Información da Mesa Sectorial da Oferta Pública de Emprego

Podes ler toda a información da mesa celebrada o día 3 de decembro

Orde do día.

1.- PROXECTO De Decreto polo que se aproba a oferta de emprego público. Ligazón

  • Oferta Pública de Emprego do Persoal Docentes 2020

    Venden unha oferta de 3.654 prazas cando só hai 2.036 de oposicións reais

    A CIG foi especialmente crítica cunha OPE que deixa aos pés dos cabalos a un número importante de docentes interinos, ao ser unha proposta que non ten para nada en conta a realidade do colectivo

    Na Mesa Sectorial de Educación a Consellaría presentou o que xa o presidente Feijóo adiantou como un gran propagandista a semana pasada, volvendo un ano máis á marca da casa do actual goberno. En primeiro lugar non negociou con ninguén cales deben ser os criterios que leven a tomar a decisión de que especialidades debe ser obxecto de oferta pública de emprego. Tampouco puxo en común os datos que dan lugar a tomar a decisión  sobre prazas e especialidades. Non se coñece ningún plan estratéxico a varios anos vista en función da idade do profesorado das diferentes especialidades e as posíbeis xubilacións nin as necesidades. En resumo, mantense pechado a cal e canto o búnker no que os actuais responsábeis políticos converteron esta Consellaría, refractaria á negociación colectiva. 

    Ao respecto das especialidades a CIG-Ensino reclamou que se oferten prazas de Portugués en secundaria, se o que quere este goberno é dar cumprimento de verdade á Lei Paz Andrade e non ficar nunha cuestión cosmética. 4 prazas nas OPE anterior non serven para nada se non se acompañan dunha oferta continuada. Tamén criticamos que non se oferten prazas de promoción interna en Galego para as EOI, cando existen neste curso 10 prazas cubertas por profesorado con destino provisional.

    Que non se convoquen este ano non quere dicir que non se convoque para o ano que vén. En todo caso dixeron estar dispostos a revisar se poden convocar noutras especialidades mais que non retirarán ningunha das xa anunciadas. 

    Por outro lado chama a atención que con datos moi similares de persoal interino en activo hai especialidades nas que se ofertan oposicións e outras nas que non. Por exemplo, en PES hai algunha especialidade que se convoca con 9 prazas de interinos (Grego, Análise e Química Industrial), 11 (Organización e Procesos de Mantemento de Vehículos, Procesos na industria alimentaria) ou 13 (Navegación e instalacións mariñas, Procesos e Medios de Comunicación) mentres que noutras con cifras moi similares de persoal interino non se convocan (Música, Intervención Sociocomunitaria, Procesos de Produción Agraria, Sistemas Electrónicos ou Sistemas Electrotécnicos). O mesmo acontece no Corpo de Profesorado de Música e Artes Escénicas. Pedimos explicacións sobre estas diferenzas.

    A administración non aclara como escolleron as especialidades a convocar, só di que ten en conta o número de persoal interino e o número de oposicións convocadas da especialidade nos últimos anos e reitera que poderán incrementar algunha especialidade. 

    Ao tempo, alertamos sobre o feito de que hai moitas especialidades cun número moi próximo entre o persoal interino e as posíbeis prazas ofertadas, nalgúns casos con moitos anos sen convocar as oposicións. Quen creou o problema, paralizando as oposicións, agora o empeora. Solicitamos que se reflexione sobre o que se está a facer, na liña do demandado pola CIG-Ensino nestes últimos anos.

    Maquillando cifras para vender fume

    Se nestas últimas convocatorias a Xunta xogou a inflar as cifras contando cos prazas de promoción interna, que despois como xa avanzaba a CIG ficaban desertas en máis dun 90% , agora a propaganda preelectoral leva a incorporar o proceso de acceso a cátedras, que non deixa de ser un concurso de méritos, como o recurso para poder falar de máis de tres mil prazas: serán 1.300 prazas de acceso a cátedras e 318 de cambio de corpo (A2-A1 ou A1-A1 nas EOI). Polo tanto, nada máis e nada menos que un 44% das prazas anunciadas son de promoción interna. 

    A referencia do presidente da Xunta á demanda do profesorado para o acceso a cátedras é unha vergoña. A principal reclamación do total do profesorado é recuperar os nosos dereitos, comezando polo horario lectivo. O presidente agocha que desde o ano 2007 non se convocou acceso a cátedras e que nestes anos foise xubilando un número moi elevado de compañeiros e compañeiras deste corpo. O que fai, pois, é cubrir o que se precisa. Nada máis.

    Este modelo de ingreso non vale

    Estamos atados por un Real Decreto estatal que funciona como un muro de contención para poder modificalo e adaptalo ás necesidades e características do noso sistema educativo, desde o baremo ao modelo de probas.  A CIG-Ensino defende dun sistema de dobre vía de ingreso, no que poidan convocarse simultaneamente oposicións cun peso moi elevado da experiencia docente e nas que se ofertarían as prazas ocupadas por persoal interino que son vacantes (sen funcionariado de carreira no posto) e outras oposicións con maior peso para a fase de oposición nas que se incluirían as prazas de reposición de efectivos (xubilacións, defuncións…). 

