A Área Pública da CIG denuncia o continuísmo do Goberno español nas políticas de destrución de emprego

A central nacionalista solicitou a reposición de todos os dereitos suprimidos polo Goberno central na súa intervención na Mesa Xeral en Madrid

As federacións que conforman a Área Pública da CIG -Ensino, Saúde e Administración- participaron este 26 de setembro en Madrid na Mesa Xeral de Negociación das Administracións Públicas, onde evidenciaron o “continuísmo do Goberno español” nas políticas de destrución de emprego público e recortes sociais e salariais, que levan significado unha perda de poder adquisitivo do 20% desde o ano 2010.

A convocatoria, na que participou en representación da CIG a sindicalista María Xosé Santos, tivo lugar no momento en que se negocian os orzamentos xerais do Estado para o 2014 e discorreu "sen grandes novidades a respecto do previsto". De feito, a única mudanza comunicada polo Goberno é que a partir de agora se tolerarán taxas de reposición dun 100% nos corpos de policía local asignados aos concellos. 

Na súa intervención, Santos criticou duramente o papel meramente instrumental deste tipo de convocatorias, comunicadas con premura e “carentes da documentación necesaria para debater a orde do día”. A seguir, centrou as críticas no descenso de salarios, supresión de dereitos adquiridos, diminución do emprego público e destrución de servizos sociais, un conxunto de medidas que supón “o empobrecemento da sociedade”. Fronte isto, reivindicou o fomento do emprego e a recuperación de dereitos e poder adquisitivo dos e das traballadores/as públicos.

Desde a Área Pública da CIG lembran, ademais, que no tocante a Galiza o goberno Feijóo “non convocou as mesas de negociación e continúa a recortar salarios” mentres a administración xeral, pola súa parte, asegura que respectará o 100% das pagas extra a nivel estatal.

A continuación reproducimos a intervención da CIG na Mesa Xeral:

A Área Pública da Confederación Intersindical Galega (CIG) está en contra de todas as políticas continuístas que mantén o Goberno central no sector dos servizos públicos que o único que provocan é unha desaparición dos mesmos, agravando máis aínda a profunda crise económica na que nos atopamos inmersos, precarización das condicións laborais dos seus traballadores/as consecuentemente provocando máis paro no sector público e desaparición de servizos públicos.

A CIG-Área Pública oponse a todas as medidas presentadas:

En primeiro lugar a CIG oponse a este tipo de convocatorias tan prematuras, que está a ser habitual ano tras ano, e como sempre, sen presentar ningún tipo de documentación necesaria para poder debater os puntos incluídos na orde do día.

A CIG estará sempre en contra de todas as medidas que supoñan perda de poder adquisitivo e de dereitos para o persoal que presta servizos nas administracións públicas, así como todo o que signifique precarizar e facer desaparecer servizos públicos. Solicitamos a reposición de todos os nosos dereitos que foron suprimidos polos distintos decretos lei que foron aparecendo ano tras ano e que se nos foron aplicando (Reposición dos nosos salarios, reposicións dos dias de asuntos propios, reposición recortes salariais por baixas de enfermidade, reposición dos fondos de acción social, etc).

A respecto da conxelación salarial: a CIG considera que a chamada "conxelación salarial" é, en realidade un recorte e unha perda de capacidade adquisitiva, xa que desde o ano 2009 os empregados públicos vimos sufrindo perda de poder adquisitivo sen posibilidade de actualización. A isto hai que engadir que nestes momentos só desde o ano 2010, temos unha perda acumulada de poder adquisitivo que supera o 20%, sendo superior en Galiza e para o persoal que depende directamente da Comunidade Autónoma de Galiza.

A isto hai que engadir os descontos por baixas médicas dos empregados públicos xa que isto tamén supón perda de poder adquisitivo. Medidas como estas non son entendidas desde este sindicato, que o único que provocan é deterioro na calidade dos servizos ao ter que estar atendidos por persoal que non está en condicións de traballar sumándose ao efecto negativo xerado pola falta de substitución no caso de coller baixa. Aumentando o descontento de todo o persoal ademais de expor ao persoal que está san a ser contaxiado polos enfermos que veñen traballar, para evitar estes descontos inxustos e que para moitos dos traballadores son inasumíbeis, xa que sumados aos que xa hai supón en moitos casos baixadas importantes nas nóminas. Desde este sindicato solicitamos tamén a retirada desta medida.

A CIG solicita e demanda a recuperación do poder adquisitivo, polo menos desde o ano 2010 dos/as traballadores/as das administracións públicas.

Con respecto á taxa de reposición: solicitamos a desaparición desta taxa en todos os ámbitos da administración porque entendemos que o obxectivo desta medida é a desaparición e deterioro de todos os servizos públicos dando lugar á entrada a pasos xigantescos das privatizacións, que traen consigo maiores custos á administración e peores servizos ao cidadán.

Non se pode entender que cunha taxa de paro que a nivel estatal rolda os 6 millóns de parados no caso de Galicia 300.000, o Goberno siga mantendo esta medida, xa que as administracións publicas deberían ser as grandes impulsores de creación de emprego. Con esta medida o que se está conseguindo é o efecto contrario xa que a falta de emprego público e a perda de capacidade económica o que provoca é empobrecemento, desconfianza na poboación.

Lembrar que a CIG xa denunciou, no seu momento, as graves consecuencias que isto tería e que xa está a ter para os servizos públicos e para o seu mantemento. Advertímolo daquela, e mantémolo, que de seguir así o que se provocará será un colapso da administración e dos servizos públicos, que serán incapaces de atender as demandas dos usuarios por falta de persoal.

Con respecto á non cobertura de vacantes ou baixas laborais solicitamos tamén a anulación no mesmo sentido que o exposto anteriormente.

Tamén solicitamos a retirada da ampliación da xornada laboral, a CIG solicita que a xornada laboral se estableza para todos os ámbitos das administracións públicas en 35 horas.

Para a CIG, detrás destas medidas escóndese a decisión do PP de ir "adelgazando a administración", que non é outra cousa que provocar o peche de certos servizos públicos porque non será posíbel atendelos e favorecer as privatizacións dos que sexan máis rendíbeis.

Volver