19/6/2017
Facebook Twitter Google Plus Chuza Cabozo Belvis
compartir

A CIG denuncia a discriminación da lingua galega na nova sede electrónica de MUFACE

O castelán aparece como única opción nunha nova web desprezando ás persoas usuarias de Galiza e outras nacións con lingua propia
Na última reunión do Consello Xeral de MUFACE a CIG presentou unha queixa formal pola discriminación que supón para o galego que a nova sede electrónica da entidade só estea en castelán. O sindicato rexistrou un escrito no que solicitou que, sen dilación, se ditaran as oportunas instrucións para que as persoas usuarias da sede electrónica non só podan optar pola versión en galego das informacións que conteña a nova web senón que, ao tempo, poda descar-gar ou cumprimentar en liña os impresos en galego dos distintos servizos que se ofrecen.

MUFACE é a entidade que xestiona, entre outras, as prestacións sanitarias de todo o persoal encadrado no Réxime Especial do Funcionariado Civil do Esta-do, e no cal están incluído todo o profesorado galego coa excepción do persoal interino e outros vinculados ao réxime xeral. Igualmente está tamén incluído persoal de Correos, da Administración Central en Galiza e da propia Administración Autonómica. Estamos falando, por tanto, da negación dun dereito elemental para miles de persoas en Galiza, que se fai extensíbel tamén a outras linguas como o éuscaro ou o catalán nos seus respectivos países.En resposta á nosa demanda, o Director Xeral de MUFACE asegurou que a versión “noutras linguas diferentes do castelán” se habilitaría en breve e que sería mediante unha tradución automática dos contidos orixinalmente redactados en castelán sen revisión posterior, como xa está actualmente a web xeral da mutualidade. Desde a CIG criticamos esta opción xa que somos conscientes dos innumerábeis erros que conteñen as web con traducións automáticas e instamos ao Ministerio de Facenda, do que depende MUFACE, a que publique todos os contidos con traducións oficiais. Chama a atención que a única razón esgrimida por MUFACE para recorrer á tradución sen control é o gasto que suporía facer unha tradución oficial. Como CIG propuxémoslle á Dirección Xeral  que fagan a proba de facer unha web orixinalmente en galego e con tradución automática en castelán. Estamos ben certos de que, neste caso, non habería razóns económicas que valesen para prestar un servizo cun mínimo de calidade. Como CIG defendemos que o galego ten que ter o mesmo recoñecemento que o castelán nunha administración estatal xa que, do contrario, supón unha vulneración dos nosos dereitos lingüísticos. En todo caso, estaremos vixilantes de que a incorporación da nosa lingua, con todas as eivas expresadas, se faga canto antes, tal e como se comprometeu o máximo representante de MUFACE na reunión.Tamén animamos a todas as persoas que fagan uso desta sede electrónica, ou doutras similares que conten con versión na nosa lingua, a que usen sempre a opción no noso idioma para así facer máis visíbel o galego en internet.