
A Área Pública da CIG manifesta ao novo conselleiro de Facenda que seguirá enfronte das súas políticas
Cualifica de “inaceptábel” e “inadmisíbel” a pretensión da Xunta de considerar saldada a débeda co persoal unha vez se pague o 100% da extra de 2012
Na xuntanza participaron os secretarios nacionais da CIG-Ensino, Anxo Louzao; a secretaria nacional da CIG-Saúde, María Xosé Abuín e María Carme López Santamariña, secretaria nacional da CIG-Administración e portavoz da Área Pública.
López Santamariña sinala que, segundo explicou o conselleiro, a pretensión do goberno galego é aprobar a devolución da paga completa de 2012 cando se aprobe a Lei de Emprego Público, pola vía de incluír unha disposición adicional pola que se crea un fondo con este fin.
A devolución desa paga extra sería o 25% en 2015 (o 12,5% foi en xaneiro e o 12,5% restante cando se aprobe esta Lei); o 50% en 2016 e o 25% restante en 2017. “Dese xeito, segundo nos dixo o conselleiro, a Xunta entende que xa queda saldada toda a débeda que ten coas empregadas e empregados públicos galegos”.
Ante isto a CIG-Área Pública non só amosou o seu asombro diante desta pretensión senón que a cualificou de “fraude” xa que a devolución da paga extra do 2012 é unha débeda contraída cos empregados/as públicos/as que nada ten que ver coa redución que están tendo nos salarios e a supresión dos complementos específicos nas pagas extra de 2013, 2014 e 2015, que tamén se adebedan.
Mantéñense as taxas de reposición e a política de amortizacións
Xunto ás retribucións a Área Pública da CIG tamén puxo sobre a mesa aspectos relativos ás taxas de reposición e ás amortizacións, que tan graves consecuencias están a ter para os servizos públicos no seu conxunto e exixiu que, como mínimo, nas ofertas públicas de emprego saian todas as vacantes existentes.
Sobre esta cuestión, denunciou ademais que “o novo conselleiro limitouse a responder que a Xunta de Galiza ten que cinguirse ao que manda Madrid”.
Martínez tampouco manifestou a súa dispoñibilidade para revisar a Lei de Medidas Temporais 1/2012, entre as cales está, por exemplo, a redución salarial por baixas por enfermidade.
Diante disto, a Área Pública da CIG conclúe que a chegada dun novo conselleiro non supón cambio algún nas políticas que o Partido Popular vén desenvolvendo desde o goberno da Xunta. Políticas que están a provocar un grave deterioro dos servizos públicos e coas que pretende favorecer a súa privatización alén de supor un ataque aos dereitos laborais e salariais das empregadas e empregados públicos.
Respecto da futura Lei de Emprego Público, á que a CIG se opuxo en reiteradas ocasións, exixiu ao conselleiro que nesta tense que contemplar, entre outras cuestións, a recuperación da obriga de realizar, como mínimo, unha das probas de acceso á función pública en galego, alén de amosarse total competencia no uso do noso idioma.