Na reunión mantida co conselleiro de Educación, a CIG-Ensino puxo sobre a mesa as problemáticas do profesorado galego

Unha representación da Executiva do sindicato foi recibida polos máximos responsábeis da Consellaría nun encontro que a CIG-Ensino centrou na mellora das condicións de traballo do profesorado e do ensino público galego.

A representación da CIG-Ensino insistiu especialmente na recuperación de dereitos laborais perdidos, na situación da pandemia e a saúde laboral, no contexto de incerteza da profesión docente, nos procesos selectivos que terán que convocarse neste 2022 en aplicación da Lei 20/2021 e na xestión do profesorado interino. A atención á diversidade, a situación da escola rural ou a negociación dun plan de igualdade para o persoal docente tamén estiveron presentes nos temas trasladados polo sindicato maioritario.

Na reunión estiveron presentes, ademais do secretario nacional da CIG-Ensino, Suso Bermello, a secretaria de acción institucional, Laura Arrojo, o secretario de acción sindical e comunicación, Diego Boquete, e a secretaria de formación, Ana Rodiño. Por parte da Consellaría acompañaron ao conselleiro de Educación, Román Rodríguez, o secretario xeral técnio, Manuel Vila, o secretario xeral de Educación, José Luís Mira, e o director xeral de centros e recurso humanos, Jesús Álvarez.

A recuperación dos dereitos e a mellora das condicións de traballo

A redución da carga lectiva directa do profesorado a 18 horas na educación secundaria e a 21 horas na educación infantil e primaria foi unha cuestión central nos temas tratados, coa demanda da CIG-Ensino de aplicala xa no curso 2022-23, non só como o dereito a recuperar as condicións de traballo que tiñamos senón como un recoñecemento por parte da administración de dar resposta á sobrecarga de traballo lectivo que hoxe afronta o profesorado galego. A exemplaridade do traballo desenvolvido, con especial incidencia na actual crise sanitaria e social, debería mover á Consellaría a dar un paso adiante que até o momento non fixo, malia depender totalmente da súa decisión.

Ao mesmo tempo, Suso Bermello lembroulle ao conselleiro que o principal problema para unha correcta atención educativa e o desempeño do traballo docente está agora mesmo nas elevadas ratios, que se ben é certo que a pandemia puxo no centro do debate, xa era unha demanda da CIG e do conxunto do profesorado desde hai anos. A redución das ratios é hoxe un clamor non só do profesorado senón de toda a comunidade educativa. 

No mesmo senso preocupa a desatención do escola rural polo que se solicita a revisión dos peches de unitarias e agrupamentos de aulas con pouco alumnado, garantindo que a escola rural teña, tanto en dotación de profesorado como en mantemento da rede educativa, un  trato claramente favorábel que busque reducir a constante perda de poboación neste ámbito pola vía dunha ampla cobertura de servizos públicos.

A CIG-Ensino tamén fixo fincapé na necesaria redución da burocracia nos centros. É imprescindíbel máis persoal administrativo, maior apoio ao profesorado en xeral e ás direccións en particular. Nos centros sen dirección completa ou mesmo sen ningún cargo é vital que dispoñan de maior liberación horaria e recoñecemento a todos os niveis. É preciso revisar os desequilibrios que hoxe se dan entre dos diferentes centros nas reducións horarias para cargos de xestión.

A situación e os efectos da pandemia, moi presente aínda nos centros

Como para o conxunto da comunidade educativa, a crise sanitaria na que aínda estamos, foi e é motivo de profunda preocupación para a CIG-Ensino. O sindicato trasladou as súas críticas polo gran déficit de información e desatención da obriga de fornecer datos e realizar estudos sobre a afectación no persoal docente e no alumnado. Consideramos que a falta de reforzos educativos e de apoio emocional está a repercutir na saúde laboral, sendo numerosos os casos de afectación da saúde mental da comunidade educativa, como vén de denunciar o sindicato e varios centros educativos. A CIG-Ensino entende como vital, neste sentido, regular un cadro de enfermidades profesionais, ofrecer medios para atender a situación de queime profesional, ferramentas e persoal de apoio para dar resposta á situación que vive o alumnado, reforzar os servizos de prevención de riscos así como os comités de saúde laboral.

O deterioro da situación da nosa lingua no sistema educativo

Malia que hai xa máis dun ano e medio da presentación por parte da CIG-Ensino e outras entidades en defensa da lingua, sindicais, anpas ou de renovación pedagóxica, das Bases para a normalización lingüística no ensino, esta é a primeira ocasión en que tivemos ocasión de dar traslado desta demanda ao conselleiro, xa que non se atenderon solicitudes previas da Plataforma e o propio PP vetou en numerosas ocasións a comparecencia no Parlamento das entidades que promovemos un cambio de rumbo na atención á situación da lingua nos centros educativos. O sindicato demandou que a Xunta cambie no seu bloqueo e recoñeza as graves consecuencias da aplicación do decreto de plurilingüismo nas crianzas e mocidade do sistema educativo, instando á administración educativa á derrogación do decreto e a negociar co conxunto da comunidade educativa unha nova política lingüística partindo da proposta das Bases.

A incerteza sobre o futuro inmediato do profesorado

Os procesos selectivos deste ano 2022 ocuparon unha parte destacada da reunión, dada a enorme relevancia que para a CIG-Ensino teñen. O sindicato trasladoulle á cúpula da Consellaría a necesidade de negociar con rigor e amplitude de miras as prazas que deben ser ofertadas tanto no concurso excepcional como no concurso oposición extraordinario, adiantando que considera totalmente insuficientes as cifras ofrecidas polo conselleiro de Educación para o concurso excepcional. O sindicato demandou a apertura inmediata de negociación duns criterios que permitan unha oferta ampla de prazas e concretar o calendario de publicación de ambas convocatorias e das datas de celebración destas.

