A CIG Ensino

Quen somos?

A CIG-Ensino é unha das federacións da Confederación Intersindical Galega (CIG). No ensino público, tanto universitario como non universitario, somos a organización sindical maioritaria. Tamén somos maioritarios en sectores educativos do ensino privado como os centros de atención á discapacidade, as escolas infantís 0-3 ou os centros de menores.

Nos distintos procesos electorais do ensino público non universitario, a CIG-Ensino foi incrementando o número de votos e o de delegados e delegadas, o que significa un aval importante ao noso traballo sindical. Froito deses resultados é a nosa ampla representación nas Xuntas de Persoal das catro provincias galegas, que presidimos, e especialmente na Mesa Sectorial Docente non Universitaria, ámbito de debate e negociación coa Consellaría de Educación. Así mesmo formamos parte da Mesa Xeral da Función Pública Galega e nas Mesas de Sector de ámbito estatal. Día a día traballamos para manter e incrementar a nosa representación como medio efectivo para seguir avanzando na loita por un ensino público galego e de calidade, a través dun modelo sindical combativo e participativo.

A nosa participación no ámbito universitario céntrase nas Mesas Sindicais de cada unha das tres universidades, tanto a través dos comités de empresa como nas Xuntas de Persoal.

O carácter de central sindical máis representativa a nivel galego permítenos estar presentes en todos os foros de negociación, tanto a nivel nacional como estatal, tanto do ámbito público como privado.

Como organización sindical centramos os nosos esforzos na defensa do Ensino Público, un ensino que sexa tamén galego, laico, gratuíto e democrático. Defendemos un sistema educativo galego que teña na normalización lingüística un dos seus eixes fundamentais, un ensino non sexista que eduque para a igualdade, a solidariedade e a xustiza social, e que transmita os valores da paz e da defensa do medio ambiente.

O noso quefacer sindical céntrase tamén na reivindicación dos dereitos profesionais e laborais do persoal docentes: o dereito á negociación colectiva e á estabilidade no posto de traballo; a dignificación da función docente, cun sistema retributivo que impida a estratificación, xerarquización e división do profesorado e que nos retribúa dignamente; a elaboración dun cadro de enfermidades profesionais e o seu recoñecemento a todos os efectos legais, o dereito a unha formación permanente dentro do horario lectivo e no propio centro de traballo, etc...

A CIG -Ensino non só defende os dereitos profesionais e laborais de todos os traballadores e traballadoras, senón que ofrece á súa afiliación información puntual sobre aquelas cuestións que lles poidan interesar. Consideramos que a información é prioritaria e imprescindíbel, non só para ter coñecemento do que está a acontecer no ensino en xeral, senón tamén para dar difusión ás nosas propostas e transparencia ao traballo sindical que desenvolvemos.

Tamén ofrecemos actividades formativas relacionadas con distintas materias, en distintos momentos do ano e ao longo de toda a xeografía galega; asesoramento xurídico e participación na organización sindical. Para todo isto a CIG-Ensino ten locais nas sete cidades galegas e nas localidades de Ribadeo, Vilagarcía, Cangas, A Guarda e Verín.

Conformamos na CIG, en definitiva, un sindicato de clase que defende a identidade nacional de Galiza e a autoorganización dos traballadores e traballadoras, que practica a solidariedade e o internacionalismo, que considera un principio fundamental a democracia e a participación, que respecta o pluralismo, que mantén a independencia respecto de calquera outra organización ou institución, que se expresa en galego e impulsa a nosa cultura e idioma. Somos un sindicato que defende un ensino público galego e en galego, democrático, laico, coeducativo, gratuíto e integrador.

De onde vimos?

A Confederación Intersindical Galega (CIG) xorde do seu congreso fundacional, o 19 de marzo de 1994, e é a converxencia das dúas centrais sindicais galegas, INTG e CXTG. A federación do Ensino é, á súa vez, froito da unificación da UTEG e do SGEI.

Mais as nosas raíces afondan máis na historia e remóntanse ao ano 1974. É no curso 73/74 cando nace na clandestinidade a Unión de Traballadores do Ensino de Galiza (UTEG). As reivindicacións básicas nas que se fundamentan os primeiros programas da UTEG eran: sindicato único galego de traballadoras e traballadores do ensino, corpo único de ensinantes, defensa dun ensino nacional, científico e popular, defensa do ensino estatal, e por tanto público, xestión democrática dos centros, ensino laico e coeducativo, en galego, con mellores salarios e cunha ensinanza obrigatoria e gratuíta até os 18 anos. Todas elas, como se pode observar, de plena vixencia varias décadas despois.

No ano 1977 a UTEG, xunto con outros sindicatos, e tendo presente non só a nosa pertenza a unha nación senón tamén a unha clase social, constituímos a primeira central sindical galega (ING), que no ano 1980 pasaría a se denominar INTG.

