18/7/2017
Facebook Twitter Google Plus Chuza Cabozo Belvis
compartir

A Consellaría de Educación elimina un mínimo de 31 postos de traballo co peche de centros e traslados de ensinanzas

A cifra podería aumentar xa que varias das prazas se poderían suprimir no próximo curso
A Consellaría de Educación, nun novo xesto de falta de negociación, non proporcionou ningún dato concreto sobre a cifra total do profesorado que perde o seu posto de traballo nin das futuras supresións que xa avanzou o conselleiro no Parlamento.

Na Mesa Sectorial que tivo lugar hoxe a Consellaría de Educación viviuse un novo capítulo da política de recortes no ensino público da Consellaría de Educación. O peche de centros imposto unilateralmente pola Consellaría así como o traslado de ensinanzas da ESO, vai implicar unha redución importante de postos de traballo, un empeoramento da oferta educativa e da calidade do ensino. 

Malia a falta absoluta de información por parte da Consellaría dos efectos do peche e traslado de ensinanzas, a CIG-Ensino puxo enriba da mesa as cifras que a Xunta agocha e deixou ao descuberto a verdadeira e única intencionalidade desta mal denominada “reestruturación”. En total serán, como mínimo, 31 postos de traballo os que se perdan por estes recortes. A cifra podería chegar a 35 se a Xunta desatende as necesidades de especialistas en PT que a día de hoxe existen por riba do Catálogo de Postos de Traballo debido ao elevado número de alumnado con necesidades específicas de apoio educativo (NEAE). 

As cifras por centros e concellos serían as seguintes:

Outes

Non se produciría ningunha variación no total de unidades escolares, o que fai dubidar de que se estean adiando supresións para un momento posterior xa que, por exemplo, figuran 6 unidades de EI con 8 docentes cando na actualidade só existen 5 aulas operativas. A vella táctica da Xunta de suprimir aulas e docentes en diferido parece que se vai aplicar tamén neste caso.

As Pontes

Pérdese 1 posto de PT do corpo de mestres na ESO e están no aire dous postos a maiores de PT que desde a CIG demandamos que se manteñan.

No caso de profesorado se secundaria pérdense 6 postos de traballo. O traslado de ensinanzas vai implicar unha masificación nas aulas do IES Moncho Valcárcel, xa que das 4 aulas existentes no CPI que agora pecha só se incrementará 1 aula no outro centro pontés. 

O Porriño

Hai un total de 6 postos de traballo que se perden co traslado das ensinanzas do CPI ao IES do Ribeiro.

Ribadavia

Os efectos do cambio das ensinanzas da ESO vai implicar a eliminación de 16 postos de traballo, 2 deles do corpo de mestres e 14 no profesorado de secundaria, 9 deles que proveñen do CPI e 5 postos con destino provisional no centro receptor.

A Consellaría non sabe conxugar o verbo negociar

Desde a CIG-Ensino fíxose fincapé en que as formas en todo este proceso foron claramente vergoñentas, sen previo coñecemento dos centros, cunha decisión unilateral sen negociar, recorrendo a chamadas telefónicas ou visitas no último minuto aos centros. Evidenciouse o autoritarismo da Consellaría e mesmo a covardía, fuxindo do debate público, da negociación cos sectores afectados, da comunicación co profesorado e o restos da comunidade educativa. Todo para, en palabras do conselleiro, non crear “alarma social”, cando foi precisamente iso o que causaron xunto cun enorme malestar e indignación. 

É imposíbel crer que isto responda a unha improvisación de finais de curso. A Consellaría sabía perfectamente o que quería facer con moita antelación. 

Mais tamén se evidencia que xunto co escurantismo e a ausencia de negociación se mestura a pésima xestión cando hai equipos directivos que recibiron un correo electrónico o día 13 de xullo co cese con efectos do 4 de xullo, mentres que na orde que nos trae hoxe á Mesa figura como data de cese o 31 de agosto. 

No fondo da cuestión a política educativa do PP está agudizando o problema que existe no medio rural e nas vilas de tamaño medio, cunha redución da oferta educativa que demostra a visión mercantilista da administración, contemplando o ensino como fríos números, coa calculadora que só opera para restar ou para maquillar os recortes.

Mais non estamos só diante dun tema exclusivamente educativo. Ten un profundo alcance social. Asistimos a unha progresiva perda de poboación mentres desde o goberno se toman medidas que provocan un maior desarraigo, ao eliminar os poucos servizos que se lle ofrecen. 

Ten a Consellaría un estudo feito do futuro do CPI  e dos centros incompletos no conxunto do país?

