A Área Pública da CIG reclama a recuperación do poder adquisitivo e a reposición completa da paga extra dos empregados/as públicos/as
A central sindical oporase ás políticas continuistas de destrución de servizos públicos anunciadas por Feijoo e advirte que dará unha resposta contundente ás mesmas
A decisión de manter o recorte salarial aínda non foi comunicada á representación do persoal, pero Núñez Feijoo xa a da por feita ante a opinión pública. Do mesmo xeito, o Presidente da Xunta ten a valentía de adiantar que a nivel do estado o goberno manterá a conxelación dos salarios. Unha medida á que a central sindical tamén se oporá.
Neste senso, cando se convoque á representación social ás mesas de negociación para os Orzamentos Xerais do Estado e os Orzamentos da Xunta, dende a Área Pública da CIG reclamarase, novamente, a recuperación do poder adquisitivo do conxunto dos traballadores/as públicos cando menos dende o ano 2010.
E no caso concreto da Xunta de Galiza, exixirase a reposición das pagas extraordinarias ao 100% para 2014 e a reposición do 4% do salario perdido neste ano 2013. Cómpre lembrar que as empregadas e empregados públicos dependentes da administración estatal e doutras administracións (local, Correos, entes públicos, etc.) non foron vítimas este ano do recorte do 40% en cada unha das pagas extraordiordinarias, tal como aconteceu co persoal da administración autonómica.
Para Área Pública da CIG este recorte carece de calquera tipo de xustificación, xa que se entende que dende a administración central se distribuíron os fondos necesarios para cubrir o abonamento completo das pagas extraordinarias a todos os traballadores/as da administración galega.
Unha vez máis, Núñez Feijoo abandeira as políticas de austeridade do PP e vai un paso máis alá na rebaixa dos dereitos laborais, contradicindo as medidas recollidas no programa electoral do PPdeG ou as declaracións realizadas polo propio presidente da Xunta hai unhas semanas na televisión.
A Área Pública da CIG, á vista das políticas continuistas de recortes adiantadas nos medios, reitera a súa oposición á imposición das taxas de reposición do 0%, á conxelación de ofertas públicas, á non cobertura de prazas vacantes e á non regularización de prazas estruturais necesarias para a administración en todos os seus ámbitos (ensino, saúde, servizos sociais, etc.).
A central sindical reclama a recuperación de todos os dereitos adquiridos ao longo destes anos polos traballadores/as das administracións públicas, denunciando e avisando que o mantemento destas políticas neoliberais no ámbito público, suporán un afondamento na destrución, deterioro e eliminación dos servizos públicos nos momentos nos que, precisamente, deberían ser potenciados.
Sendo conscientes do deterioro e desaparición que xa padecemos en servizos esenciais como saúde, ensino, universidades, servizos sociais básicos, etc., a continuidade destas medidas concluirá o proceso acelerado de privatización e afondará máis na grave situación destes servizos públicos, que afectan non só as condicións laborais do persoal, senón, principalmente, á calidade e atención que reciben todos os cidadáns e cidadás.