• 2018CorrelinguaCoruña02.jpeg
  • 2018CorrelinguaCoruña04.jpg
  • 2018CorrelinguaCoruña05.jpeg
  • correlingua_aestrada (2).jpg
  • correlingua_aestrada (3).jpg
  • IMG_1461.jpg
  • correlingua_morrazo (1).jpg
  • correlingua_morrazo (2).jpg
  • correlingua_morrazo (4).jpg

Arredor de 6.300 estudantes participaron nas actividades do Correlingua da Coruña, O Morrazo e A Estrada

Arrancou a 18ª edición do Correlingua, a carreira pola normalización do galego que organiza cada ano a CIG-Ensino, a Asociación Socio-Pedagóxica Galega e A Mesa pola Normalización Lingüística, e fíxoo cun grande éxito de participación.

A primeira cita foi onte xoves na Estrada, con 1.800 participantes, e hoxe desbordáronse as previsións na Coruña con máis de 2.500 alumnos e alumnas e en Bueu con arredor de 2.000 corredores e corredoras procedentes de todo O Morrazo.

Unha nova cita do Correlingua comezou onte e estenderase até o 16 de maio en Vigo, onde terá lugar a última das carreiras que, baixo o lema “A lingua non para”, pretenden involucrar o alumnado de todas as etapas educativas de Galiza, desde Infantil a Bacharelato, na reivindicación do uso do galego. A Estrada foi a primeira parada deste conxunto de actividades programadas en todo o país e contou coa asistencia de arredor de 1.800 nenos e nenas e de diverso profesorado procedente de 11 centros educativos dos concellos da Estrada, Forcarei e Silleda. 

Éxito de participación na Coruña

Esta mañá foi a quenda da Coruña, con máis de 2.500 rapaces e rapazas de 23 centros de toda a contorna que se inscribiron nesta edición do Correlingua e que foron recibidos á súa chegada a meta na Torre de Hércules pola actriz Isabel Risco. Durante a festa final actuou Cuarta Xusta, o grupo gañador este ano do concurso Cantalingua que se celebra xunto con outros certames con anterioridade ao mes de maio e que pretenden servir como aliciente nos centros educativos para traballar pola normalización da lingua en áreas como a música, o audiovisual, a creación literaria ou a banda deseñada. 

No Morrazo a lingua tampouco para

Simultaneamente á marcha que tiña lugar na cidade herculina, outros 2.000 rapaces e rapazas procedentes de 20 centros de Cangas, Moaña e Bueu correron tamén hoxe polo futuro da lingua polas rúas desta última vila. Durante a festa final houbo diversas actividades lúdico-educativas: obradoiros para o alumnado de Infantil coordinados polos propios centros de ensino, a actuación da regueifeira viguesa Alba María, a lectura do manifesto a cargo dunha representación do estudantado do IES Johan Carballeira de Bueu e a presentación do seu traballo Radio Bule-bule a cargo do músico Paco Nogueiras. 

Máis carreiras a próxima semana

O vindeiro luns tocaralle a Compostela acoller a marcha que comezará ás 11 e rematará unha hora despois na Praza da Quintana. O martes, 8 de maio, terá lugar a festa principal deste ano, que será na cidade de Pontevedra. O día seguinte serán os rapaces e rapazas de Lugo quen correrán pola lingua e a semana rematará con máis carreiras e festas na Mariña e no Baixo Miño o xoves 10 e en Ourense o venres 11.

Volver