A Área Pública da CIG mobilízase contra o "pacto de perdas" acordado entre o Goberno español, CCOO e UGT

Pacto de perdas que o Goberno español e os sindicatos CCOO e UGT veñen de acordar e que suporá que o persoal empregado público perda arredor dun 10% do seu poder adquisitivo nos próximos tres anos

Delegados e delegadas da Área Pública da CIG (Administración Pública, Ensino e Saúde) concentráronse na mañá deste xoves na Delegación do Goberno na Coruña en rexeitamento ao Pacto de perdas que o Goberno español e os sindicatos CCOO e UGT veñen de acordar e que suporá que o persoal empregado público perda arredor dun 10% do seu poder adquisitivo nos próximos tres anos.

"Non é xa que non se recupere a capacidade adquisitiva que levamos perdida dende o ano 2010, que se calcula no entorno dun 20%, senón que se pacta que sigamos perdendo salarios en 2022, 2023 e 2024", denunciou o voceiro da Área Pública da CIG e secretario nacional da CIG-Administración, Luis Carballo.

Subliña que o incremento acordado para este 2022 é dun 3,5% (o 2% xa aplicado en xaneiro e o 1,5% que se aplicará en decembro nunha paga única), cando o IPC de setembro acadou case o 9%. Para o ano próximo, o incremento sería do 2,5%, ao que se lle podería sumar un 0,5% máis en outubro, en función de se o IPC harmonizado 2022-23 suma máis do 6% e outro 0,5%  se o PIB nominal do 23 supera a previsión do Goberno. E para 2024 a suba salarial sería do 2% coa posibilidade de sumar o 0,5% se o IPC 22-24 harmonizado supera o incremento salarial previsto.

Nun contexto de medre da carestía da vida imparábel, advertiu Carballo, "o Goberno contempla para o seu persoal unha suba prevista en tres anos que nin sequera permite recuperar o poder adquisitivo perdido en 2022".

Suba do 5% e cláusulas de revisión

Na Mesa Xeral de Negociación, que na práctica non existiu porque o Goberno español e os sindicatos estatais chegaron a ese entendemento nunhas reunións feitas á marxe do órgano de representación, a CIG propuxo unha suba dun 5% durante tres anos e a incorporación de cláusulas de revisión salarial, de tal maneira que, se ao remate do ano o IPC quedaba por enriba do acordado, se recuperara a diferenza nunha paga única. Isto permitiría mitigar en parte os salarios perdidos e impediría seguir afondando nesa caída da capacidade adquisitiva.

A este respecto, Suso Bermello, secretario nacional da CIG-Ensino, cualificou o acordo de "insulto á intelixencia das miles de persoas que traballamos en sectores esenciais para a sociedade". Considera que nun momento de crise como o actual "é unha necesidade que os Gobernos atendan as miles e miles de persoas que traballan nos sectores públicos", xa que, ademais, o que se decide no ámbito da administración marca camiño para o sector privado.

"Con este acordo o único que está garantido é que imos perder poder adquisitivo", engadiu. Por iso, criticou o aval dado por CCOO e UGT a este "pacto de perdas", cando ademais estas centrais sindicais están inmersas nunha campaña na que ameazan con ir ao conflito se non hai incrementos salariais acordes á carestía. "Pois nin conflito nin salarios. Na CIG non imos calar nin imos consentir que o Goberno e estes sindicatos nos impoñan uns criterios totalmente regresivos e que nos fan seguir perdendo poder adquisitivo".

Mantemento da taxa de reposición

Xunto á cuestión salarial, Luis Carballo tamén chamou a atención sobre outros aspectos deste pacto, como a consolidación do emprego temporal nas administracións ao non eliminarse a taxa de reposición. Unha taxa que, lembrou o secretario nacional da CIG-Saúde, Manolo Moreira, a CIG leva anos demandando que se suprima para permitir que sexa cada administración, con plena autonomía e en funcións das súas necesidades e orzamentos, quen determine o seus cadros de persoal.

"Consolidar a taxa de reposición como mecanismo de xestión dos recursos humanos na función pública, o único que fai é dificultar aínda máis que haxa persoal suficiente para prestar os servizos con calidade, precariza as condicións de traballo e favorece a creación de chiringuitos fóra do ámbito do público", alertou.

Moreira denunciou que ademais se está tentando vender outro tipo de medidas, como  a xubilación anticipada, "cando non se están a adoptar os mecanismos necesarios para levalo á práctica nin se dá o soporte orzamentario para que sexa unha realidade".

Volver