13/6/2017
Facebook Twitter Google Plus Chuza Cabozo Belvis
compartir

Unha minoría sindical asina un acordo que non recolle ningunha mellora para o colectivo de persoal interino

O profesorado que durante o curso escolar traballou máis de 5 meses e medio seguirá sen cobrar os meses de verán
A CIG-Ensino non asinou a modificación da addenda que regula o acceso e as condicións de traballo do persoal interino e substituto esta mañá coa Consellaría de Educación porque non supón ningunha mellora laboral para este colectivo de profesorado. A CIG-Ensino non está disposta a avalar ningún acordo que non inclúa a recuperación dos dereitos perdidos nos últimos anos ni ningún avance para a estabilidade do colectivo.

A addenda asinada hoxe por unha minoría sindical nin sequera restitúe para o profesorado substituto o dereito á percepción do pagamento dos meses de verán por riba do que proporcionalmente corresponde polo tempo traballado, cando se superan os 5 meses e medio de traballo efectivo; un dereito acadado despois dunha intensa campaña de mobilizacións e folgas no ano 2006 e que foi eliminado unilateralmente pola Consellaría.

Este acordo ademais non achega nada novo xa que as cuestións que recolle xa aparecen incluídas na Orde de adxudicación de destinos provisionais que se debateu na última Mesa Sectorial. Para a CIG-Ensino, é necesario negociar un acordo de estabilidade para o profesorado interino, concretamente o maior de 55 anos até a súa xubilación.

A CIG-Ensino tamén lamenta que o resto de organizacións sindicais avalen coa sinatura deste acordo a política educativa da Consellaría de Educación. Con esta addenda, durante estes últimos anos, a Consellaría, coa conivencia das demais organizacións sindicais, deulle carta de natureza a un remendo de comisión de seguimento na que se deixa fóra a CIG, organización que hoxe en día ten a maioría absoluta da representación na Mesa Sectorial.

A Consellaría permite que sindicatos que foron asinando ou rexeitando por anacos diferentes modificacións puntuais dun acordo que parte do ano 1995 sigan formando parte dunha comisión que usurpa a lexítima representación do profesorado.