3/8/2017
Facebook Twitter Google Plus Chuza Cabozo Belvis
compartir

Medra nun 9% o total de mestras suprimidas mentres aumenta a provisionalidade nos colexios de infantil e primaria

A adxudicación de destinos provisionais no corpo de mestres destaca polas itinerancias e pola non cobertura dalgunhas prazas do catálogo de postos
Todo o profesorado do corpo de mestres que non ten destino definitivo incorporarase ao seu destino provisional para o curso 2017/18 o 1 de setembro. Neste novo curso escolar as cifras que salientamos desde a CIG-Ensino, logo dun estudo completo da adxudicación, son as dun elevado número de vacantes con itinerancias. Dun total de 2.458 mestras e mestres que obtiveron destino, un 18% terán que impartir docencia en máis dun centro, sendo nalgúns casos as itinerancias de 4 centros. Especial importancia dentro das itinerancias teñen as persoas que serán orientadoras, xa que sen variar o total de prazas adxudicadas, 166, as que teñen que atender máis dun centro increméntanse un 9% ao respecto do curso pasado.

Cabe destacar que tamén nos atopamos con casos de mestras que ademais de ter que andar dun centro para outro tamén terá que impartir materias das que non é especialista, situación que afecta ao 19% das 444 persoas que teñen itinerancias. A impartición de afíns segue o seu curso, con cifras similares ás dos dous últimos cursos, moi superiores ás de anos anteriores.

En cifras globais aumenta o número de mestras e mestres que non teñen destino definitivo, e non polo incremento do persoal interino que se mantén en cifras case iguais que o ano pasado (1130) senón polos efectos dos recortes de postos de traballo e de peches de centros. Así, o colectivo de persoas suprimidas dispárase case un 15% en só un curso, mentres que a insuficiente oferta de vacantes nos concursos de traslados non logra frear o número de funcionariado de carreira que non obtivo aínda o seu primeiro destino definitivo (un 16% máis que no curso 2016/17).

Prazas catalogadas sen adxudicar

Só unha semana despois de actualizar o catálogo de postos de traballo dos colexios de infantil, primaria e educación especial, no que a Xunta incidiu na súa política de recortes, suprimindo 100 postos de traballo, á primeira de cambio a administración educativa decide incumprir a propia norma que obriga a dotar eses postos e deixa quedar algunha prazas sen profesorado. Algúns exemplos son o CPI Manuel Suárez Marquier do Rosal, o CRA Novo Mencer de Coristanco, o CEIP de Louro ou o CEIP Antonio Blanco do Covelo.

Hai ademais, necesidades dos centros que non foron atendidas pola inspección educativa, o que levará unha vez máis a un inicio de curso de demandas da comunidade educativa para que se atendan as necesidades de apoio educativo específico ou a necesidade de reducir elevadas ratios.

Amortizacións encubertas en Educación Infantil

Caso aparte merecen as amortizacións encubertas de educación infantil en varios centros, onde inspección educativa insinúa a posibilidade de non amortizar prazas de catálogo en Educación Infantil se unha das mestras de educación infantil acepta, en principio durante un ano, impartir docencia en primaria, co cal non cubren a praza de primaria no CADP e amortizan na realidade a de infantil.

Facer fronte á provisionalidade e á inestabilidade

A CIG-Ensino demanda a recuperación das condicións de traballo que foron retiradas polo goberno Feijóo en 2009, retornando ás 21 horas lectivas como máximo, o que implicaría un incremento importante de docentes, con maiores ofertas de emprego público e, consecuentemente, unha mellora non só nas nosas condicións de traballo senón na propia calidade do sistema educativo galego.

É fundamental fixar os claustros, aumentando o máximo posíbel o número de mestras e mestres con destino definitivo, reducindo á mínima expresión o tempo de provisionalidade, que nalgunhas especialidades levan nesta situación desde o 2010.

A inestabilidade laboral, cunha porcentaxe de persoal interino que supón o 46% do total de docentes sen destino definitivo (1.130) ten que vir obviamente de ofertas amplas de emprego mais acompañadas dun acordo de estabilidade, algo que a CIG-Ensino sempre defendeu e seguirá a defender.