Desde aqueles anos iniciais, pasando polo nacemento do SGEI (1985) -emerxido da escisión do sindicalismo nacionalista- e por todo o que levou ao nacemento e evolución da CIG, houbo numerosos avances: non só incrementamos a nosa representación sindical, senón que ampliamos enormemente a nosa afiliación e convertémonos no referente do ensino en Galiza; un referente para o profesorado que acredita no sindicalismo transformador, reivindicativo, participativo e non claudicante que a CIG-Ensino representa.

Aquí estamos.

A CIG está consolidada, desde hai moitos anos, como a primeira forza sindical en número de persoas afiliadas en todo o sector do ensino mais tamén no conxunto de todos os sectores laborais no noso país. Somos, con diferenza, a central sindical con maior afiliación.

Esa fortaleza afiliativa é garante da nosa independencia fronte a calquera inxerencia do poder político ou económico e permite que hoxe sexamos tamén a organización sindical maioritaria e referencial. Unha forza que pretendemos que sexa maior coa colaboración de todas e todos vós.

Suso Bermello

Secretario Nacional e responsábel de Relacións Internacionais

xbermello@cig-ensino.gal

Diego Boquete

Secretario de Acción Sindical e Comunicación

diego@cig-ensino.gal

Marta Ferreiro

Secretaria de Organización e Finanzas

mferreiro@cig-ensino.gal

Xosé Nogueira

Secretario de Afiliación e Servizos

nogueira@cig-ensino.gal

Ana Rodiño

Secretaria de Formación

ana@cig-ensino.gal

Suso Diz

Secretario de Saúde Laboral e Servizos Xurídicos

xesusdiz@cig-ensino.gal

María Rodríguez

Secretaria da Muller e responsábel de Formación Profesional

maria@cig-ensino.gal

Anxo Terán

Secretario de Lingua e Normalización Lingüística

anxo@cig-ensino.gal

Teresa Carballido

Secretaria de Educación Infantil, Primaria e Educación Especial

teresa@cig-ensino.gal

Laura Arrojo

Secretaria de Educación Secundaria e Persoal Interino

laura@cig-ensino.gal

Suso F. Rivas

Secretario de Universidade e Ensinanzas de Réxime Especial

xfrivas@cig-ensino.gal

Henrique García

Secretario de Negociación Colectiva e Ensino Privado

henrique@cig-ensino.gal

ESTRUTURA NACIONAL

Son Órganos Nacionais de goberno da CIG-Ensino:

  • O Congreso
  • O Consello Federal
  • O Secretariado Federal
  • A Executiva Federal

SECRETARIADO FEDERAL 

O Secretariado Federal é un organismo de coordinación entre os distintos ámbitos de funcionamento da federación co fin de dotar a esta no seu conxunto dunha maior operatividade sindical.

Está composto por:

  • Executiva Federal
  • Secretarios ou Secretarias Comarcais e Locais
  • Un representante dos sectores de ensino privado, público non universitario e universitario, cando as comisións respectivas os nomeen

CONSELLO FEDERAL

O Consello Federal é o órgano máximo de dirección da CIG-Ensino entre Congresos. Está formado por 50 persoas:

  • Secretariado Federal
  • O resto, até completar os 50, elixidos polas Asembleas Comarcais das distintas comarcas nas que se estrutura a CIG-Ensino nun reparto proporcional á afiliación de cada comarca.

ESTRUTURA TERRITORIAL DA CIG-ENSINO

Territorialmente a CIG-Ensino organízase en estruturas comarcais e locais.

Son Órganos Territoriais de goberno da CIG-Ensino:

  • Asemblea comarcal
  • A Executiva comarcal
  • A Asemblea Local
  • A Executiva Local

COMARCAS DA CIG-ENSINO

  • A CORUÑA. Secretario comarcal: ALFONSO VARELA VIDAL
  • FERROL. Secretaria comarcal: ANTONIA MARTÍNEZ DÍAZ
  • SANTIAGO. Secretario comarcal: RUBÉN FERNÁNDEZ MONTEAGUDO
  • LUGO. Secretario comarcal: ANTÓN CASTRO RODRÍGUEZ
  • OURENSE. Secretaria comarcal: SARA MARTIÑÁ RODRÍGUEZ
  • PONTEVEDRA. Secretario comarcal: XACOBE RODRÍGUEZ DÍAZ
  • VIGO. Secretario comarcal: XOSÉ SAIÁNS TORRADO

LOCALIDADES DA CIG-ENSINO

  • A MARIÑA. Secretaria local: DORES FERNÁNDEZ ABEL
  • VERÍN. Secretario local: LUÍS FERREIRO FERNÁNDEZ
  • SALNÉS. Secretario local: DUARTE CORREA PIÑEIRO
  • O MORRAZO. Secretaria local: MARÍA MARTÍNEZ NOGUEIRA
  • BAIXO MIÑO. Secretario local: XOSÉ MANUEL MARTÍNEZ TRIGO
ESTATUTOS DA FEDERACIÓN DE ENSINO DA CONFEDERACIÓN INTERSINDICAL GALEGA (CIG-ENSINO)

ACTUALIZADOS NO VII CONGRESO (17 DE XUÑO DE 2017)