A campaña da CIG-Ensino provoca que a Consellaría, segundo a Valedora do Pobo, deixe sen efecto a Circular 14/2014 sobre o uso dos audiovisuais no ensino

Da resolución da Valedora do Pobo despréndese que non hai máis limitacións do uso dos audiovisuais que o estabelecido non Real decreto lexislativo 1/996 do 12 de abril

A CIG-Ensino emprendeu, xa no curso pasado, unha campaña con grande acollida do profesorado, para que a Consellaría retirase a circular que enviou aos centros no curso 2014-2015 na que limitaba o uso dos recursos audiovisuais como ferramenta didáctica e pedagóxica nos centros escolares. A Consellaría non só non atendeu a proposta da CIG-Ensino senón que, posteriormente, facilitou que unha empresa privada pretendese cobrar pola utilización dos contidos audiovisuais.


A CIG-Ensino levou este tema á Mesa Sectorial e ao Parlamento de Galiza, recollemos preto de 4.000 sinaturas dos centros de ensino e levamos a cabo unha concentración para exixir a súa retirada, xa que a utilización, reprodución e exhibición do material de carácter audiovisual fotográfico ou plástico é algo inherente á práctica docente. Visto que a Consellaría continuaba sen dar resposta, presentamos unha queixa perante a Valedora do Pobo que, unha vez admitida e iniciadas as actuacións pertinentes perante a Consellaría de Educación, emitiu un informe no que segundo o Valedor  a Consellaría sinala o seguinte:



  • A Circular 14/2014 non implica a limitación do uso de reprodución das obras audiovisuais como ferramenta no traballo docente máis alá do estabelecido no Real Decreto lexislativo 1/1996.
  • Non se impón ningunha obriga a través da circular, máis alá das estabelecidas por rango de lei.
  • A empresa MPLC que se dirixiu aos centros non ten asinado ningún tipo de contrato nin pactou o seu contido coa Consellaría neste aspecto. A Consellaría non ten habilitación legal para impedirlle a unha empresa privada que se comunique cos centros.
  • A Consellaría transmite o seu total desacordo coa demanda da empresa, expresada nos seguintes termos: “se non seu centro non se están usando materiais audiovisuais, rogámoslle que igualmente o comunique”, pois a oferta dun servizo non ten que levar parello xustificar a non contratación do mesmo.
  • A Consellaría quere “deixar constancia de que “o profesorado continúa a pode facer un uso gratuíto dos medios audiovisuais” exactamente nas mesmas condicións que antes de que a Consellaría emitise a dita circular, é dicir, dentro do respecto ao marco legal vixente, que a xuízo da Consellaría é perfectamente compatíbel cun ensino público de calidade en todos os centros.”


Conclúe a Valedora do Pobo que do contido da nosa queixa e do exposto no informe da Consellaría se deduce “que non houbo por parte da administración ningunha actuación irregular ou lesiva dos dereitos dos membros da comunidade educativa a utilizar os medios audiovisuais dentro do marco normativo vixente, coas mesmas condicións que ata a data”


Da resolución da Valedora do Pobo, como se pode observar, despréndese que a Circular 14/2014 está sen efecto e que non hai máis limitacións do uso dos audiovisuais que o estabelecido non Real decreto lexislativo 1/996 do 12 de abril.

Volver