    Malia iso levamos anos formulando propostas asumíbeis e que poden mellorar substancialmente o desenvolvemento dos procesos selectivos, xa que non podemos cambiar o modelo de ingreso, mais até este momento a Consellaría, como en tantas outras cousas, non introduce melloras (anonimato de parte das probas, redución de aspirantes por tribunal, aplicación real da fase de concurso…).

    Sen funcionariado de carreira en varias especialidades convocadas: quen vai conformar os tribunais?

    Hai varias especialidades nas que temos constancia de que non hai funcionariado de carreira suficiente para formar parte dos tribunais. Hai outros nos que xa houbo problemas nestas oposicións pasadas, como é o caso de Procesos na Industria Alimentaria, e que este ano con funcionariado en prácticas que non pode entrar nos tribunais, volverá de novo a ter problemas. Solicitamos que se nos proporcione unha relación de especialidades convocadas nas que non hai funcionariado da especialidade para os tribunais e preguntamos que ten pensado facer a Consellaría.

    A administración recoñece que nalgunhas especialidades non hai funcionariado de carreira suficiente para os tribunais e nomearán ou doutra especialidade ou da mesma de fóra de Galiza, e os tribunais poderán ter asesores, todo iso sen sorteo. 

    En contra da redución de profesorado e dos efectos dos sistema actual no profesorado interino

    A oferta de prazas presentada pola Consellaría parte do límite imposto polo acordo sindical estatal, polo que se poden ofertar prazas nas oposicións sempre que non se superen os cadros de persoal existentes, aceptando submisamente os efectos dos recortes desde o ano 2010. Tal é así que os orzamentos do 2020 recollen por segundo ano un recorte de profesorado, cun total de 29.942 docentes fronte a 30.098 de hai dous últimos anos. Polo tanto, esta OPE non vai servir para aumentar profesorado, que é unha das principais demandas do propio persoal docente e da CIG-Ensino. 

    O resultado das últimas oposicións foi claro. A inestabilidade laboral segue a ser un problema básico. Desde a CIG-Ensino apelamos a fixarse menos en cifras e porcentaxes e máis nas persoas. Centrarse na redución da interinaxe sen ter en conta o actual persoal interino só leva a que haxa profesorado que perda o seu posto de traballo. 

    Un estudo realizado pola CIG-Ensino a partir das últimas oposicións deixa unhas conclusións rotundas:

    • O 33% das persoas que aprobaron as oposicións nunca traballaran para a Consellaría de Educación. 
    • O 52% traballaron menos de 1 curso no ensino público.
    • A porcentaxe de docentes interinos con máis de 5 anos de experiencia que aprobaron as oposicións é do 19%.
    • No caso daquelas persoas cunha longa experiencia profesional (superior a 10 anos) a porcentaxe de aprobados limítase  a menos do 9%

    É obvio que a inexistencia dun acordo de estabilidade para o persoal interino en risco de perder o seu posto de traballo, xunto coa necesaria oferta de oposicións polas elevadas cifras de xubilacións e un sistema que obvia a fase de concurso e provoca a competencia entre as persoas con méritos na docencia con  aquelas outras que non teñen experiencia previa é un escenario que pode provocar a perda de postos de traballo de persoal interino. A Consellaría podía partir da realidade do persoal interino actual á hora de facer a proposta de prazas e abrir unha negociación de estabilidade que dea saída a persoas de longa experiencia laboral ou avanzada idade. Nada fixo e nada está a facer máis que tratar o profesorado como simples números.

CIG Informa do proxecto da OPE

2.- Rogos e preguntas.

  • Discriminacións retributivas nos centros. Para algunhas cousas hai cartos, para outras non

    A oferta de acceso a cátedras vai supoñer un incremento de 3.203.200€ anuais para mellorar as retribucións de 1.300 docentes. Non se pode, por tanto, alegar insuficiencia orzamentaria. A Xunta fixa prioridades e prefire esta a resolver en primeiro lugar a mellora xeneralizada das nosas condicións de traballo, co incremento necesario de profesorado para poder reducir o horario lectivo que reclamamos.

    Mais tampouco se toman medidas para mellorar as discriminacións que a día de hoxe se producen dentro dos nosos centros: 

    • O pago de coordinacións nos CIFP, ao estaren recollidos na orde de confección de nóminas que non se pagan nos demais centros nos que se fan esas funcións: Calidade, TIC, Programas Internacionais, Formación ou Biblioteca.
    • O Profesorado Técnico de FP que realiza as mesmas funcións que o PES das especialidades de FP mantén unha diferenza salarial polo corpo no que están integrados que, a falta dun cambio a nivel estatal ben se podería suplir cun complemento compensador. Unha equiparación que se debería estender ás especialidades de mestres na ESO.
    • As mestras e mestres de PT e AL que traballan nos IES e non cobran como os compañeiros das demais especialidades.
    • Profesorado que imparte nos conservatorios superiores como nivel 24.

    A Consellaría mira para outro lado nas discriminacións ás que facemos referencia e só se limita a reiterar que optaron por convocar cátedras.

