A CIG celebra asembleas de delegadas en toda Galiza coa vista posta na manifestación do 26 de xaneiro polas pensións e na folga da muller do 8 de marzo
Persoas delegadas da CIG concentráronse nas comarcas en defensa do sistema público de pensións e para esixir a derrogación das reformas laborais, da negociación colectiva e das pensións como única vía para garantir a recuperación dos dereitos roubados
A central chama a participar a todo o profesorado galego na manifestación do domingo 26 de xaneiro en Compostela por unhas pensións públicas dignas e garantidas. Lembra que para o colectivo docente a reforma das pensións significou un retroceso moi relevante ao eliminar o dereito á xubilación anticipada aos 60 anos para o funcionariado que aprobou a oposición a partir do ano 2011, que terá que traballar até os 65 ou 67 anos dependendo do tempo cotizado, ao igual que o persoal interino e substituto.
A CIG realizou este mércores asembleas e concentracións de delegadas nas diferentes comarcas en defensa do sistema público de pensións e para esixir a derrogación das reformas laborais, da negociación colectiva e das pensións como única vía para garantir a recuperación dos dereitos roubados á clase traballadora baixo a escusa da crise. Dende a CIG lanzouse un chamamento a participar na manifestación que a central ten convocada o domingo 26 de xaneiro, ás 12 horas, en Santiago de Compostela por unhas pensións públicas e garantidas, "porque esta é unha loita que atinxe a toda a clase traballadora", en palabras do seu secretario xeral, Paulo Carril. "Estamos nun momento no que, ou empurramos a mobilización social ou dificilmente poderemos frear a pobreza e a precariedade laboral, os ataques ao sistema público de pensións, o desmantelamento do noso tecido produtivo ou mesmo o auxe da extrema dereita", advertiu.
No caso concreto do persoal docente, a reforma das pensións de 2011 tivo un efecto pernicioso que afecta sobre todo ao novo funcionariado. De feito, entre unha persoa que aprobara a oposición en 2010 e outra que o fixera en 2011 a diferenza pode ser de até 7 anos á hora de xubilarse. Mentres que o funcionariado nomeado antes da reforma das pensións, aprobada polo goberno de Zapatero e asinada por CC-OO e UGT, vai poder seguir exercendo o seu dereito á xubilación anticipada aos 60 anos de idade, aquel que fora nomeado tras a entrada en vigor dese cambio lexislativo terá que facelo á mesma idade legal que calquera traballador/a da Seguridade Social, que este ano son os 65 anos e 8 meses (para quen non teña 36 anos e 9 meses cotizados) e que a partir de 2027 serán os 67 anos (para quen non cotizara 38 anos e seis meses). Esta mesma circunstancia aféctalle ao profesorado interino e substituto.
Folga de 24 horas o 8 de marzo
Nas asembleas tamén se debateu arredor da folga de mulleres de 24 horas que a CIG convoca para o vindeiro día 8 de marzo e das mobilizacións previstas para o día 10 de marzo, Día da Clase Obreira Galega.
A secretaria confederal das Mulleres da CIG, Marga Corral, incidiu na asemblea de Vigo na importancia de enfocar a conmemoración do 8M como unha data de combate, de confrontación e de denuncia do sistema capitalista patriarcal que oprime e discrimina a milleiros de mulleres en todo o mundo.
Diante disto, chamou a todas as mulleres traballadoras a participar nun paro de 24 horas que vai máis alá do estritamente laboral xa que tamén é de consumo, de coidados, etc. e instou aos homes a levar estas reivindicacións aos centros de traballo e de ensino e a apoiar e facilitar que as súas compañeiras non vaian a traballar ese día, ademais de a participar nas mobilizacións que se desenvolverán o 8 de Marzo pola tarde. Pola mañá terán lugar os piquetes e as mobilizacións convocadas pola CIG, que estarán protagonizadas exclusivamente por mulleres. “Polas que estamos, polas que xa non teñen voz, imos á folga”, subliñou Corral.
Ademais, aludiu a outro dos obxectivos desta mobilización, que non é outro que “desmontar a hipocrisía que fai que o sistema bote man do tema das mulleres para lavar a cara”. Neste punto amosouse moi crítica co que cualificou como “paripé” feito o ano pasado por CCOO e UGT “coa axuda dos medios de comunicación” xa que a pesar de que estes dous sindicatos convocaron folga xeral “cantos homes participaron do paro ou cantas empresas pecharon?”.
Corral asegurou que as mulleres organizadas na CIG están fartas desta hipocrisía social que fai que “agora todo o mundo se declare feminista, pero a realidade é que seguimos a ser asasinadas, acosadas, agredidas e discriminadas sen que ningún goberno faga nada por rematar con isto”. Segundo denunciou, tampouco a Administración de xustiza está a combater esta situación, máis ben ao contrario: “A xustiza española machista e fascista está a reaccionar, como amosan sentenzas como a da Manada”, censurou.
Finalmente, fixo fincapé en que “os nosos dereitos conquístanse loitando na rúa e nos centros de traballo”, polo que salientou a importancia de participar en todas as mobilizacións que convoca o feminismo galego, do que tamén fai parte a CIG.