A CIG apoia a equiparación do profesorado de sectores singulares de FP que cuadriplicou en sinaturas o número do colectivo

Unha representación de docentes das 10 especialidades singulares entregaron onte en San Caetano 1.140 sinaturas solicitando o cobro dos 151,37 euros de complemento equiparador co profesorado de secundaria e que só percibe o PTFP a extinguir

Segundo datos do sindicato, hai 287 docentes afectados entre persoal fixo e interino con contrato durante todo este curso académico, ao que hai que engadirlle o persoal substituto. Nas oposicións deste mes de xuño sumaranse 70 novas prazas de ingreso libre e 10 para persoas con discapacidade.

A Consellaría de Educación mantén unha tripla discriminación entre o profesorado de FP por “aforrar” apenas medio millón de euros ao ano. Esta é a cifra que lle suporía á administración pagarlle ao colectivo docente do novo corpo de Profesorado Especialista de Sectores Singulares da FP -creado ao abeiro da nova Lei Orgánica de FP- o mesmo que aos seus compañeiros e compañeiras dos corpos de PES e de PTFP a extinguir que tamén imparten nestas ensinanzas. Nestes momentos a diferenza salarial entre o novo funcionariado de carreira desde 2022 e o persoal interino e substituto das especialidades de Cociña e Pastelaría, Estética, Fabricación e Instalación de Carpintaría e Moble, Mantemento de Vehículos, Mecanizado e Mantemento de Máquinas, Patronaxe e Confección, Peiteado, Produción de Artes Gráficas, Servizos de Restauración e Soldadura é de 151,37 euros ao mes. Porén, o traballo que realiza e as responsabilidades que ten este colectivo non difire en absoluto no día a día dos centros educativos do que desempeña o resto de profesorado con atribución docente na FP. Calquera PESSFP pode nestes intres ocupar coordinacións e titorías, formar parte dun equipo directivo, ocupar asesorías na Consellaría ou presidir tribunais de oposicións. De feito é salientábel como a administración está a seleccionar persoal deste corpo para este tipo de responsabilidades, o que afonda aínda máis no sen sentido que ten esta discriminación.

Para a CIG-Ensino sempre foi un obxectivo fundamental que exista un único corpo docente  enmarcado no A1 pero dado que a actual regulamentación depende do Ministerio e semella que poucos avances se pretenden levar a cabo neste tema, as miradas están postas na Consellaría que ten plenas competencias en materia de retribucións do seu persoal. Non se entende que se tomara a decisión de aprobar este complemento para un colectivo, o Profesorado Técnico de FP a extinguir, que aínda por riba cada ano é menos numeroso porque se foi xubilando, cando nestes intres ao subgrupo A2 de PESSFP están accedendo persoas con e sen titulación universitaria. Polo tanto, nin sequera a diferenciación en temas de requisitos de acceso xustifican esta discriminación. Nestes intres tanto o PTFP como o PESSFP forman parte do grupo A2 pero teñen retribucións diferentes.

Visibilización da campaña de equiparacións salarial

O sindicato maioritario no ensino público levará a todos os órganos de negociación, tanto á Mesa Sectorial como ao Consello Galego de FP, unha vez máis esta reivindicación pero agora co aval das 1.140 sinaturas que conseguiu este colectivo, catro veces máis do número que o conforman. A Consellaría debería tomar nota da solidariedade que existe entre o profesorado que imparte en FP que non entende de clases e categorías, ao contrario do que parece que lle interesa á administración, que é manter dividido o seu persoal docente.

A CIG anima a que se lle dea visibilidade á campaña emprendida polo colectivo de afectados colgando nos taboleiros dos centros e dos departamentos as sinaturas acadadas e a que se expoña esta problemática nos claustros e nas reunións de departamento nas que conflúan os tres tipos de docentes que imparten en FP.

Volver