Román Rodríguez recibiu tamén a demanda sindical de tratar con seriedade e rigor o futuro do profesorado interino: das listas, da xestión das substitucións e da súa estabilidade laboral. A adaptación da reforma do EBEP tras a publicación da Lei 20/2021 xera moitas incertezas e a CIG-Ensino quixo deixar claro que é necesario mellorar o actual sistema de listas, mantendo o modelo de consolidación actual mais abrindo, dunha vez por todas, a vía para recoñecer a estabilidade de compañeiras e compañeiros de idade avanzada e longas interinidades que non acadan praza nestas convocatorias. Tamén para afrontar a situación daquel profesorado interino que non ten a titulación para se presentar ás oposicións e que non pode ser desprezado pola administración logo de se ter servido do seu traballo desde hai moitos anos. Hai outras melloras necesarias que tamén foron expostas polo sindicato, como pór fin ao cese de chamamentos en momentos concretos dos cursos (Nadal, semana santa, xuño), mellorar a cobertura das substitucións (reforzando o servizo de persoal, se for preciso) ou introducir cambios nos motivos de renuncia, como permitir que sexa durante tres anos por ter calquera contrato de traballo e non só temporal, como leva anos demandando a CIG e non se atendeu nas últimas modificacións do acordo que, lembrou a CIG-Ensino, non conta co aval do sindicato precisamente porque non atende as situacións expostas. Sendo conscientes das limitacións para o persoal interino introducidas polo acordo sindical estatal e dos problemas que pode causar, a CIG demanda da Consellaría que exerza as súas competencias e se abra a negociar unha superación deses límites en beneficio do profesorado interino galego.

Outras cuestións laborais tamén estiveron presentes, como a regulación das materias afíns con criterios de afinidade real e por áreas de coñecemento, cunha única materia como máximo; a necesidade de reforzar a estabilidade nos claustros e regulación da elección de horarios tendo en conta os cambios de adxudicación de destinos provisionais en secundaria para este curso.

A CIG-Ensino tamén amosou o seu interese polas previsións da Consellaría ao respecto do calendario escolar do curso próximo e foi moi clara á hora de fixar como cuestión fundamental que non se sobrecargue máis aínda as xornadas lectivas que ten que afrontar o profesorado e o alumnado, xa por riba a día de hoxe da media europea.

A situación concreta do profesorado do corpo de PTFP require da convocatoria inmediata en canto estea listo o regulamento do Ministerio. A CIG-Ensino defende, tanto diante do Ministerio como coa Xunta, que debe contemplar os efectos económicos desde xaneiro de 2021 e quixo saber se existe esa previsión nos orzamentos da Xunta. Tamén adiantamos desde o sindicato a demanda do pago dun complemento compensador para quen non poida integrarse e para o profesorado que entre no novo corpo de Especialistas de Sectores Singulares da FP.

Outras demandas da CIG-Ensino tratadas na reunión

Afrontar a mellora da atención á diversidade. Desde o reforzo da acción titorial e a formación do profesorado en xeral ao aumento da dotación do EOE (tanto en número de profesionais como no número de equipos, comezando por dotar de dúas equipas á provincia de Pontevedra e tres á da Coruña), pasando pola ampliación e reforzo de docentes de PT, AL e xefaturas de Orientación, tanto en primaria como en secundaria, baixando a ratio de alumando que debe ser atendido.

A reforma dos Regulamentos Orgánicos dos Centros (ROC) e dos currículos. Hai cuestións que non deberían agardar por unha renovación dos ROC da que nada se sabe: homoxeneización dos criterios dos diferentes ROC, aplicación de sentenzas sobre eleccións de horarios, reducións horarias das equipas directivas, recoñecemento de determinadas responsabilidades (a nivel retributivo e administrativo) como a coordinación de coeducación ou un maior recoñecemento do traballo que implica a coordinación didáctica e a titoría, que debe ser reforzada. Por outro lado, logo de coñecer a noticia de que a Consellaría xa ten rematados os currículos LOMLOE, desde a CIG-Ensino trasladamos a nosa queixa de que non se teña contado coa opinión das organizacións sindicais e instamos á administración a poñer en coñecemento da representación do profesorado todos os cambios previstos, nomeadamente os que garden relación con cambios na asignación horaria das diferentes materias polos efectos que isto pode ter na carga lectiva por especialidades.

A negociación dun plan de igualdade para o persoal docente. Educación leva incumprindo a lei desde 2007. Hai que afrontar canto antes unha análise rigorosa sobre condicións laborais, acoso ou actitudes sexistas, conciliación, condicións da contorna de traballo, buscando a promoción da igualdade de trato e oportunidades. Como primeiro paso, urxe a constitución dunha comisión negociadora.

Potenciar o Portugués. Aplicación efectiva da Lei Paz-Andrade no ensino. A Consellaría debe impulsar a oferta do Portugués como opción de 2ª lingua en todos os centros de secundaria e formar profesorado do corpo de mestres para poder impartila como materia de libre configuración en 6º de primaria. Houbo incremento de prazas na última oferta de emprego mais é insuficiente e falta unha campaña institucional para aumentar a presenza do Portugués. Facelo, desde o noso punto de vista, debe formar parte dunha visión global e afastada do curtopracismo das potencialidades do galego, non só como a lingua de uso cotiá en todas as situacións da nosa vida diaria, senón como un exemplo da relevancia internacional de formar parte da lusofonía.

Volver