27/10/2016
Facebook Twitter Google Plus Chuza Cabozo Belvis
compartir

A PGDEP considera que o paso atrás que acaba dar Rajoy a respecto das reválidas é consecuencia das continuas accións e loita de toda a comunidade educativa en contra das reválidas e da LOMCE

Paso atrás totalmente insuficiente que continúa a amosar unha irresponsabilidade e desprezo absoluto co profesorado e alumnado de 2º de Bacharelato que se ten que enfrontar este ano ás ditas probas, descoñecendo absolutamente todo o relacionado con estas
Ante o anuncio no Parlamento do presidente en funcións, o Sr. Rajoy, a respecto de que as reválidas de ESO e bacharelato non serán necesarias para adquirir o título e terán unicamente valor para acceder á Universidade, até que se conclúa o pacto pola educación, a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público quere manifestar o seguinte:
  • Este paso atrás é, sen dúbida, resultado das múltiples e exitosas mobilizacións que levamos a cabo contra a LOMCE e as reválidas. A sociedade galega amosou en repetidas e numerosas ocasión o seu total rexeitamento baleirando as aulas e participando nas folgas, non enviando o alumnado a realizar as reválidas de primaria e participando en diferentes accións. Unha mostra da oposición ao desatino e calvario ao que se pretende someter o alumnado foi a folga total de onte, 26 de outubro, no ensino galego.
  • Para a PGDEP é totalmente insuficiente a última posición do Partido Popular, xa que o alumnado de bacharelato terá que sufrir unha proba para acceder á Universidade este curso, da que non  coñece o seu contido, deseño e características. Unha irresponsabilidade e desprezo absoluto co profesorado e co alumnado.
  • Non serven as medias tintas. A única saída é a derrogación da LOMCE e a supresión das reválidas. Iso é o que exixe a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público e con ese obxecto continuará a mobilizarse até a súa consecución.