Desde A CIG-Ensino demandamos da Consellaría que  informe sobre as súas pretensións ao respecto dos CPI do conxunto do país. Pensamos que se acaba de dar unha mensaxe perfectamente clara. Cando o conselleiro fala de anacronismo está indicando o futuro destes centros. O mesmo podemos afirmar do que acontece con casos similares ao CEIP Emilio Navasqüés de Cruceiro de Roo en Outes. Son moitos os centros cun número igual ou mesmo inferior a este que poderían seguir o camiño do peche agora executado pola Xunta. Como CIG-Ensino defenderemos, como sempre o fixemos, un tratamento específico para o ensino no rural, coñecedores como somos da necesidade de apostar por unha mellora dos servizos públicos para fixar poboación e garantir o futuro do rural.

Garanatía dos dereitos do profesorado.

O profesorado non pode ser un elemento de usar e tirar, co que non se conta, ao que se despreza e ao que cambiamos as condicións de traballo, o posto de traballo dun día para outro. Temos unha normativa que serve de base para garantir os dereitos do profesorado cando perde o seu posto de traballo. Mais esa norma non pode ocultar a realidade que forza a propia Consellaría. Non hai mais que ver esta última actuación: adxudica prazas no concurso de traslados (CXT) para centros que agora pecha, impide que o profesorado poda participar no CXT con coñecemento previo dos plans da Consellaría, etc…  

Por iso desde a CIG-Ensino defendemos que se exima da obrigatoriedade de adscribirse, con ocasión de vacante, ao centro receptor. Debe permitirse que todas aquelas persoas que, tendo destino definitivo nos centros que se pechan ou perden ensinanzas, queiran optar pola supresión, así o podan facer. Obrigalos a ir ao novo centro é unha inxustiza, máxime cando hai casos de mestras que acaban de saír deles ou cando estamos a falar de cambios importantes nas súas condicións de traballo (horarios diferentes, xornadas partidas, etc…).

Varios da Mesa Sectorial. 

  • Oposicións de próximas convocatorias. Solicitamos saber se a Consellaría foi convocada xa polo MECD para falar dos procesos selectivos dos próximos anos e deixamos clara a nosa postura en canto ao necesario pacto de cara a estabilidade do profesorado interino. A Consellaría resposta que si, houbo unha reunión de cara a estabilización do emprego (non consolidación do profesorado interino); tratouse de clarificar determinadas situacións como serían a modificación dos temarios, un novo real decreto de acceso instando a que, se houber cambios, estes estivesen feitos en outubro. Tamén aclara a Consellaría que van facer uso das súas competencias e non van convocar un ano primaria e outro secundaria, seguindo coa práctica habitual da Consellaría.
  • Facemos referencia a diversas irregularidades das oposicións en curso, nomeadamente os tribunais de Cociña e Pastelería, Turismo e Inglés. En canto aos erros de baremación por parte dalgúns tribunais a Consellaría di que serán subsanados antes da publicación definitiva.
  • Abusos da inspección. Esiximos que se poña fin a estes abusos, facendo especial fincapé na provincia de Pontevedra, onde máis se produciron sen obviar que tamén existen casos noutras provincias.
  • Impartición dos módulos comúns da FPB. Deixamos clara que actuación do inspector do CIFP da Xunqueira é un erro. A propia Consellaría di que respectarán a atribución docente do profesorado na FP Básica. 
  • LGBTI. Facemos referencia ao escrito presentado esixindo o desenvolvemento da Lei pola igualdade e non discriminación de persoas LGBTI no ensino público.
  • Elección de horarios a principios de curso. Tal e como defendemos na última Mesa, a Consellaría debería garantir que todo o profesorado, en igualdade de condicións, puidese elixir horario e grupos a principios de curso. A Consellaría resposta que non vai facer nada, que os horarios escóllense na primeira semana de setembro.
  • Vacantes de secundaria. Esiximos que se negocien e a Consellaría di que non as vai negociar.
  • Permutas provisionais. Na Mesa solicitamos que se fixera unha aplicación para actualizar e consultar en tempo real as solicitudes, que o profesorado, igual que no XADE se cargan as vacantes, poida cargar os seus datos, eliminalo ou modificalos, non chega co primeiro paso dado no corpo de mestres.
  • Problemas coa UAC. Solicitamos que se garanta a asistencia a centros e profesorado.
  • As prazas do CFR de Lalín, foron para as persoas que anunciamos na mesa anterior, é unha desvergonza por parte da administración que sigan sucedendo cousas semellantes, que se amañen concursos para favorecer a persoas determinadas, chegado, nun dos casos, a suspender proxectos de docentes para que estas persoas acaden as prazas.
  • CXT. Solicitamos de novo aclaración sobre que vai facer a Consellaría coa xente que vén de fóra de Galiza, que obtivo destino e polo tanto terían que ver variada a súa puntuación. A Consellaría aclara que, previa aceptación do recurso, tentará modificar as adxudicacións para esta xente pero que, de non poder, daríalles praza en comisión, pero engade que tamén está tendo en conta reclamacións de xente que non obtivo destino en Galiza.
Documentos
20170718 CIG Informa Mesa Peche Centros