE-UP significaría aumentar a caída progresiva das pensións, "que xa suma un 25% desde a modificación que se impuxo en 2011, cando se ampliou a idade da xubilación de 65 a 67 anos e se aumentou o período de cálculo dos 15 aos 25 anos".

Carril chamou a atención sobre o feito de que a poboación con máis de 65 anos acada de media 29,6 anos cotizados -moi lonxe dos 37 anos e 6 meses necesarios para acceder ao 100% da base reguladora-, e que a idade media de xubilación está nos 64,71 anos, que con esta nova normativa non fará máis que incrementarse. "Todas as reformas aprobadas nos últimos anos foron para dificultar o acceso e recortar as contías das pensións públicas. Baixo a ameaza dunha suposta quebra do sistema, o que se busca é transferir a capacidade de aforro da clase traballadora aos fondos privados", alertou.

Para Carril, o grave desta reforma é que ten lugar nun contexto marcado pola elevada carestía da vida, o empobrecemento xeneralizado dos salarios, o secuestro da negociación colectiva pola patronal e os chamamentos a un 'pacto de rendas' que ten como obxectivo "impor a moderación salarial, imposibilitando calquera recuperación do poder adquisitivo dos salarios".

As traballadoras, as máis prexudicadas

Pero o impacto de ampliar o período de cálculo será maior para as traballadoras por canto teñen carreiras de cotización inferiores, xa que seguen a ser as que de xeito maioritario solicitan reducións de xornada por coidado ou mesmo abandonan o seu traballo para asumir estas tarefas, sofren maiores taxa de temporalidade e unhas taxas de contratación parcial alarmantes.

"Esta maior precariedade nas condicións laborais e, polo tanto, nos salarios, ten o seu reflexo na hora da xubilación", apuntou o secretario xeral. En Galiza a fenda das pensións está no 34%, "é dicir a pensión media dunha galega é 375,6 euros menor que a pensión media dun galego".

Un novo roubo á clase traballadora

Esta reforma, xunto ás anteriores que atrasan a idade de xubilación e manteñen a xubilación parcial nunhas condicións discriminatorias e de difícil acceso, son un atranco para a xeración de emprego. Nese sentido, a CIG considera que aprobar máis modificacións que endurecen as condicións para a xubilación obriga a prolongar a vida laboral e contribúe a unha maior emigración e máis paro xuvenil.

"Por moito que se disfrace, esta reforma é un novo roubo ás clases populares", criticou Carril, lembrando que a CIG leva anos denunciando todas estas reformas e dándolle cumprida resposta, "como fixemos coa convocatoria de folga xeral en xaneiro de 2011. A Seguridade Social é unha conquista histórica da clase traballadora e a defensa do sistema público de pensións, un dereito irrenunciábel que debemos manter a toda costa", insistiu.

No Ensino, esta reforma impedirá a incorporación de novo persoal docente

Nas asembleas e mobilizacións celebradas onte tiveron tamén unha importante participación as delegadas de Ensino que alertaron de que esta nova reforma afecta a todo o colectivo en activo pero tamén a quen pretende entrar no sistema público a traballar. Neste sentido, lembraron que despois de que a partir de 2011 todo o novo funcionariado de carreira pertenza ao Réxime Xeral da Seguridade Social, coa extinción do Réxime de Clases Pasivas, que contou no seu día coa férrea oposición da CIG fronte ao goberno de Zapatero, a idade de xubilación como norma xeral será de 67 anos, a menos que se teñan 38 e medio cotizados, algo que cada vez é máis improbábel.

Esta medida, que tamén afecta ao persoal interino, xunto co incremento que pretende aprobar agora o goberno de aumentar o período para o cómputo da contía da xubilación até os 30 anos, en lugar dos 25 actuais, suporá na práctica que o persoal docente teña que traballar máis tempo para acabar cobrando pensións menores. O feito de eliminar a posibilidade da xubilación anticipada aos 60 anos con 30 cotizados, como manteñen de momento as persoas pertencentes ao Réxime de Clases Pasivas, tamén repercutirá na creación de novos postos docentes. Haberá menos xubilacións, estas produciranse máis tarde e, polo tanto, reduciranse as convocatorias de emprego e a xente nova que queira entrar no sistema público de ensino, ou que agora mesmo xa é substituta terá máis difícil ese acceso. 

Por todo isto, desde a CIG-Ensino lanzarase unha campaña informativa nos centros que se centrará en defender o sistema público de pensións, como algo que nos afecta a todos e todas, docentes en activo e tamén a quen aínda non é, así como á sociedade en xeral que ficará máis empobrecida e que despois de aguantar anos de precariedade e inestabilidade non verá garantida a súa subsistencia con pensións dignas, alén de precisar calquera servizo social asistencial que estará fóra do alcance do seu peto, como é o caso do negocio das residencias e centros día privados. Nesta campaña informativa e axitadora tamén se dará conta da enorme diferenza que existe entre as pensións de incapacidade no Réxime Xeral da Seguridade Social con respecto ao de Clases Pasivas, outra perda de dereitos que non debe pasar desapercibida para o colectivo docente porque lle afecta plenamente tanto directa como indirectamente ás persoas coas que conviva no caso de ter que ver interrompida a súa vida profesional por unha incapacidade permanente.

CIG
Demandas da CIG para unhas pensións dignas no ensino público

A CIG-Ensino mantén como obxectivo principal conseguir o dereito indefinido á xubilación anticipada para todo o persoal docente, tanto para quen aínda mantén ese dereito (Clases Pasivas) como para quen xa non conta con el.  A continuación detállanse as nosas principais propostas: 

  • Restabelecemento do dereito á xubilación anticipada con carácter indefinido para todo o profesorado, independentemente do réxime de cotización ou situación administrativa.
  • O profesorado que teña 60 anos de idade e 25 anos de servizo terá dereito a percibir as gratificacións que corresponda por xubilación anticipada.
  • Negociación dun acordo coa Consellaría para que o profesorado que opte pola xubilación anticipada perciba unha gratificación que, sumada á pensión que reciba, sexa equivalente ás retribucións que percibiría de estar en activo até os 65 anos.
  • Xubilación obrigatoria aos 65 anos de idade ou até acadar os anos necesarios de cotización para percibir a pensión máxima correspondente ao seu corpo.
  • As prazas que queden vacantes como consecuencia da xubilación anticipada non serán amortizadas e ofertaranse nas seguintes oposicións e concursos de traslados.
  • Mellora das actuais pensións. Dereito a percibir o 100% do haber regulador con 30 anos de servizo, no horizonte de atinxir unha xubilación co 100% de todas as retribucións.

CIG-Informa sobre asembleas e mobilizacions contra a reforma das pensions

Documento


Volver