4/5/2017
Facebook Twitter Google Plus Chuza Cabozo Belvis
compartir

CIG-Ensino e Mesa denuncian que a Valedora do Pobo actúa como “apéndice do PP”

Consideran “inxustificábel” e “impresentábel” a súa resposta á queixa presentada pola exclusión do galego no Ensino
O secretario nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao, e o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística compareceron esta mañá en rolda de prensa para denunciar a “inxustificábel” resolución e actitude da Valedora do Pobo ante a formulación da queixa presentada sobre a exclusión e discriminación do galego como consecuencia da aplicación da LOMCE na ESO.

Anxo Louzao lembrou que coa aplicación da LOMCE a xa cativa presenza do galego como lingua vehicular no Ensino reduciuse, ao modificarse a carga horaria e mesmo ao cambiar algunhas das materias que había. Isto provocou que o galego pasara a ter 13 horas menos no conxunto da ESO para as ensinanzas aplicadas e 10 horas menos para as ensinanzas académicas.

Diante desta situación tanto a CIG-Ensino como a Mesa pola Normalización Lingüística dirixíronse en repetidas ocasións á consellaría de Educación, enviaron un escrito conxunto, a CIG-Ensino levou o tema á mesa sectorial e mesmo desenvolveu unha campaña nos centros de ensino para exixir a derrogación do Decreto de Plurilingüismo, entendendo que mentres isto non se levara a cabo e se modificara a normativa actual manteríase a “alarmante discriminación” que sofre o galego no Ensino en relación co español.

Porén a consellaría “non fixo caso ás nosas propostas, e así nolo trasladou na propia entrevista que mantivemos co conselleiro como consecuencia dunha mobilización e un peche que fixemos na Secretaría xeral de Política Lingüística”, denunciou Louzao quen engadiu que “só se comprometeu a dar instrucións aos centros para que se cumprira o equilibrio entre o ensino en español e o ensino en galego”.

Unhas instrucións que para o secretario nacional da CIG-Ensino só terían efecto para acadar ese teórico equilibrio se se fixaran as materias a impartir en lingua galega e en castelán. “Iso era o que estaba fixado de antemán e implicaba que 24 horas, no conxunto da ESO, se impartiran en galego e 25 en español. Porén agora pasaron a ser 31 en español fronte a 18 en galego se se cursan ensinanzas aplicadas e 21 se son ensinanzas académicas”.

A isto engadiu que en 2º de ESO, tendo en conta que as materias lingüísticas hai que impartilas nos idiomas correspondentes e que están fixadas 11 horas en español e só 3 en galego, “aínda que todo o resto de materias se impartiran en lingua galega, nin sequera se daría ese suposto equilibrio. Seguiría sendo discriminatorio na medida en que as materias están clasificadas  entre troncais e específicas e de libre configuración, que teñen distinta importancia e atopariamos que das troncais, a case totalidade, agás Xeografía e Historia, estarían impartidas en español”.

Louzao advertiu tamén que mesmo fixando as materias a impartir en lingua galega, os libros de texto están en español e que ese material non se vai modificar nos próximos porque teñen unha vixencia de cómo mínimo seis anos.

Situación de ilegalidade

Por iso concluíu que, mesmo partindo da filosofía do Decreto de Plurilingüismo, non se están cumprindo sequera os mínimos, que “estamos ante unha situación de ilegalidade, atendendo ao cativo marco xurídico e os dereitos que ten a nosa lingua” e o que é peor, “nin sequera a consellaría está disposta a respectar o mandato legal que a obriga a promover a normalización lingüística.

Para Louzao con esta vulneración de dereitos a política lingüística en Galiza aséntase “na persecución, procura a substitución lingüística e o afogamento e a exclusión do noso idioma, na medida en que nin sequera ten unha presenza, como lingua vehicular, do 15% no ensino”.

Resposta inaceptábel da Valedora

Ante esta situación a Mesa pola Normalización Lingüística e a CIG-Ensino recorreron á Valedora do Pobo mediante unha queixa, co obxecto de que instara e requirira da consellaría de Educación o cumprimento da legalidade.

Porén na súa resposta, que Louzao cualificou de “inaceptábel, impresentábel e inxustificábel”, non entra no motivo da propia queixa nin fundamenta a resposta. Por iso denunciou a súa “total complicidade cos posicionamentos da consellaría”. Unha actitude que considerou “impropia” dunha institución como a da Valedora do Pobo.

“É unha resolución prexuizosa co noso idioma. É incapaz de promover o uso da legalidade ante unha institución. Pedimos amparo e vémonos totalmente desamparados” asegurou e concluíu que “actúa como outro apéndice máis do PP. Para iso non necesitamos unha institución como a Valedora do Pobo”.

No mesmo sentido, Marcos Maceira, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística asegurou que “non sabemos se a Valedora nos está a tomar por parvos ou é a Consellería a que a toma por parva a ela e ela acepta de forma submisa”.

Ao seu entender a resposta remitida á queixa da Mesa e da CIG-Ensino “mostra unha falta de respecto por si mesma e a propia Valedora parece máis ben unha responsable dunha subsección de publicidade da Xunta”. Por iso considerou que “non fai falla pedirlle que dimita xa que ela mesma está dimitida das súas funcións que lle corresponden por lei, o único que ten que facer é coller o DOG e facer unha suma matemática simple”.

Maceira considerou que “unha vez máis, chove sobre mollado xa que isto pasou en casos anteriores como o da persecución a un centro de ensino por un cartaz; a petición de que a cartilla de vacinación infantil estivese en español ou a desatención dun usuario ao que lle denegaban a saída dun parking se non falaba castelán. O odio e animadversión ao galego e o desprezo do seu propio cargo inhabilitan á Valedora”.