A Área Pública da CIG traslada as súas demandas para os orzamentos do Estado ao BNG
Propón medidas para combater a temporalidade nas administracións e rexeita a reforma do EBEP
Os responsábeis das federacións de Área Pública da CIG, Suso Bermello, da CIG-Ensino; Xavier Picón, da CIG-Administración e María Xosé Abuín, da CIG-Saúde, celebraron esta mañá unha reunión de traballo co deputado do BNG, Néstor Rego, para dar traslado da posición do sindicato maioritario no conxunto das administracións públicas galegas sobre os orzamentos xerais do Estado (OXE) no que atinxe ás empregadas e empregados públicos
Eliminar a taxa de reposición para crear emprego neto
Os representantes da CIG incidiron na necesidade da retirada completa das taxas de reposición, de maneira que se permita a creación neta de emprego en todas as administracións e a recuperación e reforzo dos servizos públicos.
Nese sentido denunciaron que os pactos de CCOO, UGT e CSIF, primeiro co PP e agora co PSOE blindan a permanencia das taxas de reposición, o que implica, por un lado, un exemplo do centralismo na xestión do persoal ao cargo das administracións locais e autonómicas, impedindo que poidan dar resposta ás necesidades estruturais do seu persoal, dimensionando os seus cadros de persoal e decidindo sobre a xestión dos servizos que presta, en función das súas propias capacidades orzamentarias. Mais, por outra banda, demostran un exercicio de cinismo por parte dos sindicatos estatais asinantes, que asinan pactos nos que se mantén a taxa de reposición pola mañá e pola tarde se lamentan de que exista tal limitación.
Por unha reforma do EBEP que non deixe de lado o persoal interino e que garanta a autonomía da negociación en cada sector da administración
Na reunión a Área Pública da CIG tamén aproveitou para contrastar con Néstor Rego a situación actual da reforma do RDL 14/2021 que reforma o EBEP e trata sobre o abuso de temporalidade nas administracións públicas. A CIG expresou e defendeu unha modificación do texto actual na liña de buscar unha solución ao abuso da temporalidade que parta dos seguintes principios:
- Eliminar a taxa de reposición.
- Garantir a plena capacidade para negociar en cada ámbito territorial e nos diferentes sectores nos que se organiza a administración pública, evitando un marco estatal que limite a negociación en Galiza e que impoña unha normas de carácter xeral para o persoal de todas as administracións sen ter en conta as enormes diferenzas existentes (educación, sanidade, diferentes ámbitos da administración xeral, empresas públicas etc).
- Aplicar un réxime sancionador estrito aos cargos públicos que permitan a fraude que teñan un carácter disuasorio para quen até agora permitiu o abuso ou a fraude.
- Permitir, no marco da negociación colectiva, que se poidan pactar nos diferentes sectores e ámbitos da administración medidas reparadoras, ben sexa nos procesos de ingreso ou en acordos sobre estabilidade de persoal interino, para quen se mantén nunha situación de temporalidade abusiva e así evitar que sexa o persoal temporal quen cargue coas consecuencias das políticas de recortes.
- Asegurar a maior marxe de adaptación para que en cada administración se negocie como se deben desenvolver os procesos selectivos de consolidación, sen pecharse a ningunha posibilidade de ingreso e co máximo respecto ás mesas de negociación sindical en cada sector ou administración.
- Eliminar a limitación de contratos dun máximo de 3 anos para o novo persoal interino pactado por CCOO, UGT e CSIF, e que novas propostas lexislativas como o anteproxecto da Lei Orgánica de Universidades (LOSU) xa recolle: limitar que mesmo cando se substitúa a unha persoa con praza fixa non se poida estar máis de tres anos na praza con independencia do tempo que dure a ausencia dun titular.
Contra unha suba salarial que implica perder poder adquisitivo
A CIG trasladou a proposta de que se presenten emendas aos orzamentos no sentido de superar a proposta de suba do 2% imposta polo goberno de coalición para todos os empregados e empregadas públicas do estado cando o IPC interanual estaba hai un mes no 4%, supera xa o 5% e hai unha previsión de que siga aumentando.
Para a CIG é imprescindíbel que se garanta unha recuperación real e efectiva do que levamos perdido desde o ano 2010 e que provoca que a día de hoxe, despois das reducidas subas retributivas pactadas polo sindicalismo estatal nos últimos anos, esteamos a perder máis dun 10% do noso poder adquisitivo. Esta perda da capacidade económica do persoal público irá en aumento con subas como a que se presenta este ano nos OXE.
De aí que a CIG propoña que a suba sexa do 5% anual no período 2022-2024, estabelecendo unha cláusula de garantía salarial para este período (asegurando ao final de cada ano que se subirá o equivalente ao IPC se este estivo por riba da suba) e regular a recuperación das retribucións básicas íntegras na contía das pagas extraordinarias de todos os grupos, que foron recortadas xa no ano 2010 polo goberno de Zapatero e que aínda non se recuperaron. Xunto a isto reclaman a recuperación da xubilación parcial anticipada.