Pola negociación das condicións laborais, educativas e sanitarias do curso 2020/2021 nos centros docentes públicos de Galiza

Como docente non podo máis que amosar o meu malestar e a miña preocupación pola ausencia de propostas por parte da Consellaría de Educación de cara ao curso escolar 2020/21 e dunha negociación real destas coa representación sindical do profesorado.

Tendo en conta a experiencia deste final de curso e a incerteza e a inacción da Consellaría, considero:   
  • Que as condicións nas que se desenvolveu a actividade educativa desde a declaración do estado de alarma poñen de relevo o carácter esencial da presencialidade do sistema educativo.
  • Que en todo este tempo as actuacións da Consellaría de Educación foron un claro exemplo de contradición e improvisación (instrucións, comunicados públicos, descoordinación co MEFP..), provocando o abandono pola administración do conxunto da comunidade educativa.
  • Que rematado o mes de xuño é totalmente inadmisíbel que a Consellaría non teña presentado e negociado unha batería de propostas de carácter organizativo, educativo, sanitario e social para afrontar desde os centros a preparación do inicio co curso escolar.
  • Que a presencialidade, a equidade social, a atención educativa de calidade, o respecto ás condicións laborais e as máximas garantías sanitarias deben ser elementos fundamentais, xunto coa participación democrática de toda a comunidade educativa e nomeadamente do profesorado, do deseño do curso escolar 2020/21.
  • Que non se pode afrontar con seguridade un curso escolar cunha Consellaría que desatende as súas funcións e cun profesorado desprezado e relegado.
Por todo isto, demando:
  • A presentación e negociación con carácter inmediato das condicións sanitarias e organizativas nas que se deberá desenvolver o curso 2020/21.
  • A negociación dun protocolo sanitario centrado na seguridade de todo o persoal dos centros educativos e do alumnado.
  • A coordinación entre as diferentes administracións (autonómica, local) que sexa precisa de cara a unha correcta organización do curso escolar (espazos, apoios, servizos sociais…)
  • A regulación da redución de ratios en todas as etapas educativas para garantir as medidas de distanciamento físico necesarias e unha correcta atención educativa que cumpra coas indicacións das propias administracións educativas de reforzo e recuperación do curso escolar 2019/20 e as necesarias adaptacións organizativas e curriculares ao longo de todo o curso.
  • O reforzo dos cadros de persoal de todos os centros para garantir esa atención especial.
  • A negociación e consenso de calquera medida que poida afectar ás condicións de traballo do profesorado no curso 2020/21 pola planificación extraordinaria que poida ser necesaria.
  • O reforzo da coordinación didáctica e da formación do profesorado coa conseguinte redución da carga lectiva.
  • A posta en marcha inmediata das reformas tecnolóxicas necesarias para dar resposta correcta a unha nova situación de confinamento parcial ou total en casos de rebrotes da covid-19.
  • A negociación das condicións de traballo e de organización docente no caso de termos que recorrer á teledocencia, en todo o parte do noso horario laboral.

Asina

consentimento*

Debes aceptar os termos e condicións recollidos na información legal e na política de protección de datos e autorizar o tratamento dos teus datos persoais.