A Área Pública da CIG manifesta o desacordo coa decisión do TC e continuará na loita pola defensa dos dereitos dos traballadores/as

Diante do aval do Tribunal Constitucional ao recorte salarial aplicado ás empregadas e empregados das administracións

A Área Pública da CIG vén de anunciar que continuará adiante co defensa dos dereitos das empregadas e empregados públicos e na loita contra os recortes que nos últimos tempos vén padecendo este colectivo. A afirmación chega logo de coñecerse o auto do Tribunal Constitucional polo que non admite a trámite a cuestión de inconstitucionalidade promovida pola Sala do Social da Audiencia Nacional en relación coa aplicación da rebaixa salarial aos traballadores da Fábrica Nacional de Moeda e Timbre e Real Casa da Moeda (FMNT-RCM).

Dende a Área Pública da CIG (Administración, Ensino e Saúde) manifestan o total desacordo coa decisión do Tribunal Constitucional, así como a preocupación pola situación de indefensión na que deixa ás empregadas e empregados públicos, ao fechar a porta á defensa dos dereitos por esta vía de reclamación, avalando a modificación substancial e de xeito unilateral dos dereitos colectivos negociados e baleirando o contido e as garantías propias da negociación colectiva.

A decisión do Tribunal Constitucional podería afectar o persoal da Administración Xeral do Estado, Comunidades Autónomas, Corporacións Locais así como organismos, entidades, fundacións, etc. de carácter público. Porén, a central sindical lembra que existen sentenzas xudiciais en sentido contrario, en relación co recorte salarial en sociedades mercantís do sector público. Así, a Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza anulou as reducións de salario aplicadas por empresas públicas como Sodeco, Seaga ou Turgalicia, ao entender que nestes casos o recorte non pode ser imposto unilateralmente pola empresa e está condicionado a que exista acordo coa representación sindical.

A este respecto, as Federacións da Área Pública da CIG queren matizar que con esta decisión o Tribunal Constitucional tenta eludir a cuestión promovida pola Audiencia, avalando o recorte salarial decretado unilateralmente polo goberno (recorte que afecta a uns 200.000 empregados/as públicos/as en Galiza), mediante unha decisión de carácter máis político e economicista que na procura de fundamentos xurídicos concluíntes.

Non obstante, dende a Área Pública da CIG lembran que o auto só se refire á rebaixa salarial aplicada ao colectivo de traballadores e traballadoras da Fábrica de Moeda e Timbre, polo que todos os procedementos e recursos iniciados ante outras instancias xudiciais continuarán o seu curso. Así mesmo, a CIG apunta que levará adiante todas as iniciativas que sexan precisas e recorrerá aos órganos necesarios para conseguir a anulación dos recortes xa aplicados e dos posíbeis novos ataques aos dereitos da clase traballadora. 

Volver