A avaliación do alumnado: quen e como se toman as decisións nunha situación excepcional como esta?
A CIG-Ensino apela á responsabilidade da Consellaría para ditar unhas instrución claras ao respecto da avaliación no presente curso escolar
O conxunto do sistema educativo, a educación do noso alumnado, a práctica docente do profesorado, a intervención das familias no proceso de ensino aprendizaxe, a política educativa nun sentido amplo do termo, todo está sometido desde o día 13 de marzo a unha tensión nunca antes vista. Unha tensión que precisa, mais que ningunha outra cousa, coordinación por parte de quen dirixe a política educativa e un esforzo de todos e todas nós (profesorado, alumnado, pais e nais) por acomodarnos a unha situación que require repensar todo o que estabamos a facer e o que temos que facer durante a interrupción das aulas e, como non, cando nos reincorporemos de novo á normalidade.
Neste sentido, desde a CIG-Ensino botamos de menos unha coordinación real promovida pola Consellaría de Educación que evite tensións innecesarias que poden ter unha especial relevancia nas casas do noso alumnado nunha situación de confinamento como o actual. Tamén entendemos que se deben evitar discriminacións para o noso alumnado que proveñan das diferenzas no acceso á educación a distancia e, por último, demandamos que se evite a toma de decisións contraditorias nos diferentes centros.
Urxe unha actuación conxunta e unha reflexión sobre a segunda avaliación.
Na reunión desta semana entre o Ministerio (MEFP) e as diferentes Consellarías de Educación falouse de ter en conta posíbeis cambios de cara á 3ª avaliación mais deuse por feito que a 2ª avaliación tiña que producirse con efectos do día da entrada en vigor do estado de alarma. Nun proceso educativo que debe pivotar na evolución do noso alumando ao longo de todo o curso académico, cun carácter continuo e non finalista da avaliación, cabe preguntarse por que esquecemos o momento no que estamos, co noso alumnado metido nas casas, con parte del sen acceso a ningún tipo de formación a distancia; cun profesorado ao que se lle pide que avalíe nestes momentos sen que se garanta que exista unha xunta de avaliación e sen que realmente teñamos todos os elementos necesarios para que a avaliación responda realmente ao seu cometido.
Dá a sensación de que, por ofrecer unha “sensación de normalidade”, a administración educativa está disposta a que unha nota numérica apareza nas avaliacións sen reparar no que implica nunha situación excepcional como a actual, tanto para o profesorado que debe avaliar como para o alumnado, especialmente para este último.
É necesaria esta avaliación neste momento?
O debate entre o MEFP e as CC.AA. non debería contemplar, máis alá dunha posíbel modificación da avaliación do último trimestre, unha adecuación da avaliación de todo o curso académico a esta situación excepcional?
Se partimos do carácter continuo do proceso de ensino aprendizaxe pasaría algo por introducir, con carácter extraordinario, un curso con dúas avaliacións e que o esforzo da Consellaría se centrase en como desenvolver precisamente esa última avaliación unha vez que remate o confinamento nos nosos fogares?
En que lugar queda a coordinación didáctica, o equipo de nivel, a xunta de avaliación, o departamento de orientación, a titoría, a avaliación do alumnado con necesidades específicas de apoio? Esquecémonos de todo para salvar a burocracia e que esas notas que xa o sistema de alertas de Abalar notificou ao noso alumnado que lle chegará o día 3 de abril aparezan como se non pasase nada? É iso a normalidade?
Para a CIG-Ensino a resposta a todas estas preguntas pasa por eliminar esta segunda avaliación e por introducir as modificacións legais oportunas para que a avaliación do 3º trimestre e do curso no seu conxunto teña en conta a excepcionalidade e a fenda dixital que está a provocar unha ruptura total na equidade na que se debe sustentar o noso sistema educativo. Mais en calquera caso é a Consellaría a que lle corresponde facer esta reflexión e, sinceramente cremos, que non a fixo tendo en conta a realidade que nos rodea.
Hai que rematar coa descoordinación, un papel que lle corresponde á Consellaría.
A Consellaría, nas instrucións publicadas no seu portal web o día 12 de marzo dicía con claridade que as actividades relacionadas cos contidos curriculares que se fagan a distancia “non terán carácter de avaliables.”
O día 25 de marzo, nun comunicado de prensa a Consellaría afirmaba que: “Nesta liña [en referencia ao debatido na reunión entre o Ministerio e as CC.AA;].... , acordouse modificar os contidos e competencias básicas previstas para o terceiro trimestre. Estas modificacións abordaranse nunha xuntanza en abril”.
A partir desta data, na que tamén se celebra unha reunión da Consellaría coa Xunta Autonómica de Direccións, que ten como cometido unha función consultiva e de asesoramento da Consellaría, prodúcense unha serie de instrucións diferentes en moitos centros educativos ao respecto da avaliación do último trimestre, chegando ao extremo dalgún centro no que se afirma expresamente que “as actividades da 3ª avaliación realizadas durante o estado de alarma poderán terse en conta nas cualificacións da 3ª avaliación”.
É obvio que o profesorado non pode actuar en función de directrices que non se amparen nunha normativa clara e xeral e tamén o é que as direccións deben contar con esa normativa para evitar, novamente, que a inacción da Consellaría as leve a ter que adoptar decisións pola súa conta. Correspóndelle pois, á Consellaría, actuar con celeridade e sentido común. Desde a CIG-Ensino esixímoslle que asuma a responsabilidade que lle corresponde. Agardamos que sexa quen de facelo.