Tratouse na mesa sectorial o catálogo de postos de traballo, Itinerancia, complemento titorial e a relación laboral do profesorado de relixión

Mesa sectorial do 6 de xullo de 2007

Na Mesa Sectorial do 6 e 7 de xullo tratáronse entre outros asuntos o catálogo de postos de traballo, aboamento do complemento específico por función titorial e outras funcións docentes, Negociación das condicións de traballo do profesorado itinerante e a relación laboral dos profesores de relixión

MESA SECTORIAL DOCENTE

DO 6 DE XULLO

Na Mesa sectorial de hoxe, día 6 de xullo, tratáronse tres temas:

Aboamento do complemento específico por función titorial e outras funcións docentes

Proximamente publicarase unha orde que regulará a percepción do complemento de titoría e outras funcións docentes, segundo esta orde todo o profesorado que sexa titor ou realice as funcións docentes relacionadas na orde percibirá este complemento que fora negociado no Acordo retributivo, asinado pola CIG-ENSINO. A orde estabelece as funcións a realizar, de tal xeito que queda garantido que todo o profesorado percibirá o complemento. A CIG-ENSINO defendeu, entre outras propostas, que entre as funcións docentes estivese a dinamización en normalización lingüística e a realización de programas de integración, cuestións que foron aceptadas pola Consellaría.

Catálogos de postos de traballo dos centros de Educación Infantil e Primaria

A Consellaría presentou os catálogos dos centros de Educación Infantil e Primaria que sofren modificacións de cara ao curso que vén. A Consellaría explicou que proximamente se farán públicos os catálogos dos centros, recollendo estas modificacións no número de unidades co número de postos de traballo que lle correspondan en función da aplicación dos novos cadros de persoal derivados do acordo asinado pola CIG-ENSINO o día 8 de xuño e que se efectivizarán definitivamente no curso 2009-10 (catálogo EEI, CEP e CEIP 07-08 /// catálogo CPI 07-08///catálogo CRA 07-08 ///catálogo CEE 07-08 ) No debate na Mesa quedou claro que non se efectivizarán as supresións de persoal, cando a supresión dunha unidade, aplicado o novo catálogo, non dea lugar a redución de postos. A CIG-ENSINO reclamou que no caso dos centros de Educación Infantil os criterios que se apliquen sexan os relativos a este tipo de centros e non outros. En todo o país suprímense 109 unidades e créanse 152, o que supón un saldo positivo de 43 unidades.

Negociación das condicións de traballo do profesorado itinerante

Negociouse tamén unha proposta de acordo sobre a condicións de traballo do profesorado itine rante, profesorado que ten que compartir centros, quedando pendente a negociación defintiva para principios de setembro . A CIG-ENSINO defendeu as seguintes propostas:

- Aplicación do acordo desde 1 de setembro de 2007.

- Que tamén teñan a consideración de itinerantes o profesorado que teña que realizar desprazamentos a distinta localidade de onde ten o destino base, ou dentro da mesma localidade cando esta sexa unha gran cidade.

- No caso das mulleres xestantes que non teñan que realizar itinerancias a partir do quinto mes de xestación, ou desde o momento en que así o indique un informe médico.

- Os postos itinerantes serán voluntarios, polo que non poderán ser adxudicados forzosamente nas adxudicacións provisionais, nin no concurso de traslados.

- A distancia entre o centro ou localidade de destino e os centros aos que se ten que desprazar o profesorado, non será superior a 25-30 quilómetros.

- Cómpre considerar medidas especiais de prevención de riscos laborais.

- O tempo de desprazamento entre o centro base e os centros, tanto para a impartición de aulas como para a asistencia a reunións de órganos de coordinación ou goberno, débese considerar como de docencia e o cómputo por desprazamento nunca será inferior a media hora por desprazamento entre centro e centro. Ademais propuxemos unha táboa de redución horaria en función da distancia percorrida, desde dúas horas para distancias de até70 Km., tres horas até 105 Km., 4 horas até 150 Km., 5 horas até 190 Km., 6 horas até 230 Km., distancia que non se debe superar en ningún caso.

- Que o pago da quilometraxe sexa realizado directamente pola Consellaría.

- Estabeleceranse indemnizacións económicas para os vehículos, créditos brandos para a súa adquisición e creación dun fondo para sinistros e un seguro de vida e accidentes para accidentes durante os desprazamentos.

- Que no caso de modificación das condicións de traballo, postos non itinerantes que pasan a selo, ou incremento da intinerancia en máis do 50%, que o profesora ou profesora afectado poida optar a quedar suprimido.

- Os/As profesores/as itinerantes impartirán docencia no menor número de centros posíbel.

- Os horarios deben estar configurados de tal maneira que o desprazamento do/a itinerante sexa o menor posíbel por día.

- O/A profesor/a itinerante non percorrerá nunca máis de dúas escolas á mañá e unha pola tarde.

- Que este profesorado estea exento de realizar titorías

A Consellaría aceptou unha parte importante das propostas: a protección á maternidade desde os cinco meses, tramitar cunha entidade bancaria a oferta de créditos brandos para adquisición de vehículos e para a contratación de pólizas de seguros, cómputo como tempo lectivo a efectos de redución por desprazamento dos recreos e das reunións docentes, non asignación, con carácter xeral, de titorías e aplicación desde o 1 de setembro. Ademais quedaron de estudar unha táboa de reducións horarias lectivas en función das distancias percorridas, a opción de quedar suprimido por modificación das condicións de traballo e no caso de especial dificultade nos traxectos por mor da orografía estudaríanse reducións horarias no horario de permanencia.

A CIG-ENSINO exixiu da Consellaría que revise os máximos que propoñía en canto á distancia máxima semanal a percorrer, 300 Km., e en canto á redución de horario lectivo, en que a Consellaría manifestou que non reducirían máis de cinco horas.

Na Mesa, que comezou onte, debateuse tamén a orde que regula a relación laboral do profesorado de relixión. A CIG-ENSINO manifestou o seus rexeitamento a que a relixión forme parte do currículo escolar e tamén ao procedemento de selección deste profesorado, que ten que contar cun certificado de idoneidade expedida pola Igrexa. Ademais manifestou a súa oposición a que este profesorado, que non accede polo mesmo procedemento có resto, poida realizar tarefas distintas da impartición de relixión, incluídas gardas docentes. A CIG-ENSINO reclamou da Consellaría que estude debidamente o tema, pois do contrario analizaremos as posíbeis medidas legais contra a orde.

Volver