A actividade deste ano do Correlingua “Vinte coa lingua” percorreu xa tres comarcas do País e para a semana seguirá a levar aos centros a normalización do noso idioma

A rapazada de Lugo, Ferrol e O Rosal puideron gozar das actuacións musicais en directo ou en streaming que están dispoñíbeis para todo o mundo a través das redes.

A celebración do Correlingua, a carreira lúdico-reivindicativa pola nosa lingua que este ano cumpre o seu 20 aniversario, tivo que reiventarse por mor da pandemia e achegarse aos centros e ao alumnado galego mediante actuacións en centros de ensino concretos, para garantir as medidas de seguridade e de protección fronte á Covid-19, e a súa retransmisión en streaming a través das plataformas telemáticas. A fórmula está resultando moi exitosa e a próxima semana chegará a Pontevedra, Moaña e Xove.

Xa levamos unha semana de andaina do Correlingua, actividade organizada pola Asociación Socio-Pedagóxica Galega, a Mesa pola Normalización Lingüística e a CIG-Ensino, na que visitamos os centros coas limitacións propias da situación que vivimos e con moita presenza nas redes sociais.

Comezamos no Auditorio do Concello de Narón o xoves 5 coa nosa festa inaugural da man de Isabel Risco, A Gramola Gominola e Cé Orquestra Pantasma, con quen a diversión estivo asegurada. Seguimos por Lugo, o venres 6, no IES da Nosa Señora dos Ollos Grandes coa actuación de Aldaolado que nos brindaron música, humor e recomendacións sobre a colocación do pronome, un auténtico 3x1 que voltará acompañarnos durante este Correlingua tan especial.

Hoxe visitamos o CPI Suárez Marquier onde bailamos e cantamos a ritmo de Cé Orquestra Pantasma. Coa súa música aprendemos un pouco máis a coidar o noso bosque, soubemos de seres mitolóxicos e plantamos árbores autóctonas... sempre con bo humor e na boa compaña do alumnado e profesorado deste colexio do Rosal que tan ben nos acolleu.

Pero ademais das actuacións en directo ás que asistiron grupos de alumnado estas actuacións foron retransmitidades en streaming para o resto dos grupos. Ademais a festa inaugural deste ano que se celebrou no Auditorio de Narón pódese visualizar nas principais redes do Correlingua: Youtube, Twitter e Facebook.

Próximas actuacións

E como a reivindicación do noso idioma non pode parar, xa estamos listas para a vindeira semana en Pontevedra o mércores 18, en Moaña o xoves 19 e en Xove o venres 20 para seguir celebrando #vintecoalingua con máis música e actuacións especiais.

Volver