A CIG-Ensino destaca o esforzo feito polo profesorado galego nestas circunstancias tan especiais e denuncia o desgoberno da Consellaría de Educación

O Secretariado Federal do sindicato maioritario reuniuse para unha posta en común da situación actual no ensino público galego e de como se ve afectado o profesorado e o noso alumnado

Temos un profesorado que está a afrontar unha situación inédita na súa vida profesional con altas cotas de compromiso e dedicación, salvando unha barreira de enormes dificultades técnicas, co que isto supón de sobreesforzo e mesmo estrés.

O Secretariado Federal da CIG-Ensino, órgano no que están presentes a Executiva e os secretarios e secretarias comarcais do sindicato, reuniuse para dar conta da accións realizadas polo sindicato desde o comezo da entrada en vigor da emerxencia sanitaria e o estado de alerta así como para avaliar a actuación da Consellaría de Educación e as demandas do profesorado.

Desde a CIG-Ensino queremos trasladar, en primeiro lugar, o noso recoñecemento ao inxente traballo que está a facer o profesorado galego. Estamos nunha situación que rompe por completo as dinámicas tradicionais nas que desenvolvemos o noso traballo e afrontar o reto de dar resposta ás demandas dunha situación de confinamento como a actual é unha tarefa moi complexa.

A fenda dixital alcanza a todos os colectivos e oculta outros problemas fundamentais no confinamento.

Cando desde a CIG-Ensino denunciamos a evidencia dunha fenda dixital falamos do seu carácter xeográfico, polos problemas de cobertura no rural, mais tamén salientamos a orixe social desa fenda. E centrámonos especialmente, como é lóxico, no alumnado, con resultados que constatan que hai moito que está “desconectado” e que non pode ser esquecido. 

Mais tampouco debemos esquecer outra fenda dixital, a do profesorado que non ten a formación ou os medios necesarios para poder afrontar unha situación como a que estamos a vivir. Ver os resultados e o esforzo que se está a facer ten, por iso, un maior valor.

Mais cometeriamos un erro se os enormes problemas de índole económico e social que está evidenciando a fenda dixital nos impedisen ver unha tremenda realidade que vivimos nestes tempos de reclusión nos nosos fogares. Nin a educación on line se pode aplicar nin valorar baixo uns mesmos criterios en todas as etapas educativas, cunha disparidade enorme entre Infantil e Primaria e, canto mais, nas demais etapas educativas, nin  debemos baixo ningún concepto esquecer ao noso alumnado con necesidades específicas, tanto o que estaba a recibir un reforzo nas nosa aulas como aquel con algún tipo de discapacidade. Fixar un discurso centrado exclusivamente nos problemas académicos de superación dun currículo fai que esquezamos a ausencia de contacto, de relación social ou de apoio psicolóxico que nestes momentos profesorado e alumnado temos, no mellor dos casos moi limitado cando non totalmente roto. Teñamos en conta esta realidade cando pensemos como será o resto do confinamento e, especialmente, a reincorporación á normalidade.

Un profesorado sen apoios e unha administración desaparecida.

A realidade que estamos a vivir dista moito de ser a ideal. Tamén é certo que se evidencian, nalgúns casos, problemas de descoordinación entre nós mesmos como docentes e de cara ao alumnado, así como importantes eivas nun novo modelo de ensino aprendizaxe que se desvela como totalmente inapropiado para a maioría senón a totalidade dos niveis e etapas educativas. Mais poñer o foco nas eivas que poidamos ter como docentes é errar o tiro. Non é cuestión nin de magnificar nin de ocultar os problemas ou os bos resultados; é unha obriga saber a quen lle corresponde a responsabilidade do que está a acontecer. E esta recae sobre todo nunha administración desaparecida antes e durante o confinamento.

A sociedade debe ser consciente de que o teletraballo que se está a realizar parte de cero, que non existen recursos, que as docentes non recibimos da Consellaría ningún material para desempeñar unha nova tarefa que se nos encomenda e que non existe formación previa nin seguimento de ningún tipo para afrontar estes retos. 

