
A Área Pública da CIG oponse aos novos recortes nas condicións laborais e salariais do persoal da administración galega
A CIG anuncia mobilizacións para exixir a súa retirada. Podes ler o Anteproxecto de Lei anexo a esta nova
A conselleira de Facenda anuncioulles, esta mañá, nunha reunión, aos secretarios nacionais das federacións da Área Pública (Administración, Saúde e Ensino) toda unha serie de medidas que implican recortar as condicións laborais e salariais de todo o persoal de todas as administracións públicas, entes, organismos, CRTVG, consorcios, universidade, Parlamento...
As federacións da Área Pública da CIG denuncian que a Xunta de Galiza pretende, de novo, que sexan as súas traballadoras e traballadores quen paguen os recortes que a administración vai realizar, segundo a conselleira de Facenda, para cumprir as exixencias de Bruxelas e do estado español.
Estamos ante medidas moi agresivas e lesivas para todo o persoal. Isto supón unha regresión canto a dereitos adquiridos, algúns deles consolidados desde os anos 60 e 70 do século pasado, como é o complemento das baixas por incapacidade, que penaliza as traballadoras e traballadores polo feito de estaren enfermos ou como pode ser a posibilidade de que se lles reduza un terzo a xornada e o salario aos interinos/as .
Novas medidas contra os empregados e as empregadas públicos/as
Entre outras, a Xunta de Galiza pretende:
- Rebaixar o salario para as baixas por incapacidade temporal (enfermidade común) e a cobertura do complemento por baixas laborais igualándoas ao que marca a lei da Seguridade Social. A este respecto indicaron que estarían dispostos a garantir a cobertura do 100% pero só a partir do día 21 de baixa laboral.
- Reducir voluntariamente un máximo dun terzo da xornada laboral para o persoal laboral e funcionario fixo, posibilitando a redución obrigatoria para interinos e contratados.
- Retirar o fondo de acción social, agás as axudas por incapacidade.
- Regular a xornada para que nunca sexa inferior a 37,5 horas;
- Aplicar a xubilación forzosa aos 65 anos e valorar con revisión anual as solicitudes que se presenten para prolongar a vida laboral;
- Reducir tres días de asuntos propios dos nove actuais.
Para este suposto, habilitaranse fórmulas a través do Consello da Xunta.
Queda suspendido, temporalmente, o plus dos altos cargos e non a supresión, tal e como defendeu a CIG mediante a Iniciativa Lexislativa Popular defendida no Parlamento.
Estas agresións contra os nosos dereitos véñense a sumar aos numerosos recortes nos servizos públicos e á redución dos noso salarios.