16/6/2017
Facebook Twitter Google Plus Chuza Cabozo Belvis
compartir

A CIG-Ensino renova mañá sábado a súa dirección no VII Congreso

Este sábado, día 17 de xuño, baixo o lema “Profesorado valorado nunha educación pública e galega”
A CIG-Ensino celebra o seu VII Congreso mañá sábado, día 17 de xuño, na facultade de Ciencias Políticas, en Santiago de Compostela, baixo o lema “Profesorado valorado nunha educación pública e galega”. Unha intensa xornada de debate na que se avaliará o traballo desenvolvido durante este período e no que se definirán as liñas de actuación para os vindeiros catro anos.

Para a CIG-Ensino este Congreso ten especial relevancia porque está prevista a renovación do 40% da súa Executiva e, sobre todo, porque o que foi o seu secretario nacional nos últimos 16 anos, Anxo Louzao, dá paso ao relevo xeracional, logo de toda unha vida de compromiso co sindicalismo nacionalista e de loita por un ensino público, gratuíto, laico, científico e galego.

Durante o seu mandato, Louzao e as compañeiras e compañeiros que canda el traballaron intensamente no ámbito do ensino conseguiu situar á federación como primeira en capacidade de mobilización e en afiliación e como maioritaria en representatividade, tanto no ensino público non universitario, onde ten o 46% -case maioría absoluta- como no ensino universitario, incrementándoa tamén no ensino privado.

Pechado o prazo de presentación de candidaturas, confírmase que só unha concorrerá á Secretaría nacional, á Executiva federal e ao Consello Confederal, todas elas encabezadas por Xesús Bermello.

O seu inicio está previsto para as 10:30 horas e o acto de clausura dará comezo ás 16:30 horas.

Horarios

10:00 Recepción de congresistas.

10:30 Regulamento do congreso e votación. Apertura do congreso.

11.00 Informe de xestión económica. Informe da Executiva Federal e votación.

12.15 Elección da Mesa Presidencial. Presentación e debate dos estatutos e do Relatorio de acción sindical.

12.50. Presentación de candidaturas.

13:00.  Votacións.

14:00.  Xantar.

16:30. Acto de clausura

-       Intervención das delegacións convidadas.

-       Presentación dos candidatos e candidatas electas.

-       Resolucións do congreso.

-       Intervención do secretario xeral da CIG.

 

Clausura polo secretario nacional da CIG-Ensino electo.