2/9/2011
Facebook Twitter Google Plus Chuza Cabozo Belvis
compartir

A CIG-Ensino alerta dos recortes que está a sufrir o ensino público e prevé que o curso escolar será conflitivo

Está convocada manifestación unitaria, o día 9 en Compostela, paro de brazos caídos o 20 entre as 10:00 a 10:30 h e folga xeral os días 21 e 27 no ensino público non universitario
O curso escolar arrinca con conflitividade, por mor dos ataques que, segundo denunciaba o secretario nacional de CIG-Ensino, Anxo Louzao, esta mañá en rolda de prensa, está a sufrir o ensino público e que se resumen en: redución de profesorado, supresión de unidades, masificación das aulas, falta de administrativos nos centros, incremento do horario lectivo do profesorado, inclusión de labores que non lle son propias como control do alumnado á entrada e saída do transporte escolar, eliminación da gratuidade dos libros de texto, funcionarios en prácticas que non imparten a materia que aprobaron na oposición, servizos complementarios deficitarios, desaparición do dereito á xubilación anticipada, ataques á nosa lingua e moitos menos recursos... entre outros.

Toda unha serie de problemas derivados da aplicación da política educativa do PP, presidida, segundo Louzao, por unha concepción “mercantilista e privatizadora” que baixo o pretexto da crise económica e dunha suposta austeridade está a provocar recortes “para atender as necesidades educativas máis elementais no ensino público mentres se malgaste e se é xeneroso co ensino privado”.

A problemática coa que se inicia o curso arrástrase, porén, do curso anterior e viuse agravada por toda unha serie de medidas que foron impostas aproveitando o verán, e que evidencian “o máis absoluto desprezo, por parte do conselleiro, ao diálogo, ao consenso e, moi especialmente, á negociación”.

Entre outras, sinalou a publicación das ordes que desenvolven os regulamentos orgánicos das Escolas Oficiais de Idiomas, coas que se substituíu a circular imposta con anterioridade, logo de que os tribunais a botaran abaixo por mor do recurso que presentara a CIG-Ensino ou a publicación, tamén en agosto, da Lei de Convivencia. “Unha lei que nace sen ningún tipo de consenso nin apoio, contando única e exclusivamente cos votos do PP, que vai promover medidas coercitivas e represivas e non educativas”, dixo. “Unha lei allea á nosa realidade que pretende darlle amparo legal ás consultas aos pais co obxectivo de reducir aínda máis a presenza do noso idioma como lingua vehicular no ensino”, engadiu.

Do mesmo xeito, lembrou que tamén durante o verán se publicaron os novos cadros de persoal e a ampliación do horario lectivo do profesorado.

Toda unha serie de medidas que se suman ás xa aprobadas durante o curso pasado que son as que provocaron a convocatoria de mobilizacións xa para este mes de setembro, “como resposta a un conselleiro de Educación que continúa empeñado en desprestixiar o profesorado, en romper acordos de maneira unilateral e que segue instalado nunha acción de goberno demagóxica, autoritaria e propagandística”.

Estas mobilizacións, convocadas por todas as organizacións sindicais, comezarán cunha manifestación nacional en Compostela, o día 9 de setembro e continuarán cun paro de brazos caídos o día 20 e folga xeral os días 21 e 27 deste mesmo mes, no ensino público non universitario.

Louzao lembrou que as políticas que está a aplicar a consellaría, van en contra do que propoñía o propio PP no seu programa de goberno, onde aparecía a redución das rateos a 15 alumnos por aula en Infantil, “mentres que o que se está a facer é agrupar alumnado de distintos niveis, , distintas idades e mesmo distintos ciclos nunha mesma aula”; a redución da xornada docente aos maiores de 55 anos, “cando o que fai é ampliarnos o horario”; a catalogación de enfermidades profesionais, “pero nin sequera se nos recoñece o dereito a facer unha revisión médica aos docentes, que somos o único colectivo que non temos unha revisión médica anual”; a dotación de persoal administrativo nos centros “e o que fai é recargar os nosos horarios para ter que facer máis funcións burocráticas” ou a redución do fracaso escolar e do abandono escolar temperá “cando estamos moi lonxe das porcentaxes recomendadas”.

Menos profesorado

O secretario nacional de CIG-Ensino denunciou ademais a supresión de 14 unitarias e de 77 unidades de Educación Infantil e Primaria, o que supón a supresión de 161 postos de traballo docentes aos que engadiu os postos procedentes das xubilacións anticipadas -674 en Primaria e Infantil-,  e as forzosas, -aproximadamente 150-, o que dá un total aproximado de 750. “Para que os cadros de persoal continuaran sendo como no curso anterior estariamos falando de preto de 800 interinos máis que terían que contratar”, explicou.

Alén diso, sinalou que os funcionarios en prácticas de Primaria que aprobaron as oposicións neste curso, 150, van ter que facer esas prácticas en especialidades que non son a súa. “Empeoran as condicións de traballo e polo tanto do ensino, porque ademais, vai a haber 330 profesores itinerantes, que van compartir máis de un centro, ou 192 profesores que van impartir afíns”.

Favorecer á privada concertada

Fronte á situación na que se atopa o ensino público, Anxo Louzao denunciou que, de maneira “inxustificada e inadmisíbel se concertan 9 unidades máis nos centros privados concertados”. E non só iso, “este curso escolar tamén está programado”, afirmou, “para desviar indirectamente, cada vez máis recursos ao ensino privado e concertado” a través do programa Abalar, que destina un 15% máis de subvencións a centros concertados que aos públicos ou o do ensino plurilingüe, no que son tres veces máis os centros privados-concertados que desenvolverán este programa fronte os públicos e que van ter recursos extraordinarios a través destes mecanismos.

Ataques ao galego

Xunto a isto, Louzao denunciou todas as medidas que se están poñendo en marcha para diminuír a presenza do galego, desde o Decreto de Plurilingüismo, pasando pola Lei de Convivencia, até o propio programa de centros plurilingües. Nese sentido, denunciou que “a día de hoxe non coñecemos o resultado da aplicación do Decreto de Plurilingüismo, nin o resultado de como se está a efectivizar na Educación Infantil, nin que pasa nos centros plurilingües”.

Respecto destes últimos, lembrou que case un 40% dos centros concertados imparten en Inglés Coñecemento do Medio, unha materia de obrigada impartición en galego. Porén, non se sabe en cantos destes centros se está a substituír esa materia por outra en lingua galega.

Unha situación que pon en perigo ao noso idioma e da que xa advertiu, lembrou, o Consello Consultivo asegurando que “o noso idioma ten que ser potenciado por ser o idioma desprestixiado, o que ten menos presenza. É unha obriga dos poderes públicos para a súa normalización, que non se pode favorecer cando se imparten exclusivamente un terzo das materias en lingua galega, dándolle o mesmo trato que a unha lingua estranxeira como o inglés”.