14/6/2017
Facebook Twitter Google Plus Chuza Cabozo Belvis
compartir

Unha vez máis a Consellaría de Educación exhibe o seu desprezo pola nosa lingua

A dez días de remate do curso, acaba de comunicarlles aos equipos a contía da axuda para a realización de actividades de normalización lingüística durante o curso que xa remata
A CIG-Ensino ten que denunciar cada ano o desprezo da Consellaría de Educación pola nosa lingua e polo traballo do profesorado e dos Equipos de Normalización Lingüística. Se o pasado ano publicaron esta resolución a vinte días de rematar o curso, este ano aínda a publican máis tarde. Cando soamente quedan 10 días para rematar e o profesorado ve incrementada a súa carga de traballo co remate do curso e as avaliacións finais, 867 centros acaban de saber a canto ascende a contía da axuda solicitada.

Pouco, moi pouco, poden facer estes centros coa axuda concedida, unha axuda que para máis do 57,5 % dos centros,  499 centros que atenden a máis de 118.500 alumnos e alumnas, non supera os 350 € (a contía máxima concedida é de 800 € a catro centros). Por iso, a maior parte do traballo ten que ser levado adiante coa enorme voluntariedade e imaxinación do profesorado dos equipos.

A convocatoria de 2017 tampouco tivo en conta as recomendacións máis básicas:

  • Publicación no inicio de curso (non se publicou até o 18 de xaneiro)
  • Resolución o antes posíbel, como moi tarde no inicio do segundo trimestre (como vemos, publícase a dez días do final do curso)
  • Incremento das axudas de xeito que signifiquen unha dotación real e efectiva para o desenvolvemento de actividades nos centros (a Consellaría mantén a redución orzamentaria de máis do 60% que desde hai anos sofren os centros públicos).

Estamos ante un sutil mecanismo de paralización do importante labor dos equipos de normalización. A Consellaría sabe que os equipos non poden programar as actividades sen coñecer a contía das axudas, de aí a súa tardía publicación, e sabe tamén que a súa continua redución é un importante impedimento para deseñalas e desenvolvelas.  A CIG-Ensino denuncia esta situación e esixe:

  • Incremento das contías das axudas aos Equipos de Normalización de maneira que sexa unha axuda real.
  • Publicación da convocatoria co inicio do curso e resolución o antes posíbel, de xeito que as axudas sexan efectivas e permitan o deseño e a convocatoria de actividades que incidan no proceso de normalización da nosa lingua.