A área pública da CIG mobilízase pola retirada dunha reforma do EBEP que non dá solución ao persoal interino e temporal
A central reclama transparencia nas negociacións e que se eliminen as taxas de reposición
A área pública da CIG realizou concentracións este xoves diante da Delegación do Goberno na Coruña e nas Subdelegacións de Pontevedra, Lugo e Ourense en demanda da retirada da reforma que o Ministerio de Función Pública pretende introducir no Estatuto Básico do Empregado Público. Esta reforma do EBEP, sen procesos de consolidación e sen claros mecanismos de sanción, non soluciona o problema nin busca saída para o persoal interino ou temporal que durante anos foi vítima da temporalidade abusiva.
"O Ministerio pretende resolver o problema da temporalidade no emprego público poñendo na rúa a todo o persoal temporal e interino. E isto non o imos permitir", subliñaba Xabier Picón, voceiro da área pública da CIG, advertindo ademais, que a proposta do equipo de Miquel Iceta, non só non atende á xurisprudencia emanada do Tribunal de Xustiza da Unión Europea senón que mesmo dá as costas, entre outras, a resolucións xudiciais da Sala do Social do TSXG.
Eliminar a taxa de reposición é fundamental
Para a CIG, non se pode abordar unha reforma do EBEP sen eliminar primeiro as taxas de reposición de efectivos, que impiden ás distintas administracións públicas poder dimensionar os seus cadros de persoal e decidir sobre a xestión dos servizos que presta, en función das súas propias capacidades orzamentarias.
"Estas limitacións están impostas por unha norma básica estatal que o goberno ten que retirar, e a partir de aí buscar unha solución ao problema de temporalidade, que foi fomentado precisamente por esas taxas de reposición que se manteñen dende hai máis de dez anos", sinalou.
Neste senso, a CIG considera que debe articularse unha solución excepcional ao problema da temporalidade acumulada, apostando por uns verdadeiros procesos de consolidación de emprego, e na necesidade de respectar os ámbitos de negociación, tanto a nivel territorial como nos diferentes sectores que o propio EBEP recoñece a súa especificidade (educación, sanidade).
De igual xeito, para a central nacionalista resulta fundamental fixar un marco sancionador moi estrito e contundente con aquelas administracións que incumpran a norma, identificando ás persoas responsábeis dos órganos que non cumpran. Mais tamén deben existir medidas reparadoras co persoal temporal que foi ou é vítima do abuso na contratación temporal.
Escurantismo nas negociacións
Xunto a isto, Picón criticou a falta de transparencia na negociación, pois malia o Ministerio asegurar que o 4 de xuño estarían pechadas as negociacións, "dende o momento no que a CIG fixo pública a proposta de reforma do EBEP, as reunións foron suspendidas".
Por iso, o voceiro da área pública da CIG "esixiu que a negociación sexa totalmente transparente e que todas as centrais sindicais con representación na Mesa Xeral teñamos un coñecemento exacto do que se está a falar".
Mobilización na Xunta de Galiza
A área pública da CIG continuará co calendario de mobilizacións o vindeiro luns, 28 de xuño, cunha concentración diante do edificio da Xunta en San Caetano, xa que a elevada temporalidade, maioritariamente froito do abuso na contratación e claros exemplos de fraude, se dá en todas as administracións, "que están sacando ofertas de emprego público sen darlle solución ao persoal afectado".