A Alianza Social Galega di non á lei mordaza

As manifestacións percorreron as rúas de cidades e vilas de Galiza contra a represión da mobilización social que se pretende con esta reforma

Con manifestacións en todas as cidades de Galiza e concentracións en varias localidades, a Alianza Social Galega expresou o seu rotundo rexeitamento ás reformas que o Partido Popular pretende introducir na Lei de Seguridade Cidadá. Reformas coas que a ASOGA denunciou a pretensión do goberno de impor un Estado policial e de criminalizar a protesta social. Medidas que nos “retrotraen ao franquismo” e que teñen como obxectivo limitar a capacidade de resposta da sociedade contra as políticas de recorte de dereitos laborais, sociais e civís do Partido Popular.

Galería de imaxes

Así o denunciou o secretario xeral da CIG, Suso Seixo, para quen este tipo de leis “non obedecen a cuestións unicamente técnicas”, senón “de tipo ideolóxico”.

Seixo, que participou na manifestación convocada en Compostela, advertiu que a quen se quere favorecer coa reforma desta lei é, máis unha vez, ao poder económico. Nese sentido explicou que “todo o que estivo facendo o PP coas últimas reformas estruturais, desde a precarización das condicións laborais até a reforma das pensións ou os recortes de dereitos, beneficiaron ao capital financeiro, os grandes grupos económicos” e que, polo tanto, “todo o que supoña coartar a capacidade de resposta social a ese tipo de contrarreformas beneficia tamén aos mesmos intereses de clase”.

Asegurou que o seu obxectivo é “reprimir e limitar” a mobilización social eliminando garantías que ten a vía penal, como a presunción de inocencia, o que ao seu entender xera unha “total indefensión”. Por contra, “dáselle presunción de veracidade aos informes policiais”, denunciou, “cando hoxe xa temos casos  de informes policiais, ou da garda civil, feitos con compañeiros nosos nos que se minte. Acúsaselles de feitos cando eles nin sequera estaban alí ou, aínda estando alí, non participaron de forma directa para nada”.

Para Seixo darlle esa presunción de veracidade vai levar a que a policía actúe con maior impunidade fronte á contestación social e pon en mans do goberno un mecanismo de sancións abusivas que poden chegar no caso das máis graves de 30.000 a 600.000 euros; nas graves de 1.000 a 30.000 euros e nas leves de 100 a 1.000 euros. “Poden, por esta vía, infrinxirte un castigo durísimo, tanto do punto de vista individual, como do punto de vista dunha organización social e sindical como é a CIG”.

Alertou ademais de que inicialmente haberá que depositar a cantidade correspondente á sanción administrativa imposta, aínda que logo haxa a posibilidade de recorrer pola vía do contencioso. “É un custo a maiores enorme e poderás gañala ou non, pero polo de pronto terás que pagar”.

O secretario xeral da CIG entende que isto obrigará ás organizacións sociais a coñecer moi polo miúdo a lei para evitalas, pero sobre todo limitará o desenvolvemento de certas accións como concentrarse para impedir un desafiuzamento, que sería unha falta grave que podería estar castigada até con 30.000€, ou ocupar unha entidade bancaria ou unha institución, que podería estar castigado con 1.000 €.

Limítase tamén a posibilidade de articular unha resposta inmediata e ás veces mesmo espontánea a determinadas decisións políticas porque segundo a lei de seguridade cidadá considérase unha perturbación mobilizarse diante de institucións do Estado, o Parlamento de Galiza ou mesmo os tribunais se non está comunicada con 10 días de antelación.

Dereito de información

Seixo considerou especialmente grave a vulneración dos dereitos fundamental a informar, a recibir información veraz e o propio dereito de expresión.  “ Con esta reforma volvemos a tempos pasados nos que a represión e a censura eran a forma de coartar as liberdades públicas”.

Denunciou a prohibición de difundir imaxes nas que saia a policía e as consecuencias que isto pode ter. “Estamos afeitos, nos últimos anos, a ver actuacións policiais totalmente desproporcionadas e a que sexa practicamente imposíbel de conseguir que se adopten medidas contra eles, porque moitas veces van sen identificar. Se hai unha reprodución da súa actuación a través de imaxes e de medios gráficos, por moito que intenten ocultalo pódense desmontar a súas coartadas. O que queren evitar con isto é que a xente poida ter aceso a esas imaxes e que se vexa a represión que exercen”.

Reforma do Código Penal

A reforma da lei de Seguridade Cidadá vén acompañada doutras que se introducen no Código Penal. Reformas que o secretario xeral da CIG considera que son mesmo insuficientes para o PP. “Dá a impresión de que non se fían nin dos tribunais de xustiza e que queren ter nas mans os instrumentos para actuar eles de forma directa sobre os movementos sociais sen agardar que iso poida ir pola vía penal”.

