A aplicación do Decreto 374/2009 nos comedores escolares de xestión directa é un cúmulo de despropósitos

Comedores escolares

A CIG-Ensino quere denunciar publicamente a continuidade da política de improvisación e desfeita do ensino público da Consellaría de Educación coa aplicación do Decreto 374/2009, do 6 de agosto (DOG 14.VIII.09), polo que se aproban os prezos públicos da utilización dos comedores escolares nos centros docentes públicos non universitarios.
 A aplicación do Decreto 374/2009 nos comedores escolares de xestión directa é un cúmulo de despropósitos 

A CIG-Ensino quere denunciar publicamente a continuidade da política de improvisación e desfeita do ensino público da Consellaría de Educación coa aplicación do Decreto 374/2009, do 6 de agosto (DOG 14.VIII.09), polo que se aproban os prezos públicos da utilización dos comedores escolares nos centros docentes públicos non universitarios.

Este decreto afecta aos comedores escolares de xestión directa por parte da Consellaría. No curso 2008-2009, estes prezos estaban regulados pola Instrución do 19 de xuño de 2008, que estabelecía, para aqueles usuarios que non tiñan dereito á gratuidade do servizo, o modo de pagamento do mesmo.

De forma xeral, o usuario efectuaba o ingreso do importe correspondente na conta corrente específica do comedor escolar (conta fiscalizada pola Consellaría), unha vez rematado o mes, polos días que tiña realmente utilizado o servizo. Este sistema viña funcionando con absoluta normalidade e era totalmente aceptado pola comunidade educativa.

Pero todo muda co Decreto 374/2009. Logo da súa entrada en vigor, a Consellaría envía aos centros, o 11 de setembro de 2009, unhas “instruccións sinxelas para solventar dúbidas e preguntas que vos poidan formular os pais” acompañadas de “soporte documental”.

Tan “sinxelas” resultan estas instrucións que, o 28 de setembro, o propio Secretario Xeral envía un correo electrónico aos centros no que vén a dicir que se lamenta da sobrecarga de traballo, perda de tempo para o profesorado e situacións de frustración nos pais ou titores dos alumnos/as comensais.

Que puido acontecer para esta mudanza?

En primeiro lugar, aqueles usuarios do comedor escolar que pagan polo servizo ven incrementado o custo do mesmo:

  • De 2,60 €/día a 3,00 €/día se non teñen redución no prezo

  • De 1,30 €/día a 1,50€/día, no caso de teren unha subvención do 50%

E dicir, cando a inflación baixa e a Administración galega só fala de austeridade, a Consellaría sobe os prezos dun servizo público, nun 15,38 %!

Pero o “mellor” estaba por chegar: Estes usuarios deberán pagar o servizo por adiantado, nos cinco últimos días do mes anterior. É dicir, os pais deben “adiviñar” cantos días do mes seguinte utilizarán o comedor escolar os seus fillos. Cando os equipos directivos consultan esta desfeita, as respostas son dispares, segundo en que estamento da Consellaría fagan a pregunta, pero o esperpento continúa, ao final dinlles que estes usuarios deberán pagar por todo o mes escolar, sen que en ningures se estabeleza un mecanismo para a devolución dos cartos por servizos non prestados.

E non conformes con isto, aqueles pais e nais que, ante o perigo de que os fillos queden sen praza no comedor, acoden ás entidades bancarias indicadas nas instrucións dadas nos centros, comproban que a maioría non aceptan o pagamento, pois, como a mesma Consellaría recoñece no correo enviado aos centros o 28 de setembro: “ Á vista das disfuncións que se vén producindo, a Consellaría de Facenda, por motivos de índole técnica, non asegura de momento a aceptación sen reservas polas entidades financieiras colaboradoras dos pagamentos dos prezos públicos derivados do servizo de comedor escolar nin tampouco a fiabilidade dos enlaces web para o seu pago telemático

Todo isto queda en suspendo, polo de agora, na espera de que as consellarías de Educación e Facenda se aclaren. Mentres, os equipos directivos e as familias non saben que facer. Hai usuarios que xa pagaron todo o mes, outros non e nin saben cando nin como facelo.

A CIG-Ensino exixe da Consellaría a solución a esta problemática que pasa por manter os prezos do curso anterior, pagar unicamente polos días que se utilice o servizo de comedor, retirar a obrigatoriedade do pagamento por adiantado e liberar o profesorado de todo o traballo administrativo que leva consigo o servizo de comedor.

Volver