A CIG anuncia unha campaña para derrogar o complemento de destino para altos cargos da administración pública
Campaña contra o plus de altos cargos
A Confederación Intersindical Galega presentaba esta mañá, en rolda de prensa, a súa posición a respecto do complemento de destino para altos cargos da administración pública e a campaña que porá en marcha en demanda de que a disposición adicional 17ª sexa derrogada.
Non descarta promover unha Inciativa lexislativa popular
A CIG anuncia unha campaña para derrogar o complemento de destino para altos cargos da administración pública
A Confederación Intersindical Galega presentaba esta mañá, en rolda de prensa, a súa posición a respecto do complemento de destino para altos cargos da administración pública e a campaña que porá en marcha en demanda de que a disposición adicional 17ª sexa derrogada.
“Consideramos que estamos diante dunha medida claramente discriminatoria e elitista dentro do que é a propia función pública. Este tipo de complemento vano cobrar aqueles funcionarios que ocupen cargos públicos, mentres que os seus compañeiros, pola evolución normal da súa carreira como funcionarios nunca van poder chegar a cobrar ese complemento”. Así resumía Suso Seixo, Secretario Xeral da CIG o posicionamento da central a respecto do complemento de destino recollido na disposición adicional 17ª.
Para a CIG esta decisión, que entrou en vigor o pasado luns día 17 de setembro, logo de ter sido aprobada polo conxunto dos grupos parlamentarios o pasado mes de xullo supón “crear un corpo de elite composto por persoas –que acceden voluntariamente ao posto como altos cargos- nomeadas de forma discrecional por cada goberno, por cada forza política”, matizou Seixo, quen engadiu que para a CIG “é unha inmoralidade xa que moitos dos que votan no parlamento unha lei como esta van ser beneficiarios desta medida”.
Desde a CIG tamén se subliña o feito de que á hora de reclamar recursos públicos, ben para reivindicacións laborais dos propios traballadores da administración pública, ben para mellorar servizos públicos pola vía de incrementar o persoal sempre hai tremendos problemas porque din que non hai dispoñibilidade orzamentaria. Dispoñibilidade que si hai para remunerar agora aos cargos públicos.
Ante esta situación, a Confederación Intersindical Galega, logo de avaliar esta medida acordou pór en marcha unha campaña nacional, máis alá das denuncias xa realizadas pola propia federación de administración pública. “Entendemos que isto é un problema que sobarda a pura administración pública. É un tema de decisión política que nos afecta a todos os cidadáns, como galegos e galegas”, sinalou Seixo.
Por iso, o Secretario Xeral da CIG compareceu ante os medios de comunicación acompañado dos secretarios nacionais das federacións da área pública, nomeadamente Xosé Carlos Crespo, de CIG-Administración, Anxo Louzao, de CIG-Ensino e María Xosé Abuín, en representación do secretario nacional de CIG-Saúde, Xan Cons.
Presentación da campaña
Tendo en conta o alcance desta medida, a CIG acordou pór en marcha unha campaña que inclúe, ademais de facer público o posicionamento da organización sindical –contrario a aplicación da devandita disposición adicional-, unha concentración de delegados e delegadas das distintas áreas do sistema público, apoiado por delegadas e delegados doutros sectores, o próximo día 26 de setembro, ás 11:30 horas diante de San Caetano; xuntanzas cos tres grupos parlamentarios para demandarlles que promovan unha inciativa, unha proposición de lei no parlamento pedindo a derrogación desta disposición adicional 17ª ou a través da lei de Orzamentos de 2008.
Iniciativa Lexislativa Popular
En todo caso, se estas xestións non deran resultado, a CIG non descarta promover unha Iniciativa Lexislativa Popular na que ademais de derrogar esta disposición adicional se procurarían incluír outros aspectos relacionados co propio modelo de función pública en Galiza.
A CIG calcula que a entrada desta ILP coincidiría no tempo co debate para a modificación da Lei de Función Pública Galega, que ten que se adaptar ao Estatuto Básico do Empregado Público. Unha coincidencia que, segundo Seixo, “permitiría ademais comparar o modelo que defende a CIG co que defenden os distintos grupos parlamentarios sobre o que debe ser a función pública galega”.
Os datos
A disposición adicional 17ª da lei da Función Pública Galega (4/1988, de 26 de maio), na súa redacción dada pola Lei 13/2007, do 27 de xullo, vén introducir na función pública galega unha regulamentación análoga á que existe na función pública estatal desde 1991.
A finalidade da reforma é permitir que os ex altos cargos consoliden un complemento de destino de 14.721 euros anuais, que “é o estabelecido na Lei de Orzamentos Xerais do Estado para 2007 para un director xeral e que equivalerían a un (inexistente) nivel de complemento de destino 33, que é coñecido no ámbito da administración co nome oficioso de “nivel súper 30”.
O aumento retributivo asimílase ao nivel de director xeral, o que supón rebordar o límite dos trinta niveis legais que integran a carreira administrativa, ao introducir un nivel retributivo supremo que só poden alcanzar os funcionarios que desempeñaron altos cargos (de designación política) e nunca os funcionarios que seguen unha carreira ordinaria, por exemplar e brillante que sexa.
Pódese entender que esta norma quebranta o principio de igualdade (art. 14 C.E.) e os de mérito e capacidade (art.103.3). Esta disposición adicional introduciría elementos de discriminación entre funcionarios que desempeñan tarefas idénticas e perciben retribucións dispares en razón a circunstancias xa pasadas e polas que foron compensados no seu momento cunha maior retribución.
Non é correcto invocar precedentes, como se fixo desde a presidencia da Xunta de Galiza, porque é unha medida completamente nova. O que está recoñecido por Lei desde 1998 non é o “súper- trinta”, senón unha modalidade especial de consolidación do grao persoal (para os funcionarios do grupo A) ou de recoñecemento de dereitos retributivos (para o resto) correspondente ao nivel de complemento de destino 30 para aqueles funcionarios que desempeñasen altos cargos durante dous anos continuados ou tres con interrupción.
O que introduce, en definitiva, a disposición adicional 17ª é algo cualitativamente diferente, pois nin reviste a forma xurídica de consolidación de grao persoal (xa que está configurado á marxe do sistema ordinario da carreira profesional), nin utiliza como referencia cuantitativa os niveis de complemento de destino existentes para os funcionarios de carreira, senón o complemento de destino –superior- que as leis de orzamentos estabelezan para os directores xerais, ao que nos vimos referindo co nome de “nivel súper- trinta”.
Extensión a outros cargos: o efecto dominó da lei
Cada Parlamento autonómico é libre de adoptar ou non para a súa administración a consolidación do “súper-trinta” dos ex altos cargos. Porén, unha vez decide aprobar esa medida, o estatuto básico do empregado público obriga a estendela a un amplo abano de cargos electos procedentes da situación de servizos especiais: altos cargos, membros do poder xudicial ou doutros órganos constitucionais ou estatutarios (como son o valedor do pobo ou os conselleiros de contas), alcaldes retribuídos e con dedicación exclusiva, presidentes de deputacións ou institucións equivalentes, deputados ou senadores das Cortes Xerais e membros das asembleas lexislativas das Comunidades Autónomas.