A este respecto sinalou que xa no Código Penal hai aspectos moi cuestionábeis, como o artigo 315, que se utiliza para impor unhas penas durisimas a membros de piquetes informativos durante as folgas. “É un artigo anterior á propia constitución pero ao PP non lle chega sequera a normativa franquista para actuar con absoluta discrecionalidade”.

MANIFESTO ALIANZA SOCIAL GALEGA:

A REFORMA DA LEI DE SEGURIDADE CIDADÁ E DO CÓDIGO PENAL IMPLANTA UN ESTADO POLICIAL

A nova lei de seguridade cidadá e a reforma do Código penal evidencian o seu obsesivo centralismo, os nulos principios democráticos polos que se rexe o PP e a que clase de intereses serve. Mentres actúa con esta dureza contra os movementos sociais, a clase traballadora e a realidade plurinacional do estado, mantén unha actitude de moita permisividade respecto aos delitos económicos que cometen os seus amigos e o capital financeiro.

Estas reformas normativas teñen como obxectivo reprimir a contestación social.

O PP está provocando, coas reformas laborais e sociais e coas súas políticas económicas, un recorte de dereitos e unha crecente precariedade das condicións de traballo e da calidade de vida das persoas. Ante a contestación social que xeran tales políticas, promove estas reformas para impedir protestas que as poñan en cuestión.

O exercicio democrático e constitucional do dereito á folga e a outros medios de protesta e reivindicación estano poñendo en cuestión as autoridades públicas mediante:

  • Diferentes causas e actuacións penais contra das persoas traballadoras e dos grupos de reivindicación social por supostas actividades delituosas durante o desenvolvemento de manifestacións, concentracións ou calquera outra forma pacífica de contestación, ou mesmo de defensa dos dereitos que nos están arrebatando.
  • Un inusitado protagonismo do ministerio fiscal.

Por estas vías pretenden deslexitimar a resposta da cidadanía fronte ás reformas e actuacións inxustas propostas polo poder político deste Goberno.

Coa reforma do Código penal tipifícanse como delito unha serie de accións sociais que até o de agora non tiñan esa consideración.

  • desorde pública
  • atentado
  • desobediencia
  • resistencia á autoridade, etc.,

o que supón un ataque frontal a dereitos sobre os que asenta a participación democrática: liberdade de reunión, manifestación e de folga.

O PP reforma a lei de seguridade cidadá

  • para actuar de forma inmediata e contundente contra a conflitividade social que eles crean; evitan así depender de xuíces e maxistrados que non estean dispostos a colaborar na súa política represiva e de recorte das liberdades públicas;
  • para substituír a infracción penal pola infracción administrativa, á marxe das garantías xurisdicionais, para desalentar a mobilización social, actuando con total discrecionalidade e arbitrariedade;
  • para aumentar as infraccións (pásase de 30 a 57 e créanse até 36 novos tipos) e as contías das sancións, que se fixarán sen considerar o patrimonio das persoas afectadas (1.000 euros as leves, 30.000 as graves e 600.000 as moi graves);
  • para despenalizar as faltas co fin de evitar o control da xustiza penal, facendo as sancións inmediatamente executivas; elimínanse así as garantías da presunción de inocencia (pagamento de taxas, presunción de veracidade da actuación da policía, etc.).

A tutela xudicial só opera unha vez imposta a sanción e grava a cidadanía coa carga de promover un proceso sometido a custos adicionais á propia sanción; custos incrementados tamén de forma arbitraria coa reforma da lei de taxas xudiciais.

Preténdese a persecución de todo tipo de mobilizacións e mesmo o exercicio de dereitos fundamentais:

  • Castiga as «ofensas» ás institucións, himno e símbolos do Estado español; reprime as manifestacións públicas a través de panfletos ou bandeiras que supostamente inciten á alteración da orde pública. Impídese o dereito á folga e as concentracións diante de calquera espazo común, público ou privado (mesmo fóra das horas de apertura), contra a vontade do seu propietario, arrendatario ou titular.
  • Sanciona duramente os peches, escraches, concentracións contra un desafiuzamento, cortes de tráfico, despregamento de faixas, manifestacións diante das sedes parlamentarias, manifestacións de empregados/as públicas con roupa de servizo, colgar carteis, facer pintadas, acampadas de protesta, recollida de sinaturas ou colocación de mesas nas rúas.
  • Promove os controis, rexistros, identificacións, cacheos e detencións pola vía da inmobilización «polo tempo estritamente necesario», para actuar ante accións que poidan provocar alarma social.
  • Prohibe a participación en protestas con carapucha, casco ou obxecto que cubra o rostro. Castiga como desobediencia e resistencia á autoridade a negativa a identificarse.
  • Implanta unha censura previa de aplicación discrecional contraria á Constitución, ao limitar a captación e difusión de sons, imaxes ou datos de membros das forzas de seguridade do Estado nas súas intervencións públicas, o que socava o dereito da cidadanía a recibir unha información veraz e plural, imposibilita e amedrenta o traballo xornalístico —un dos garantes dese dereito—, promove a impunidade no abuso policial contra os dereitos civís ao impedir a existencia de posíbeis probas gráficas de intervención desproporcionada das forzas de seguridade.

