A atención á diversidade, principal prexudicada nun comezo de curso lastrado polos recortes
Cambios de perfil de prazas que pasan a ser compartidas, recortes no CADP de prazas de PT e AL, negativa a cubrir necesidades e mesmo incumprimento dos escasos avances recollidos no acordo coa minoría sindical
As primeiras semanas deste curso escolar inzado de propaganda, mentiras e medias verdades por parte da Consellaría e de quen lle ri as grazas falando de “luces e sombras” (sic), están marcadas polos recortes e falta de avances na atención ao alumnado con necesidades específicas de apoio educativo.
Este curso a Consellaría reduciu en 80 o número de docentes de PT e AL con destino provisional ao respecto do curso pasado, ao tempo que decidiu non atender as necesidades de atención preferente de máis de 30 centros que así o demandaban e que a CIG-Ensino reclamou na Mesa Sectorial.
Na campaña manipuladora na que se move Educación desde o comezo de curso vendeu como un avance dotar de profesorado de apoio aos centros vinculados a un autodenominado plan MEGA, que desde a CIG-Ensino xa alcumamos como MEGA-TROLA, ao estar vendendo como profesorado a maiores o que non é nin máis nin menos que unha parte do profesorado que se lle negou aos centros tan só dous meses antes.
No que respecta á atención a alumnado con NEAE cabe destacar os seguintes datos:
- A Consellaría mente cando afirma que está dotando de máis docentes para a atención ao alumnado con NEAE. Parte dese profesorado estará vinculado a fondos finalistas que recibe da Unión Europea vía Ministerio de Educación, exactamente igual que en anos anteriores e no total non hai incremento senón redución.
- Nas prazas adxudicadas do Plan MEGA tan só o 42% delas (69) son de PT e AL, unha cifra xa de por si inferior aos recortes previos.
- Dentro das prazas de PT a AL do plan MEGA máis do 27% delas son a media xornada, polo que o custe económico do que falamos non é xa de 69 docentes senón do equivalente a 59 salarios a xornada completa.
- Ao ter o Plan MEGA un recorte no tempo de duración dos contratos (desde o 10 de setembro ao 30 de xuño no canto de ser por todo o curso escolar como corresponde a unha interinidade sen persoal substituído) aforran un 13% da masa salarial: están gastando o equivalente a 52 mestres e mestras de PT e AL a tempo completo. Este e non outro é o “esforzo” de Educación: aforran cando dotan con menos docentes dos que recortaron en xuño, desatendendo as peticións dos centros.
- A dotación de mestres para 5 prazas de atención domiciliaria (tres na provincia de Lugo e dous na da Coruña) non tivo efectos até o 30 de setembro, tres semanas despois de comezado o curso.
Non respectan nin os mínimos pactados
Ao carón dos recortes está a outra cara da moeda: a falta de avances. Na negociación do acordo que a minoría sindical e o presidente Rueda cualificaron como “de melloras” e “histórico” había algúns apartados que, non chegando a onde a CIG-Ensino demandaba, non deixaban de ser avances. En concreto, o cómputo dobre e triplo de alumando con discapacidade, dependencia ou trastornos de conduta era un deles. Que xa desde o mes de xuño tanto administración como sindicatos asinantes soubesen que non se ía cumprir, baixo o eufemismo de “aplicación progresiva” é un insulto ao profesorado. Unha aplicación que leva a que non se teña en conta en ningún caso nos IES e na inmensa maioría dos CEIP.
Visto este proceder desde a CIG-Ensino entendemos o porqué tampouco se quixo abordar neste tema o que defendiamos desde o sindicato: que a maiores do alumando con discapacidade ou dependencia se tivesen en conta os informes dos Departamentos de Orientación e dos Equipos de Orientación Específicos cando se demandase persoal específico ou desdobre de aulas en función das características de alumnado aínda que carecera de recoñecemento oficial de discapacidade ou este fose inferior ao fixado na proposta da Consellaría: se xa non tiñan pensado cumprir os mínimos como ían aceptar ir máis alá.
Unha rede a atención á diversidade para unha educación realmente inclusiva
No sistema educativo galego segue sen aprobarse unha rede de atención á diversidade que regule unha dotación como é debido e con todo o persoal especialista necesario, desde Orientación a persoal coidador, pasando por mestras e mestres de AL e PT, sen desbotar a incorporación doutras figuras profesionais non docentes.
Máis alá do número de alumnado con NEAE escolarizado en centros ordinarios, máis alá das porcentaxes, está a atención e está adoece desde hai moitos anos da falta de financiamento para incrementar persoal.
Unha vez máis o alumnado con necesidades é o máis prexudicado nunhas políticas educativas que só camiñan cara a verdadeira inclusión no papel e que mantén no tempo a política dos parches na atención aos máis vulnerábeis.
É urxente que se tomen medidas que eviten que cada comezo de curso sexa unha carreira de obstáculos para familias e profesionais.
- Crear unha rede de Orientación con especialistas en todos os centros completos de infantil e primaria, dotación de máis profesionais sempre que se supere a ratio recomendada pola UNESCO (250 alumnos e alumnas por orientador ou orientadora). Deste xeito evitaríase a mobilidade e os cambios de centros compartidos e adscritos que volvemos ver neste curso.
- Incrementar a dotación de mestras e mestres de Pedagoxía Terapéutica ou Audición e Linguaxe en todos os centros nos que o mínimo fixado no catálogo de postos de persoal non sexa abondo, algo que está recollido expresamente no acordo asinado pola CIG-Ensino e outros sindicatos no ano 2007.
- Dotar de carácter vinculante os informes dos Equipos de Orientación Específicos que en ocasións non son escoitados pola administración para a dotación das necesarias prazas de profesorado ou persoal coidador.
- Incremento do persoal coidador e maior axilidade na cobertura de prazas e substitucións.
Desde a CIG-Ensino seguiremos a denunciar todas as eivas provocadas polos recortes ou avances insuficientes da Consellaría e a traballar para que se cubran todas as necesidades que desde a comunidade educativa se están solicitando tanto por parte dos propios centros como desde as ANPAS.