  • Queixa da Xunta de Persoal de Pontevedra pola actitude da Xefatura Territorial na negociación de vacantes do CXT

    Damos lectura do escrito remitido pola Xunta de Persoal de Pontevedra logo dunha primeira reunión para negociar as vacantes do CXT. 

    “A Xunta de Persoal Docente desexa rexeitar por escrito a negativa expresada na reunión do 27/11/19 pola Xefatura Territorial de Pontevedra a asumir os criterios establecidos no pasado concurso de traslados pola Comisión Técnica e recollidos en Anexo á acta do 09/04/2019. A Xefatura Territorial como órgano dependente da Consellaría de Educación debe aplicar os mesmos criterios.

    En consecuencia, esta XPD reclama que se computen 14 horas totais para o primeiro posto e 20 horas totais para os seguintes, así como todas as materias, módulos e grupos, explicitados en dita Acta e que inclúen expresamente os desdobramentos que estean a funcionar nos centros, os Ámbitos dos PMAR, módulos da FPB, etc.

    Esta XPD reclama igualmente unha explicación con datos de cada unha das vacantes das que se solicita a súa inclusión na oferta ou polas que se interpela neste órgano institucional”.

    O desprezo amosado tanto polo Xefe Territorial como polo Xefe de Inspección de Pontevedra cualifícanos a eles como persoas, mais o seu comportamento é indigno de representantes dunha administración pública. Sabemos que non lle gustou nada que o CXT do ano pasado levantar o tapón que provocaron no CXT durante todos estes anos mais queremos que quede claro nesta mesa se a Dirección Xeral vai amparar esa actuación ou van imperar os acordos adoptados. 

    A Consellaría afirma que os criterios aprobados o curso pasado están para seren cumpridos e reitera que, unha vez celebradas as reunións nas Xuntas de Persoal, se revisarán as reclamacións que as organizacións sindicais poidamos presentar.

  • Instrucións da Inspección para refacer horarios nos CEIP e incumprimentos de catálogos

    Parécemos lamentábel o que está a facer a Inspección Educativa coa corrección dos horarios do profesorado dos CEIP, reducindo as gardas lectivas ao mínimo e ampliando ao máximo as horas das mestras de PT e AL. A atención á diversidade non se pode construír sobre o empeoramento das condicións de traballo do profesorado. 

    Ao tempo detectamos tres casos de flagrantes incumprimentos de catálogos en prazas de PT e AL. Un deles, no CEIP Ponte dos Brozos, solucionouse. En dous aínda non (CEIP W. Fdez. Flores de Cambre e CEIP Alfredo Brañas de Paiosaco). Sabe esta Dirección Xeral que hai un alumno con importantes necesidades de apoio na unitaria de Pravio (Cambre) ao que só agora se lle envía unha docente de AL 2 horas á semana cando no centro base hai unha praza completa sen cubrir? Vai facer algo ao respecto?

    Están de acordo coa actuación da inspección e non poñen en cuestión que se estea xogando coa atención á diversidade e cos propios horarios do profesorado.

  • Cambios na oferta de Bacharelato en Culleredo e na Coruña

    Na última reunión da permanente da Xunta de Persoal da Coruña o Xefe Territorial non informou aos representantes sindicais sobre os cambios que prevén no Bacharelato en Culleredo. Menos de 24 horas despois a decisión foi comunicada pola dirección do IES Universidade Laboral ao Claustro e unha horas antes xa tiñan coñecemento as ANPAs: o fin da oferta do Bacharelato nese centro e a cambio de ensinanzas para o IES Rego de Trabe.

    É unha falta de respecto e un exemplo máis de como exercen os políticos do PP os postos de responsabilidade política. Porén, máis alá das formas está o fondo. A Consellaría leva anos dando bandazos con este tema, mesmo provocando cambios nas vacantes do CXT. Solicitamos que o tema se leve ao Consello Escolar Municipal  para que se emita un informe sobre como debe ser a solución que se adopte.

    Tamén solicitamos da Dirección Xeral se nos aclare se hai previsión de facer cambios na oferta do Bacharelato no concello da Coruña, toda vez que se estende o rumor de que hai plans para acomodar a oferta de tres IES: A Sardiñeira, Elviña e Urbano Lugrís. Moito nos tememos que “acomodar” queira dicir eliminar a oferta nalgún destes IES. 

    A postura da CIG-Ensino ao respecto é clara: non se debe reducir a oferta educativa en ningún centro e se hai que facer cambios, estes deben ser pactados.

    Non son conscientes de ningún dos cambios indicados.

  • Actualización das listaxes de substitución de mestres

    A piques de rematar o primeiro trimestre están as listas sen incorporar co persoal opositor deste ano. Queremos que se nos indique cando van estar e se nalgunha lista, ademais de Francés, tiveron problemas.

    Afirman que as listas non teñen présa en seren actualizadas xa que polo momento teñen persoal suficiente nas listas actuais. Din que teñen problemas coas novas titulacións xa que non aparecen as mencións e iso está retrasando o proceso.

CIG Informa dos Varios

Volver