Con esta reforma represiva, o Goberno pretende

  • converter o conflito social nun continuo conflito de orde pública; camiñamos cara a un estado de carácter policial, onde
  • obrigar á colaboración cidadá coa policía baixo imposición de sancións, ao tempo que se amplía a impunidade na actuación policial, que non terá o deber de identificarse nin de exhibir identificación ningunha e terá plenas facultades para o uso inxustificado e desproporcionado da violencia;
  • ampliar as competencias da policía para desaloxos, disolución, mesmo preventiva, de reunións e manifestacións así como as gravacións indiscriminadas de persoas e lugares.

E mentres se aplican estas reformas represivas,

  • desmantélase o sistema público da Administración de xustiza realizando outras reformas que limitan e impiden o acceso aos xulgados, ben establecendo cantidades económicas para acudir á Administración de xustiza, privatizando servizos que antes eran públicos e gratuítos
  • traspásanse aos notarios, rexistradores e profesionais privados, servizos que eran públicos, gratuítos e de fácil acceso; e modifican a actual estrutura xudicial, suprimindo partidos xudiciais en localidades, desprazando xulgados a capitais de provincia.

Todo isto deteriora extremadamente o servizo público da xustiza encarecendo os custos e eliminando a proximidade e a facilidade para o acceso á xustiza.

Por todo o dito, as organizacións e entidades que conformamos a ALIANZA SOCIAL GALEGA denunciamos estas novas reformas do PP, claramente dirixidas a impedir o exercicio de dereitos fundamentais, e chamamos o pobo galego a dar unha resposta colectiva que impida este atentado ás liberdades públicas e este golpe de Estado encuberto.

Non podemos permitir este paso atrás, non podemos calar ante a criminalización da protesta social, ante o retroceso inaceptábel das liberdades públicas e das vías de participación democrática que pretende o Goberno do PP e nos sitúa nun escenario que nos retrotrae, en moitos aspectos, á época do franquismo.

A Mesa pola Normalización Lingüística; ADICAE GALICIA; Altermundo; ANPAS GALEGAS; Asemblea de Cooperación pola Paz; Asociación Cívico-Cultural Terra de Outes; Asociación Fuco Buxán; Asociación Galega de Historiadores; Asociación Galega de Mariscadoras/es (AGAMAR); Asociación Monte Pindo Parque Natural; Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA); Asociación Sociocultural Namentras; Asociación Sociopedagóxica Galega; Autónomos de Galicia, AUGA-UPTA; Boa Vida Inclusión Activa; Confederación Intersindical Galega (CIG); COGAVE; Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia; Colectivo Encontro Benestar Social; Comisión pola recuperación da memoria histórica da Coruña; Comités Abertos; CONFAPA Galicia; Confraría Pescadores Poboa do Caramiñal; Coordinadora Galega de ONGDs; Escola Viva; Federación de Asociacións Culturais Galiza Cultura; Federación de Asociacións de Mulleres Rurais; Federación de Profesionais e Autónomos/as de Galicia; Federación Galega do Medio Ambiente; Federación Galega de Bandas de Música Populares; Federación Rural Galega (FRUGA); Fundación 10 de Marzo; Federación de AA. de VV. de Pontevedra “Castelao”; Fundación Defensa dos Consumidores; Fundación Moncho Reboiras para o Estudo e Divulgación da Realidade Social e Sindical na Galiza; Fundación Galiza Sempre; Fundación Luís Tilve; Fundación Paz e Solidariedade; Iniciativa Estudantil Galega; Iniciativa Galega Pola Memoria; Instituto de Cooperación ao Desenvolvemento de Galicia ISCOD; Instituto Galego da Historia; Liga Estudantil Galega; Mesa Galega de Educación no Rural; Movemento polos Dereitos Civís; Nova Escola Galega; Organización Galega de Comunidades de Montes Veciñais en Man Común (ORGACCMM); Plataforma en Defensa do Ensino Público; Plataforma en Defensa do Sistema Público Galego de Servizos Sociais; Plataforma Galega Defensa do Ensino Público; Plataforma polo Emprego; Plataforma Queremos Galego; S. N. de CCOO de Galicia; Seminario Galego de Educación para a Paz; Sindicato de Estudantes; Sindicato de Xornalistas de Galicia; Sindicato Labrego Galego; Sindicato de Traballadoras e Traballadores do Ensino de Galiza (STEG); SOS Sanidade Pública; UGT-Galicia; Unión de Traballadores Autónomos do transporte, o mar e as comunicacións de Galicia (UNIATRAMC-Galicia); Unións Agrarias; USTG; Xustiza e Sociedade.

Volver