A CIG celebrará o seu IX Congreso baixo o lema “Coa Forza da Nosa Clase: Traballo, Dereitos e Soberanía”

Terá lugar o 24 de maio no Pazo de Congresos, precedido polo Seminario Internacional o 23

A CIG anunciou, en rolda de prensa, a celebración do seu IX Congreso, que terá lugar o 24 de maio, no Pazo de Congresos, en Compostela, baixo o lema Coa forza da nosa clase: traballo, dereitos e soberanía.

Segundo explicou a Secretaria Confederal de Propaganda, Lucía Freire, “será unha xornada de debate”, para analizar o traballo desenvolvido durante estes catros anos e marcar as liñas de traballo dos vindeiros catro. Un encontro no que está prevista a participación de 650 delegadas e delegados que, ademais renovarán os organismos de dirección e a secretaría xeral, para o que se poden presentar candidaturas até 48 horas antes do seu inicio.

Pola súa banda, Susana Méndez, secretaria de Organización, salientou o balance positivo para a CIG deste período, por se afianzar como primeira forza sindical do país e polo importante incremento de afiliación. Adiantou, ademais, que no Congreso se fará referencia ao 50 aniversario do asasinato de Moncho Reboiras e ao 75 aniversario da morte de Castelao, “ambos referentes importantes para o que é o sindicalismo nacionalista”.

A secretaria de Organización anunciou que na xornada do 23 de maio terá lugar o Seminario Internacional, baixo o lema “Na defensa da paz. Traballo, dereitos e soberanía”, no que participarán delegacións convidadas para abordar “as ferramentas de loita traballadora diante da nova ofensiva do capital”.

Loita contra a explotación capitalista

Foi o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, quen debullou os documentos a debate e reafirmou o compromiso cun modelo de confrontación para conquistar dereitos e transformar a realidade galega tras celebrar o balance dos últimos catro anos, nos que a CIG alcanzou un 31,5% de representatividade, consolidándose como primeira central sindical, e sumou case 9.000 novas afiliacións, superando as 85.000 persoas afiliadas. Un crecemento que reflicte a capacidade da CIG para construír dereitos e que se recolle no lema “Coa forza da nosa clase. Traballo, dereitos e soberanía”, que avanza os obxectivos para os vindeiros catro anos, centrados en “combater a precariedade e promover a xustiza social”.

Seguindo a análise dos textos a debate, Carril denunciou o “aumento da explotación capitalista no contexto internacional” e unha ofensiva do capital que “busca reforzar a explotación de clase e a dominación dos pobos e nacións”. Sinalou que os documentos alertan de que hai “máis riqueza a conta de máis pobreza”, destacando que “1.700 millóns de persoas traballadoras viven en países onde medra a inflación que se sitúa por riba dos seus salarios” e que “máis de 820 millóns de persoas no mundo” sofren a carestía da vida e a caída do poder adquisitivo.

Depredación de recursos

Apuntou tamén como elementos de análise a inestabilidade do capitalismo neoliberal, agravada pola crise da COVID-19, as cadeas de abastecemento e a inflación, nunha “economía financiarizada que funciona a golpe de burbullas especulativas”.  E puxo o foco na depredación de recursos, a transición enerxética e a dixitalización, que, segundo afirmou, confirman as análises da CIG. “Non hai unha planificación pública en favor dun desenvolvemento do conxunto da sociedade e estamos ante un novo e perigoso negocio”, denunciou.

Advertiu que, como din os relatorios, estas dinámicas, xunto coa intelixencia artificial, incrementan o desemprego e a pobreza extrema, afectando aos dereitos das maiorías sociais e denunciou o auxe do fascismo como resposta das elites económicas, sinalando que “o fascismo é a resposta das elites económicas cando ven ameazado o seu status ante a resposta social pola dureza das súas políticas”.

No ámbito europeo, salientou que nos textos a debate se critica á Unión Europea por afondar na “irrelevancia mundial” e consolidar a extrema dereita, chamando a construír “a Europa dos pobos, da xustiza social” que respecte a autodeterminación e os dereitos humanos.

Respecto do Estado español, apuntou que os relatorios reproban as políticas neoliberais do goberno, que legalizan “a pobreza e a inseguridade laboral” a través de reformas laborais e da Seguridade Social. Denunciou o diálogo social como unha ferramenta dos “sindicalismos neoliberais” que branquean estas políticas, afastándose da mobilización e do combate.

En Galiza, Carril cargou contra os gobernos de Feijóo e Rueda, cuxas políticas son “o complemento perfecto” do programa estatal, promovendo unha “negación ao desenvolvemento galego propio” que aumenta a pobreza e a desigualdade. Alertou sobre unha “brutal ofensiva” que destrúe ríos, terras e montes, poñendo en perigo sectores produtivos, e denunciou a privatización dos servizos públicos e a emigración, que deixou un saldo vexetativo un 70% peor e a perda de 371.637 galegos desde 2009, 141.222 deles menores de 29 anos.

Fronte a isto, explicou que a CIG aposta por un “modelo de confrontación, de contrapoder”. Advertiu que “sen organizar e promover o conflito, non hai posibilidade ningunha de avanzar en dereitos” e chamou, por iso, á unidade e á solidariedade para confrontar “as múltiples e variadas caras que hoxe ten a precariedade, a pobreza laboral e a explotación da xente nova” e para responder ao desemprego, á exclusión social e aos abusos contra a poboación emigrante.

Neste sentido subliñou que a CIG é “unha ferramenta para a integración social e cultural en Galiza” e un actor clave na transformación social, tecendo alianzas cunha “axenda galega” para avanzar en dereitos, igualdade e benestar; reafirmou a soberanía galega e a capacidade do pobo galego para “responsabilizarnos colectivamente” e concluíu que o IX Congreso será unha reafirmación do sindicalismo nacionalista e de clase, seguindo os principios das loitas de 1972 que consolidaron a CIG como primeira forza sindical en Galiza.

Volver