A CIG advirte que as mobilizacións continuarán mentres non se atenda ás reivindicacións do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar

Logo da masiva participación na folga do Consorcio

A CIG valora moi positivamente a participación das traballadoras e traballadores do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar na folga e na manifestación convocadas no día de hoxe. Mobilizacións coas que se reclama a aplicación do convenio, partidas orzamentarias para manter os servizos e os postos de traballo e o cumprimento das condicións laborais pactadas, nomeadamente no referido a xornada e a suba salarial, a celebración das oposicións aprobadas, a resolución das irregularidades que se están a producir e que se garanta o seu carácter público.
A CIG advirte que as mobilizacións continuarán mentres non se atenda
as reivindicacións dos traballadores
A CIG valora moi positivamente a participación das traballadoras e traballadores do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar na folga e na manifestación convocadas no día de hoxe. Mobilizacións coas que se reclama a aplicación do convenio, partidas orzamentarias para manter os servizos e os postos de traballo e o cumprimento das condicións laborais pactadas, nomeadamente no referido a xornada e a suba salarial, a celebración das oposicións aprobadas, a resolución das irregularidades que se están a producir e que se garanta o seu carácter público.

A manifestación, que percorreu as rúas de Compostela para rematar diante do edificio administrativo da Xunta de Galiza, en San Caetano, transcorreu nun ambiente festivo e reivindicativo. Ao seu remate, o secretario nacional de CIG-Ensino, Anxo Louzao, fixo un chamamento tanto á Conselleira de Traballo, como ao Xerente do Consorcio e ao propio presidente da Xunta advertindo que “a CIG e as traballadoras e os traballadores temos a firme vontade de continuar coas mobilizacións até conseguir que se atendan as nosas reivindicacións”.

Reivindicacións que se resumen na aplicación inmediata do Convenio Colectivo do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, asinado entre o propio Consorcio e os nosos representantes e ratificado polos catro comités de empresa. Que se contemplen nos orzamentos da Xunta as partidas necesarias para poder facer efectivo o cumprimento de dito convenio, sobre todo nos apartados referidos á xornada e suba salarial.

Xunto a iso, exixen que se contemplen nos orzamentos da Xunta as partidas necesarias para poder manter todos os servizos e postos de traballo das Oficinas I+B e a readmisión das 61 despedidas e despedidos; que se celebren os procesos selectivos de persoal xa convocados e coas bases aprobadas e publicadas no seu día; que se resolvan todas as irregularidades que se están a dar na actualidade no que ten que ver coa xestión das listaxes, substitucións, cobertura das baixas, modalidades de contratos, falla de recursos materiais e humanos, despedimentos, oferta formativa insuficiente..., e que se manteña na súa totalidade o carácter público do consorcio. Por iso manifestaron o seu absoluto rexeitamento á privatización dos novos Centros de Día.

Louzao transmitiu ademais o sentir dos traballadores/as, dos que dixo que están loitando polos seus dereitos laborais, polo mantemento dos servizos ofrecidos ao conxunto da cidadanía como servizos públicos e contra o desmantelamento das oficinas de I+B. “Oficinas situadas maioritariamente no ámbito rural e desde as que se estaba a ofrecer distintos programas que redundaban nunha mellor inserción laboral da muller ou atención aos adolescentes. A Consellaría de Traballo decidiu despedir 61 traballadores coa eliminación dos seus postos de traballo, polo que moitos deses servizos xa non poderán ser ofrecidos”, explicou o secretario nacional de CIG-Ensino.

Contra a privatización

Alén diso, tanto a través das consignas coreadas polas/os manifestantes como na intervención de peche da manifestación, fíxese especial fincapé na necesidade de que todos e cada un dos Centros de Día existentes na actualidade ou que abran no futuro sigan tendo carácter público, “sen estar subrogados a empresas privadas que nunca xestionarán o servizo coas mesmas garantías de calidade que se pode facer desde as institucións” dixo Louzao quen matizou que “a privatización destes centros redundará na precariedade laboral das súas traballadoras e traballadores.

As escolas infantís teñen que seguir sendo galescolas

Outra das demandas das/os manifestantes foi que as escolas infantís sigan sendo galescolas. A ese respecto, Louzao subliñou a necesidade de que “se manteña o modelo educativo e que o galego sexa a lingua vehicular e desterrar o odio que o actual goberno do PP ten con todo o que nos fai galegos”.

Mais tamén se reclamou que os usuarios e destinatarios dos servizos que dependen do Consorcio non perdan as prestacións de calidade que até agora viñan recibindo. Nese sentido, o secretario nacional de CIG-Ensino sinalou que o actual goberno paralizou as medidas que melloraban as condicións de traballo, salariais e de xornada do persoal do consorcio, cuxa maioría non alcanza o 1000 euros de salario e que padece a temporalidade e a precariedade laboral.

Xunto a iso, denunciou a actuación “sen precedentes, fraudulenta, inxustificada, partidista e perniciosa” para os traballadores e traballadoras do Consorcio que no seu día superaron unha oposición, “fixéronlles un contrato fraudulento e agora, matriculados/as de novo nunha nova oposición para acceder a unha praza de laboral fixo, o PP suprime esta convocatoria sen ningún aval legal nin xustificación”.

Louzao afirmou que o PP continúa coa “difamación e a calumnia” contra as traballadoras e traballadores, co obxecto de desprestixiar o noso traballo e xustificar o desmantelamento do Consorcio e os despedimentos. “Non toleraremos ningunha mentira nin falsidade máis”, dixo e advertiu que “desde a CIG non imos aceptar ningún despedimento, nin que se ataque o carácter público do Consorcio e se pretenda a privatización dos servizos sociais, nin que se xogue cos dereitos e intereses dos traballadores e traballadoras por motivacións perversas e tampouco que os acordos acadados de carácter laboral non se apliquen”.

Volver