Sexenio de transferencia

Información da reunión sindical co Secretario Xeral de Universidade

O luns 10 de decembro tivo lugar unha reunión das catro organizacións sindicais con representación na Mesa de Universidade a nivel do Estado (CIG, CCOO, CSIF e UGT) co Secretario Xeral de Universidade. A reunión foi meramente informativa sobre as novidades que comporta a nova proposta ministerial do Sexenio de Transferencia, un sexenio imposto unilateralmente polo Ministerio e sen negociación previa coas organizacións sindicais.

O Secretario Xeral explicou as razóns da convocatoria do sexenio de transferencia debido á premura dos prazos e a vontade de lanzar a convocatoria piloto este mesmo ano, conxuntamente coa convocatoria xeral de sexenios. 

Diante da multitude de dúbidas e preguntas que lles chegan desde que fixeron pública a convocatoria van elaborar un documento coas respostas ás preguntas máis frecuentes, que farán público nos vindeiros días. 

En todo caso avanzou algunhas desas aclaracións: 

Na convocatoria deste ano pode solicitarse un só sexenio de transferencia. Non é incompatíbel con solicitar sexenio de investigación ordinario, a quen lle corresponda. Pero de transferencia solicítase un só, considerándose o de este ano como experiencia piloto. Nos vindeiros anos poderase solicitar outros. 

  • O período pode comezar cando cada quen considere oportuno (non ten porque ser actual ou recente)
  • Os anos non teñen porque ser consecutivos.
  • O último ano que se inclúa marca o período que queda "consumido" (nos vindeiros anos non se poderá solicitar avaliación de anos previos ao último que se inclúa na solicitude actual).
  • A remuneración do sexenio de transferencia será idéntica á dos sexenios de investigación (tanto para titulares como para catedráticos).
  • O tope de sexenios cobrábeis segue sendo 6. Os que se obteñan por riba de 6 deben substituír (a efectos de remuneración) outro anterior. 

A CIG defende que a recuperación das perdas salariais constantes sufridas desde hai anos non debe facerse a través de complementos retributivos, senón mediante unha recuperación salarial que afecte ao conxunto do profesorado.  

O novo sexenio de transferencia aumenta a carga burocrática que xa abafa ao profesorado universitario.

A CIG estará atenta a se se interioriza na resolución dos sexenios o recoñecemento das actividades de transferencia non mercantís que tamén supoñen un retorno necesario á sociedade do coñecemento que se xera nas universidades. 

Características da nova avaliación 

As solicitudes de avaliación do novo sexenio de transferencia do coñecemento non van supoñer un aumento de retribucións ao longo da carreira profesional do PDI. Tan só, e segundo a información do Ministerio, un adianto na percepción dun sexenio, este novo, para aquelas persoas que non completaran aínda os 6 sexenios. 

Para solicitar este novo sexenio de transferencia é necesario ter obtido previamente unha avaliación positiva dun sexenio de actividade investigadora. De non obterse avaliación favorábel neste primeiro período poderase solicitar de novo, por unha única vez, na seguinte convocatoria. 

Para obter unha avaliación positiva deberán presentarse cinco achegas. Podería ser un número inferior se os traballos se consideran de extraordinaria calidade e tiveron unha alta repercusión. Valoraranse especialmente as seguintes achegas, agrupadas en catro bloques: 

Transferencia a través da formación de investigadores e investigadoras e do fomento da cultura emprendedora na Universidade a través da creación de "start-up ou spin-off”. 

Transferencia do coñecemento propio a través de actividades con outras institucións, avaliando a pertenza a comités de alta relevancia, os períodos de excedencia, servizos especiais, comisión de servizos e os contratos temporais en entidades externas enmarcadas na Lei da Ciencia, a Tecnoloxía e a Innovación, así como os resultados obtidos. 

Transferir xerando valor económico. Este bloque identifica los indicadores que, polo seu impacto, xeran maior riqueza e teñen capacidade tractora no territorio ou no seo da comunidade á que van dirixidos, como os dereitos da propiedade intelectual ou industrial nos distintos campos do saber: ciencia, patrimonio, tecnoloxía, artes, etc. A avaliación abordará a facturación por royalties (patentes, modelos de utilidade y rexistros, entre outros), a relevancia e impacto social, e a participación en contratos e proxectos con empresas e institucións. 

Transferencia xeradora de valor social. Inclúense aquelas actividades que redundan no beneficio da sociedade: participación en convenios e contratos para realizar actividades con especial valor social, as publicacións de difusión social, incluídas as realizadas en medios de comunicación, e de difusión profesional. 

EXCLUSIÓN DA CIG DAS REUNIÓNS DO GRUPO DE TRABALLO SOBRE  ESTATUTO DO PDI 

O Ministerio e as organizacións sindicais estatais celebraron xa dúas reunións do “grupo de traballo sobre o Estatuto do PDI”. Este grupo de traballo depende organicamente da Mesa de Universidades estatal na que a CIG está representada como organización sindical máis representativa. É un falta de respecto e un incumprimento absoluto da normativa legal en material de representación sindical que se vete a participación da CIG. O máis grave é que a segunda reunión tivo lugar na tarde do mesmo día no que se mantivo a reunión co secretario xeral de universidades.  

A CIG remitiu unha queixa formal ao ministro por unha exclusión que só implica un descrédito para quen a promove.  

Está prevista unha reunión no mes de xaneiro, esta supostamente de carácter “oficial”, para falar do mesmo tema.

Volver