
A Área Pública da CIG demanda novamente a retirada da Lei de Emprego Público aprobada no Parlamento
Denuncia que afondará na precarización das condicións laborais e na privatización dos servizos públicos
Mentres no interior do pleno se desenvolvía o debate, ás portas do Pazo do Hórreo os delegados e delegadas convocados pola CIG denunciaban que “o público é servizos, o privado é beneficio”.
Neste sentido, Carme López Santamariña. Portavoz da Área Pública alertaba precisamente de que esta lei está moi lonxe de ser unha Lei de Emprego Público, como se denomina, porque “nin fala de recuperación de servizos públicos, nin fala de recuperación de emprego público”.
Lonxe disto, denunciou que “ vai afondar nas privatizacións na administración e na desaparición de moitas das regulacións que temos as traballadoras e traballadores e tampocuo recupera, de ningunha maneira, a parte económica que temos recortada nestes anos nin a parte salarial e social”.
A Área Pública da CIG denuncia ademais que con esta lei consolídanse as taxas de reposición, e polo tanto seguirán a amortizarse as prazas das traballadoras e traballadores que se xubilen ou abandoden a administración por algún motivo. “As ofertas de emprego son cero, co cal o pouco que hai neste momento de administración pública vai ir a menos e parte dese traballo vai ir directamente ás empresas privadas que son quen o van facer”.
Por iso as e os concentrados solicitaron, unha vez máis, a retirada da Lei e que, de verdade se faga unha lei de emprego público galego onde se poida encetar unha negociación profunda para que efectivamente se aborden os graves problemas que teñen os servizos públicos e o seu persoal.