Como seguramente pasa en todos os campos laborais nos que a patronal puido aplicar o teletraballo, vivimos a dificultade de combinar os retos da docencia coas responsabilidades no fogar, atendendo fillos e fillas e maiores a cargo e facendo posíbel que as horas do día dean para todo.

A maiores, cargamos coa incomunicación e a incompetencia da Consellaría Educación. Hai incomunicación xa que o profesorado non recibiu en ningún momento un comunicado directo da Consellaría, malia a contarmos con correo corporativo, nin tampouco se convocou en toda a crise a Mesa Sectorial, algo que si fixeron outras administracións. A incompetencia evidenciouse desde que foi dando tombos nun primeiro momento e impuxo posteriormente unha avaliación no 2º trimestre absolutamente innecesaria e que xa está a ser contestada desde moitos centros, sempre sen consultar coa representación do profesorado nin buscar os mínimos consensos.

Padecemos tamén a actuación dalgúns integrantes da inspección que, lonxe de se preocupar pola situación dos centros que teñen asignados, o que fan é poñer máis paus nas rodas, como mera correa de transmisión da insuficiencia da administración. Hai tamén unha parte das direccións que está actuando neste sentido, aínda que maioritariamente están tamén a sufrir o desgoberno da administración, desde os cambios na obriga de estar nuns centros sen actividade até a xestión das axudas para comedores e, agora mesmo, a entrega duns computadores proporcionados pola Xunta sen ningún tipo de rigor nin criterio, e deixando nas súas mans unha difícil decisión á hora de seleccionar 3 familias en cada centro que imparte ESO e Bacharelato.

Para facer fronte a todo isto e supoñendo que esta situación poda estenderse aínda máis tempo do que queremos, facemos un chamamento á reflexión individual e colectiva sobre como actuar, unha reflexión que non debe ficar só no persoal docente senón que debe ser conxunta, tamén das familias, da sociedade en xeral e, fundamentalmente, dunha administración que nos gustaría que nalgún momento reaparecese, actuando desde o diálogo e o consenso.

Oposicións: o desprezo ao profesorado tamén se estende ao conxunto de futuros aspirantes á docencia.

A CIG-Ensino traslada novamente a súa indignación por como está a actuar a Consellaría no tema das oposicións. O mesmo día que o presidente Feixóo  di expresamente que se agarda “un mes de abril máis duro que o de marzo” a Consellaría limítase a filtrar que só haberá oposicións no 2020 se non se prolonga o estado de alarma alén do 11 de abril. Ou o presidente da Xunta non está ben informado e alerta innecesariamente, o que á vista da situación da pandemia non parece razoábel, ou na Consellaría xogan a ser a orquestra do Titanic.

Para a CIG-Ensino a situación é clara. A declaración filtrada á prensa é unha escusa e un eufemismo e era ben que aclarasen xa que non vai haber oposicións.

Se está situación se produce como todo parece indicar malia o silencio oficial da Xunta, na CIG-Ensino consideramos o seguinte:

  • Calquera cambio debe ser negociado na Mesa Sectorial.
  • Non se pode perder unha soa praza. Toda a oferta debe manterse exactamente como está anunciada (reparto de especialidades e prazas).
  • A realización dunhas oposicións durante o curso escolar é moi complexa (membros de tribunais que deben ser substituídos, miles de persoas interinas que participan no proceso). Se isto é así en calquera curso ordinario, podería ser aínda peor no curso 2020/21 dada a incerteza actual que non sabemos se afectará ao desenvolvemento curricular do seguinte curso e na que o alumnado non se pode ver novamente afectado.
  • Se as oposicións se trasladan ao 2021 debe sumarse á convocatoria do 2020 a oferta de emprego dese ano, no que a propia consellaría calculaba que se produzan perto de 1.000 xubilacións.
  • A nivel do Estado demandaremos unha solución á limitación da taxa de reposición pactada polo PP e os sindicatos estatais e mantida polo actual goberno. Debemos volver á plena competencia da Xunta para convocar as prazas que considere, sobre todo tendo en conta as propias conclusións da xustiza europea ao respecto de non manter o abuso na contratación temporal.

Volver